“A Coruña. Para a xente. Hai Marea”. Un lema que serve para resumir os principios que fixeron nacer a Marea Atlántica vai para un ano nunha xuntanza á beira do mar, na Ribeira do Cómaro, a carón de Riazor. Ese proceso de unidade que ten a cidade, o municipal, como punto de partida para empezar a cambiar as cousas e construír esa Coruña que quere a maioría da xente, lonxe desa outra que artellan as elites afeitas a gobernar a través do poder político que está ao servizo dos intereses duns poucos e na contra dos de abaixo; un espazo onde a xente cobra protagonismo, onde os coruñeses e as coruñesas participan de forma activa nas decisións que lles afectan, onde as persoas son o primeiro mecanismo de control do goberno e o primeiro criterio á hora de gobernar. De gobernar obedecendo.
Coa xente, a Marea foi medrando nestes dez meses de andaina, desde aquel primeiro manifesto, asinado por 99 persoas como símbolo dese 99% das persoas do común, ata un programa de 99 puntos elaborado co traballo de todas as que quixeron facer a súa achega para afondar nas medidas de transparencia, de participación ou de xustiza social que demanda esta situación de emerxencia, derivada dunha crise que se vendeu como estrutural e que hoxe sabemos que procede da usura duns poucos.
Nese tempo formouse tamén unha candidatura deseñada pola voz dos centos de persoas que acudiron a votar nas primarias, e que referendaron a Xulio Ferreiro como candidato á alcaldía e incorporaron representación dos partidos que se suman a este proceso de unidade popular, entre eles Esquerda Unida, Anova, Podemos, Equo, Compromiso por Galicia ou Espazo Ecosocialista. A socióloga Rocío Fraga, o arquitecto Xiao Varela, a avogada Silvia Cameán e o crítico de cine José Manuel Sande, xunto con Eugenia Vieito, persoal administrativo da Universidade, o escritor Alberto Lema, a mediadora cultural Claudia Delso, o enxeñeiro Daniel Díaz Grandío e a técnica medioambiental María García ocupan os dez primeiros postos, nunha candidatura que visibiliza a xenerosidade de quen se sumou poñendo o común por enriba da diferenza e que aposta polo liderado cidadán. Hai Marea porque chegou o momento de mudar esta cidade para devolverlla á xente, porque vai ser a xente, a partir do 24 de maio, quen lle dea forma á Coruña que merecemos.
Podes descargar o segundo número do xornal en PDF premendo aquí.