Renda Social Municipal

Texto: Silvia Cameán

Nun momento como o actual de emerxencia social cómpre que desde os gobernos se articulen todas as medidas necesarias para avanzar cara unha xustiza social onde todas as persoas teñan garantida unha vida digna.

A renda social municipal nace para dar saída a estas necesidades da xente do común. Trátase dunha axuda periódica de natureza subvencional que poderá ser solicitada por todas aquelas persoas que non sexan beneficiarias da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) e que teñan uns ingresos inferiores ao 100% do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) para unidades de convivencia formadas por un único membro até chegar a un máximo do 200% do IPREM.

Desde o primeiro momento o goberno municipal traballou na configuración dunha ordenanza que regulase esta Renda Social Municipal e decidiu facelo dun xeito diferente, de abaixo para arriba. Para iso mantivo reunións de traballo con todos os actores implicados no Concello: traballadoras sociais, interventor, asesoría xurídica, xefas de servizo da Área de Xustiza Social e Coidados, coordinadoras do SIVO, tesourería… nunca un proxecto de ordenanza tivo tanta participación no Concello de A Coruña. Pero sempre dixemos, e seguimos dicindo, que é igual de importante o que se fai como as formas mediante as que se fai.

Unha vez finalizada a participación interna, decidimos preguntar aos actores sociais da cidade e para iso convocamos varias xuntanzas onde realizamos unha análise do proxecto da Renda Social Municipal e onde recollemos as numerosas achegas que nos fixeron chegar. Agora estamos recompilando esas achegas para que a asesoría xurídica e intervención valoren que cumpren coa lexislación vixente e o marco normativo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>