Unha renda social municipal para garantirlle unha vida digna a toda a cidadanía

E. G.

Unhas 1.200 familias poderían beneficiarse dunha medida que só lle suporía tres millóns de euros anuais ás arcas do Concello.

Un 13% da veciñanza da Coruña vive por debaixo do limiar da pobreza. O dato é absolutamente inasumible, ao entender da Marea. Por iso, para combater esta situación e loitar a prol dunha cidade que garanta o dereito a unha vida digna dos seus habitantes, a plataforma propón unha Renda Social Municipal. Con esta paga, as persoas en risco de exclusión poderán facerlle fronte ás súas necesidades máis básicas e inmediatas, como son a alimentación, o teito, a agua, a luz e outras precisas para a súa subsistencia. A renda pode alcanzar ata un máximo de entre os 400 e os 700 euros mensuais.

A inclusión social é unha prioridade para a candidatura que encabeza Xulio Ferreiro. “Mentres temos servizos de rego intelixente, A Coruña está a liderar ránkings de pobreza e exclusión social; creo que esta non é a cidade que a maioría queremos”, reflexiona este profesor de Dereito. O candidato da Marea refírese a datos coma o índice de risco de pobreza e de exclusión social, coñecido coma taxa Arope (At Risk Of Poverty and/or Exclusion). O desemprego, a precariedade laboral ou a desigualdade son circunstancias que minan cada vez a máis cidadáns. A resposta da Marea é clara: o prioritario é “asegurar unha vida digna para todas as persoas nesta cidade”, di Xulio Ferreiro, quen entende a Renda Social Municipal como “unha medida de urxencia”, unha venda para evitar que a poboación máis ferida pola crise se desangre.

UNHA MEDIDA “PERFECTAMENTE ASUMIBLE”

Segundo os cálculos iniciais da candidatura, unhas 1.200 familias poderían beneficiarse da Renda Social Municipal. O custo anual de aplicar esta medida de emerxencia social estímano en 3 millóns de euros, menos dunha terceira parte dos 10,5 millóns que destina o actual goberno local do PP á obra do túnel da Mariña. O orzamento total do Concello coruñés para 2015 supera os 250 millóns de euros. “Por iso non é un brinde ao sol, senón unha medida perfectamente asumible”, destaca Ferreiro.

O candidato a alcalde da Marea entende que como primeira medida cómpre “asegurar os mínimos de subsistencia necesarios”. A partir de aí, a acción política fará o resto para camiñar cara a unha cidade na que a inclusión social e a igualdade de oportunidades sexan unha realidade a pé de rúa. O obxectivo é atallar e investir a tendencia que nos últimos anos coverteu á Coruña na cidade líder de Galicia en empobrecemento. Entre 2007 e 2012 a Taxa de Risco de Pobreza medrou un 70% —máis que en ningunha outra urbe galega— e dende que Carlos Negreira colleu o bastón de mando do Concello o número de persoas perceptoras da Risga (Renda de Inclusión Social de Galicia) ou as AES (Axudas de Emerxencia Social) medrou un 54%.

A renda municipal será incompatible coa Risga e servirá para atender as necesidades das persoas que non cumpren os requisitos para percibila. O candidato elixido pola Marea explica que deste xeito “completaría os ingresos das persoas que o precisen até que alcancen o límite máximo para poder acceder á Risga, o que podería alcanzar unha contía máxima de entre 400 e 720 euros mensuais segundo a cantidade de membros da unidade familiar e a inclusión ou non de menores”.

Podes descargar o primeiro número do xornal en PDF premendo aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>