Unha cultura sen cadeados

Raúl Xordo

Lonxe da política dos grandes eventos monolíticos, a Marea presenta un programa cultural integrador e aberto a toda a cidadanía.

Para a Marea Atlántica, a cultura é unha ferramenta para construír unha Coruña inclusiva, participativa e crítica. Non se entende como unha nota ao pé do programa electoral, un espectáculo, un negocio ou unha forma de escapismo. Non é só o cemento co que se enche un monolítico programa de festas. Ao contrario, trátase dun dereito para todos os cidadáns e dunha práctica enriquecedora e transformadora.

Como asegura José Manuel Sande, historiador, crítico de cine e número cinco da candidatura da Marea, “levarase a cabo un modelo de xestión marcado pola absoluta transparencia, o impulso da multiplicidade creativa, a ruptura coa política de privatización de recursos, o desenvolvemento dunha pedagoxía crítica e o apoio decidido á creación, a innovación e a investigación”.

Un dos primeiros pasos deste camiño será aproveitar as infraestruturas culturais coas que conta A Coruña, que son moitas e competentes. Máis de vinte centros cívicos activos, unha rede de bibliotecas públicas que foi referente estatal pola súa xestión, os museos científicos mc2, e toda unha serie de instalacións municipais que foron deseñadas para para unha función artística, social e asociativa.

Non obstante, son varios os equipamentos fican infrautilizados e pechados para os veciños, nun claro desperdicio de recursos. “É tempo de rematar coa pasividade que demostrou o goberno municipal nos últimos catro anos e devolverlle as infraestruturas culturais á cidadanía, á marxe de todo sectarismo”, afirma José Manuel Sande. Os centros cívicos e os espazos de propiedade municipal deben estar integrados cos barrios onde se sitúan, e debe ser doado para as organizacións sociais, entidades sen ánimo de lucro e persoas en xeral ter acceso a eles para as súas iniciativas particulares.

Na mesma liña, é preciso puír e mellorar o que aínda funciona ben, pero se está a deteriorar a causa do desleixo demostrado polo goberno de Carlos Negreira. A Marea propón un Plan Municipal de Bibliotecas co que reavivar a calidade do servizo, e que incluirá un Plan Municipal de Lectura. Tamén se potenciará a colaboración coa Orquestra Sinfónica de Galicia en proxectos comunitarios e formativos, e se ampliará a programación do festival de cómic Viñetas desde o Atlántico.

E, dende logo, faise necesario recoñecer o traballo dos colectivos e persoas que crean cultura nesta cidade, tirando  abaixo o muro de incomprensión que se levantou en María Pita fronte a eles. Proponse a creación dun plan municipal de residencias artísticas, que sirva de soporte á creación cultural. E tamén se abrirá a programación cultural do Concello á presenza de artistas locais, para axudar a facer visible o seu traballo.

Memoria dunha cidade de vangarda

Non se pode avanzar sen ter claro de onde vimos. A memoria e a súa preservación son parte fundamental do programa cultural da Marea, cun compromiso por preservar o legado de aquelas persoas que contribuíron a construír historicamente esta cidade. Este obxectivo materializarase no proxecto Caixa da Memoria, un arquivo que servirá para poñer en valor o legado persoal e colectivo da Coruña do progreso social, tan distinta ao mito da cidade burguesa perpetuado polos sucesores de Alfonso Molina.

En 2016 cumprirase un século da fundación das Irmandades da Fala na rúa do Rego de Auga, unha efeméride que se conmemorará ao longo do ano, destacando a súa postura galeguista, defensora da cultura e a súa condición visionaria na perspectiva de xénero. E abonda xa de pasear por rúas que levan o nome de sanguinarios militares golpistas. Eliminarase toda a simboloxía franquista aínda presente no rueiro da cidade, cumprindo coa Lei de Memoria Histórica.

Máis que deporte

No eido da práctica deportiva, os principios serán os mesmos que atravesan todas as propostas da Marea: crearase unha estrutura de xestión áxil que permita que os cidadáns particulares, as asociacións, os clubs e os profesionais poidan desenvolver os seus proxectos con solvencia. A área de goberno non será só o “deporte”, senón as políticas do corpo, un concepto no que teñen cabida a saúde, a actividade física, o xogo e a investigación en calquera destas áreas.

En canto a medidas concretas, farase un esforzo por fomentar a práctica do deporte de base, con especial atención ao deporte feminino. Crearanse equipamentos  deportivos na rúa, sinxelos pero abertos a todos e sen necesidade de trámites administrativos. Tamén estará garantido que as persoas con diversidade funcional teñan acceso a todas as instalacións deportivas e culturais que dependan do concello.

Doutra banda, a Marea Atlántica buscará o fomento da lingua galega en toda a súa acción de goberno, nas relacións administrativas e nos usos sociais, para cumprir a normativa vixente e respectar o plan de normalización lingüística.

En resumo, “fronte á política do evento executada sen máis horizonte que o interese económico e a discriminación da pluralidade, a Concellería de Cultura proposta pola Marea Atlántica  será un espazo aberto e servirá para axudar a colectivos, profesionais e persoas particulares a desenvolver as súas inquedanzas creativas. Non se trata de encher o Coliseo unhas cantes veces ao ano, senón de que toda a cidadanía poida consumir, producir e respirar cultura”, remata José Manuel Sande.

Podes descargar o primeiro número do xornal en PDF premendo aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>