Un laboratorio no que crear e compartir

Texto: Raúl Xordo
Foto: Sandra G. Rey

A Marea creará un organismo municipal para axudar aos cidadáns a desenvolver as súas propias iniciativas culturais.

A Coruña é unha cidade culturalmente viva. Ten unha longa e rica tradición de colectivos artísticos e movementos de base que levan anos realizando un traballo digno de eloxio, pero que atoparon ata o de agora pechadas as portas do Concello. A Marea Atlántica ten intención de cambiar esa actitude e darlle relevancia a ese enorme patrimonio creativo, facilitando as canles para que as ideas, os proxectos e as iniciativas culturais dos cidadáns poidan materializarse, en troques de esmorecer por falta de apoios.

A marea propón crear un Laboratorio Cultural público, un centro de produción e investigación que facilite a posta en marcha de proxectos e o diálogo entre os artistas, o Concello e os veciños. “Trátase dun proxecto ausente ata o de agora, pero que ten que chegar coa Marea. É moi necesario para darlle un verdadeiro impulso á creación”, explica Claudia Delso, mediadora cultural e número oito da candidatura.

Este Laboratorio non estaría asociado a un espazo físico concreto, polo que non suporía a creación dun novo edificio faraónico. Os seus representantes irán onde a súa presenza sexa necesaria, e atenderán a quen o precise. Tratarase dun organismo asociado á Concellería de Cultura, que dotará de ferramentas ás persoas que desexen poñer en marcha un proxecto creativo, impulsará a investigación cultural e fará un seguimento das distintas iniciativas que se vaian desenvolvendo. Tamén habería aí un lugar para a formación e o ensino.

 

Sen educación non hai cultura

“A cultura verdadeira, de calidade, non é posible sen unha educación previa axeitada. Tamén é moi dubidosa a educación que non fomenta a cultura. Por iso, dende o Concello temos que ofrecer espazos de relación entrambas, e instrumentos que fomenten a creación de coñecemento”, asegura Claudia Delso.

A medida estrela da Marea neste eido é a posta en marcha dunha Universidade Popular, unha institución que complete  a oferta da educación pública con iniciativas cidadás. Aí terán cabida os coñecementos profesionais, os oficios e os diversos saberes relacionados coa arte e as letras, cun nesgo social aberto, transparente e democrático.

En paralelo, proponse coidar a rede de escolas infantís municipais, ata onde sexa preciso para cubrir a demanda de prazas existente, e recuperar as relacións entre a cidade e a Universidade da Coruña, actualmente moi deterioradas. A UDC é un importante foco de produción de coñecemento a través da investigación, xunto a organismos como o Instituto de Investigación Biomédica (Inibic) e o Centro Oceanográfico. Semella natural aproveitar a rede de museos científicos mc2 para establecer relacións con estas institucións e implicalas na divulgación de cara á cidadanía.

Podes descargar o primeiro número do xornal en PDF premendo aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>