Un grande impulso á economía de pequena escala

P. Botero

Vinte e nove medidas para combater o desemprego apostando polo que temos máis preto de nós.

Nunha cidade con 22.030 persoas en paro, unha das prioridades de calquera administración local responsable é estimular a actividade económica. O anterior goberno tentou solucionar este problema fomentando o turismo e internacionalizando festas como o San Xoán cunha campaña publicitaria orientada ao exterior, ao que a Marea Atlántica opón un modelo que poña en valor o patrimonio da cidade: arquitectura, historia, espazos naturais, gastronomía, comercio de proximidade, etc, acorde coa tradición da cidade. “Non se trata só de fomentar un turismo de calidade senón tamén un xeito de ocio interno”, comenta a número dous da Marea Atlántica, Rocío Fraga. Pero engade que o programa da súa candidatura vai máis aló. “Trátase dun cambio integral. Para xerar mais emprego precisamos ser máis competitivos. Sobre todo, trátase de ser eficientes”, comenta Fraga.

Canto exactamente pode a administración local orientar a economía é sempre obxecto de debate. Moitos concellos loitan entre eles para atraer grandes empresas ofrecéndolles toda clase de facilidades, dende solo onde levantar as súas fábricas a exencións fiscais. Os partidos políticos tradicionais apostan polas grandes compañías, a veces de carácter multinacional; é o caso do modelo General Dynamics, que abriu unha crise na cidade ao marchar da Fábrica de Armas, ou os grandes centros comerciais que se abriron durante a etapa de expansión e que pecharon ou viron desaparecer a maior parte das tendas. Dende a Marea Atlántica ponse en dúbida que ese modelo sexa rendible. “E para que? Todos saben que o que realmente produce emprego é a pequena e a mediana empresa, e con ela si podemos tratar de ti a ti”, asegura Fraga.

Feiras e mercados

“Non podemos esquecernos de apoiar as medidas que favorecen a soberanía alimentaria”, explican na Marea. Como a produción de alimentos en hortas urbanas que xa se probou noutros concellos pero polo que ningún goberno local apostou na Coruña. Para Rocío Fraga está claro: “En Galicia temos toda unha tradición de pequena agricultura. Estes alimentos son máis baratos porque non dependen do transporte por estrada das grandes distribuidoras, e estarían libres de transxénicos”. E iso tamén significaría revivir as feiras. A visión da Marea inclúe postos nos que os alimentos de temporada se mesturarían cos produtos artesanais. “O noso goberno aportaría as instalacións, e quizais tamén os terreos porque serviría para coidar máis a contorna e facer unha cidade vivible, aínda que para iso habería que revisar a ordenanza sobre mercados municipais”.

E non só as ordenanzas: será preciso revisar tamén as concesións, favorecer a conexión entre pequenos comerciantes. “Para facelos máis competitivos pensamos diversificar as funcións dos mercados municipais e mellorar as comunicacións e a mobilidade peonil, en bici e en transporte público”, aportan a candidata. Está convencida de que os mercados se poden situar como primeira referencia de compra de alimentación mediante a formación sobre cuestións como a temporalidade dos produtos, os criterios de escolla ou a trazabilidade dos alimentos.

Emprendemento

“A existencia de tres grandes polígonos industriais, Pocomaco, A Grela e Vío, dentro da cidade da Coruña ten que ser o aval suficiente para que o Concello poida ser parte no impulso económico das pemes e dos autónomos”, afirma Fraga, que considera que as bases materiais para o despegue económico xa existen. Só fai falla poñer en xogo estes recusos, darlle acceso á xente. E nisto, o Concello pode axudar creando una bolsa de naves comerciais para as novas empresas, coma unha axuda máis ao emprendemento. “Claro que é unha saída, pero os modelos de apoio actuais o presentan como unha opción ante as enormes dificultades de acceder ao mercado de traballo por outras vías”, afirma Fraga. A número dous de Marea opina que o de hoxe  é un modelo precarizado, onde as persoas invisten a maior parte dos seus bens e obteñen así unha ocupación de subsistencia que, en moito casos, non se consolida. A proposta de Marea Atlántica e que só se promovan xeitos de emprendemento sustentables e con valor social, e que se manteña ese apoio durante os primeiros tempos de andanza das empresas de nova creación, facendo un labor de apoio e acompañamento na súa consolidación.

“Darémoslle prioridade á formacion de cooperativas e empresas de economía social e viveiros de empresas adaptados á realidade da cidade, situados en espazos accesibles e priorizando o acceso de cooperativas e empresas de economía social”, sostén Fraga. En canto á xente nova que ten que loitar por un emprego nun mercado laboral paralizado, a Marea quere aproveitar os programas europeos de Garantía Xuvenil para poñer en marcha unha Escola Taller e obradoiros de emprego nos edificios públicos. “Estamos pensando no antigo cárcere provincial polo sentido social que ten a rehabilitación dun edificio público singular que se está a deteriorar e arruinar pola desidia do goberno municipal”.

Comercio de proximidade

En canto ao pequeno comercio, tamén dende Marea teñen moito que dicir. Todos os partidos lle fan as beiras a un sector que revitaliza os barrios día a día e que supón unha fonte moi importante de emprego estable. Cursos de escaparatismo e festas da promoción son algúns dos métodos que xa puxeron en marcha anteriores gobernos. “Pero hai que ir máis alá. As grandes superficies gañan en variedade e en prezo, e niso pódese competir cunha central de compras”, asegura a candidata. As integrantes de Marea están convencidas de que desta maneira se reducirán os custos de aprovisionamento no comercio de proximidade, o que permitirá crear unha rede con empresas provedoras galegas para innovar no catálogo e apoiar os produtos da contorna; sobre todo se se complementa cun servizo de asesoramento para consolidación e de formación empresarial para as propietarias dos comercios de proximidade.

“O que hai que facer é darlle aos coruñeses e ás coruñesas as ferramentas para competir”, remata Fraga. Neste sentido, parece máis realista e, sobre todo, mais práctico a longo prazo ofrecerlle ao cliente variedade a bo prezo. Moitas tendas abertas sempre serán un sinal dunha economía con impulso.

Podes descargar o primeiro número do xornal en PDF premendo aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>