Xulio Ferreiro: “Estamos preparados para liderar un cambio real na Coruña”

Texto: Alejandro Martín
Foto: Antía García Sendón

Semana decisiva para a Marea Atlántica. As enquisas rexistran xa o desgaste do Partido Popular, acosado pola corrupción e o descontento dunha sociedade cada vez máis desigual, e avisan da impoñente irrupción da candidatura de unidade popular que encabeza o profesor e ex-maxistrado Xulio Ferreiro, deportivista confeso e coruñés dos Mallos, onde naceu hai 40 anos.
 

Os do punto azul poderían poñerse á cabeza do goberno local da Coruña despois das eleccións do 24 de maio. A rúa, de momento, dálle a razón aos números. O pasado 12 de maio, 1.500 persoas ateigaron o auditorio principal de Palexco e outras tantas quedaron fóra nun acto “histórico”, insiste o candidato, impulsado polas organizacións políticas que apoian a Marea Atlántica nestas municipais.

Vese xa como alcalde?

Cómpre ter prudencia. As enquisas responden aos intereses particulares de quen as encarga e as publica. Nós ao noso: traballar, traballar e traballar. O que é cada día máis evidente é que hai unha marea de ilusión crecente nesta cidade, que a xente quere protagonizar unha nova etapa no Concello da Coruña e que a Marea Atlántica é o instrumento. E que estamos preparados e en disposición de liderar un cambio real.

Ciudadanos tamén se estrea na Coruña nestas municipais, e tamén promete un cambio.

Quen se presenta agora coa marca de Ciudadanos facíao hai nada coa de UPyD e representa as mesmas políticas que o PP: os recortes, a redución do estado social, que se salve quen poida. Tecnicamente, non se estrean. E dificilmente poden propoñer un cambio.

Ou sexa, que non pactarían con Ciudadanos para formar goberno.

A Marea non vai pactar nin con siglas nin con nomes propios. Vai pactar a partir de obxectivos, métodos e principios éticos. O 24 de maio só hai dúas opcións: colocarse do lado das políticas antisociais e a corrupción do PP ou colocarse do lado das políticas que poñen as persoas primeiro, do lado da Marea. O resto das forzas políticas terán que escoller.

E co PSOE e o BNG?

Insisto: obxectivos, métodos e principios éticos. Se PSOE e BNG son capaces de estar á altura do tempo que vivimos e deixar atrás experiencias que ninguén quere repetir, si.

Saen da nada e en menos dun ano marcan o ritmo da campaña electoral e soan como alternativa de goberno. Que hai detrás da Marea?

Non é certo que saiamos da nada. Na Marea resoan Nunca Máis, o 15M, a batalla contra os desafiuzamentos, anos de traballo honesto dos movementos sociais e as bases de moitas organizacións políticas. E á Marea estase sumando agora xente que nunca participara en política, xente que loitou contra o franquismo e logo perdeu a ilusión e a confianza nas institucións, xente que nos di que xa ten por fin a quen votar ou que xa non se vai deixar enganar máis polo partido ao que votaba até agora. Xente que se sentía, dun xeito ou doutro, traizoada.

Agardaban chegar até aquí?

A Marea naceu para gañar. E na medida en que ilusionamos e acadamos o apoio de forzas políticas que nunca foran unidas a unhas eleccións, como son Podemos, Esquerda Unida, Anova, Equo, Compromiso por Galicia e Espazo Ecosocialista, xa estamos gañando. Non estamos aquí para obter un ou dous concelleiros. Estamos aquí para recuperar as institucións e poñelas ao servizo da xente.

Encabeza unha candidatura de xente sen experiencia de goberno.

Iso é o que di o PP, que somos uns descoñecidos e que os descoñecidos non teñen dereito a gobernar. Teñen razón nunha cousa: non nos coñecen nin no Ibex 35 nin nos xulgados onde se instrúen as causas por corrupción nin nos restaurantes onde se reparten sobres e enchufes. A nós coñécenos a xente, nos nosos barrios e nos nosos postos de traballo. A candidatura da Marea está formada por excelentes profesionais de diferentes campos. E preparada para gobernar.

É posible outra política?

Con vontade e sen peaxes, si. A Marea é da xente, non depende de bancos nin de grandes grupos de comunicación. Todo o que facemos, facémolo coas nosas propias mans.

Que será o primeiro que faga ao chegar a María Pita?

O primeiro, baixarme o soldo, porque Carlos Negreira cobra agora 65.000 euros anuais, e reducir o que lle custa o goberno á cidadanía nun 50%, aforrando un millón de euros ao ano, que boa falta fai para políticas que beneficien de verdade á maioría da xente. O segundo, abrir portas e ventás, que hai moito tempo que non se ventila María Pita e a xente ten dereito a saber que se fai e por que. O terceiro, comezar a aplicar o programa da Marea, dándolle prioridade ao que é prioritario: a situación de emerxencia na que vive moita xente. Poremos en marcha unha Renda Social Municipal para garantir que toda a veciñanza teña cubertas as necesidades básicas para vivir con dignididade.

Podes descargar o segundo número do xornal en PDF premendo aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>