Paseo da Vedra

Texto: Carlos A. Pita Abad, arquitecto
Fotos: Concello da Coruña

Levantamos ou derrubamos barreiras?

Non sei se queda moito que dicir sobre a futura “ampliación” da Avenida da Vedra e non querería ser pesado, pero tras escoitar e ler as opinións duns e doutros, o que si está ben claro é que se nos mostran dúas maneiras de entender non só a mobilidade da cidade senón o propio modelo de cidade en si. Por unha banda aqueles que entenden de cocientes e volumes de tráfico, de movemento de vehículos, de tempos de aceleración e velocidades, e por outra os que atenden e entenden a cidade como o espazo máis propiamente humano, e polo tanto un lugar de estreita comunicación e enriquecedora convivencia.

O desencadeamento desta viva e esperanzadora polémica a todos aqueles que temos certa idade e atendemos ao feito urbano inevitablemente fíxonos lembrar o debate que se abriu alá polos 80, cando se definiu a actual morfoloxía desta principal vía de entrada e saída da Coruña. Temos moi presente a posición crítica que o sempre estrañado Juan Luís Dalda, naquel momento o meu profesor de urbanismo na ETSAC, mantivo co seu característico rigor e entusiasta vehemencia. Alertaba xa do evidente risco de fractura que supoñería manter unha vía de circulación rápida ata o mesmo centro da cidade, xa que se prevía, como así pasou e podemos comprobar agora mesmo, que esta actuaría a modo de valo, de barreira entre Elviña 2 e todo a área definida entre Monelos, Elviña e Barrio das Flores, e que agora se estende ata Matogrande. Que o modelo de vía existente actúa como barreira, como “non man´s land” fronteirizo entre estas zonas da cidade é un feito constatable, palpable, que ninguén pode negar, nin aínda aqueles que defenden o mantemento e ampliación do mesmo. Se se me permite convidaríaos a realizar o esclarecedor e arriscado exercicio de camiñar, pasear dun lado ao outro deste caudaloso río asfaltado, que tarde ou cedo haberá de converterse en rúa, como lle pasou á Castellana ou á Diagonal, isto é, xeradora de relacións, activadora de vida cidadá.

A Vedra
A Vedra, vía de incomunicación entre barrios

Porque do que realmente adoece esta cidade, e que o PXOM recoñece e trata de resolver, é dunha boa comunicación entre barrios. Xa que o modelo radial de converxencia cara ao centro, do que o modelo de vía existente que trata de afianzar o proxecto presentado por Fomento é estandarte, o único que favorece é a incomunicación, ou se o prefiren, unha dificultosa comunicación entre os distintos barrios da cidade.

E este é o feito capital do debate: queremos manter esta vía de incomunicación ou ben queremos abrir espazo de verdadeira relación e cohesión cidadá? Queremos manter un espazo onde só os vehículos teñan lugar e dominio ou preferimos dotarnos dun espazo de comunicación, unha avenida onde os cidadáns, que non estritos peóns, se relacionen independentemente de se utilizan un medio de transporte ou outro? Levantamos ou derrubamos barreiras?

A maiores, o proxecto presentado por Fomento vén sinalar unha das grandes rémoras da economía nacional, que consiste en favorecer o gasto en grandes infraestruturas fronte ao investimento en investigación e desenvolvemento. España é un país de grandes construtoras, non o esquezamos. Vólvese a impoñer unha visión decimonónica da obra pública como aparente motor económico fronte aos novos modelos de economía avanzada que demostran que o investimento en investigación é moito máis rendible e sustentable. Porque imos ver, aínda non aprendemos nada do sanguento malgasto producido durante este comezo de século en equipamentos innecesarios e en infraestruturas públicas sobredimensionadas por todas e cada unha das nosas administracións

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>