Vivir na Coruña

Texto: Rodri Suárez
Foto: Sandra G. Rey

A peripecia vital. Pode ser previsible. Ou non. Pode ser tolerada, pero iso non sempre significa digna. Ocupamos os ocos que nos deixan. Ás veces facemos tolerías, lanzámonos ao baleiro. Para enchelo. E darlle sentido a todo o demais, incluso o que se fixo mal. Hai momentos que son historia. Dos que sería fácil fuxir. Non obstante, o son visceral gaña. Toca facelo. Non vivilo suporía unha renuncia a todo o defendido durante lustros. Os soños, si, os soños. As aventuras, si, as marabillosas aventuras. As que pechan o círculo. Ou abren o marco. O que tiña que facer, neno, o que tiña que facer. Porque sempre o desexei.

A peripecia vital. Nacer, na Coruña, sendo de fóra como case todos, pero da Coruña. Vivir na Coruña, na de case todos, pero roubada. Explicar A Coruña fóra, a auténtica, pero incomprendida pola imaxe que lle impuxeron. Dicir, dicir, dicir, que eu son dun sitio que non existe para as alturas dese mesmo lugar. Resistir ao deseño da identidade imposta. Reivindicar a cidade propia, ocultada pero vivida acotío, bravú. Lonxe do pensamento oficialista. Ser do outro bando. Pero reducido ao orgullo teórico. Ata que pode ser que algo pase. Non o podes perder, neno.

Era todo ou a nada que significa todo. Cando era pequeno dixen que Dépor ou nada, sen equipo de colchón. Cando fun maior apostei en política, baixo as limitacións da supervivencia. Ata hai uns meses. Nove desde o manifesto. Tres desde que dixen que o resto daba igual, que no mar había auga. E tocaba mollarse. Non por nada. Senón por todo. Coruñento eu. Si. Para gañar. Non se trataba do que parece —suspender a vida— senón de darlle o maior significado posible. O inesperado. O irrenunciable. O rebelde. O meu. O que berrara con criterios punkis durante tempo. O que había que facer. O que estamos facendo. Historia. Sei que os que nunca pensaron que me estafaban agora están nalgún sitio asustados, porque aparecemos os de abaixo, saídos ata das escaleiras do Parrús, a marcar a axenda política dos que se crían intocables. E sabendo facelo. E con alternativa. Somos listos, alegres. Facendo o que toca.

Toca botarlles o pulso. Estámolo gañando. Non temos medo. Renunciei á vida tres meses? Non, neno, non. Fago o que sempre soñei. Nunca estiven tan canso. Nunca me sentín tan vivo. Son feliz. Son Marea.

Podes descargar o segundo número do xornal en PDF premendo aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>