Editorial | Palabras e feitos para unha Coruña distinta

Foto: Antía García Sendón

‘O 15′ é un periódico puntual, unha Marea de papel que xorde desde o Atlántico nun momento histórico no que na Coruña se respira unha inédita, e urxente, ilusión de cambio que precisa expresarse con liberdade. Os poderes tradicionais da cidade queren silenciar a unha cidadanía que xa comezou outra época. ‘O 15′, o xornal do ano do cambio, é o pesadelo contra esa censura. A Marea non ten cancelas.

No principio estaba a crise económica, ese crack de 2008 que no canto de pagar os seus culpables foi parar, outra vez, ao lombo da maioría social. Creceron o desemprego, a precariedade, a pobreza e a emigración mentres os gobernantes se axeonllaban ante os poderes económicos, alleos aos intereses de quen máis sufría. Este cóctel, ao que se lle foi sumando a evidencia das fondas raíces da corrupción, o combustible co que funciona o sistema político que padecemos, supoñía a conversión do que algunha vez quixo ser un estado social nunha estafa, significaba o secuestro da democracia. A cidadanía comezou a rebelarse, pacificamente pero indignada, e a reivindicar o que lle pertence, os seus dereitos. E pensou que toda esa forza podía ir un pouco máis alá. E acceder ás institucións. Para devolverllas á xente.

Na Coruña, o réxime extractivo dunha elite leva anos en funcionamento. Foi esta unha cidade de banqueiros e construtores que fixeron e desfixeron a vontade coa colaboración dalgúns políticos ou editores. E así segue a ser, en boa medida, ao tempo que bate tristes marcas de paro e miseria. Con amplas capas da poboación, en especial as mulleres e a xente moza, mirando cara un futuro negro. Pero sen resignarse. Exemplos de dignidade hainos abondo, e as coruñesas e os coruñeses non podían nin querían quedar fóra do ciclo de ruptura democrática que está en marcha. E comezaron a traballar. Primeiro había que marcarse uns obxectivos, uns principios. E sobre eles crear un espazo de confluencia e unidade liderado pola cidadanía que se fixese cargo dun desexo común: gañar as eleccións municipais e recuperar María Pita para o 99% da sociedade.

Fixéronse chamar Marea Atlántica. Despegaron cun Manifesto no que falaban dunha Coruña sen desafiuzamentos, sen especulación, sen exclusións, pensada para as persoas, á medida dos e das de abaixo. Iniciaron meses de traballo, ante a incomodidade dos dominantes, que equivocadamente anunciaban que a nada chegaría todo aquilo. Agora, nos seus peores pesadelos aparece a Marea Atlántica, unha candidatura cidadá na que persoas sen adscrición partidaria e organizacións políticas (Podemos, Anova, Esquerda Unida, Compromiso por Galicia, Equo, Partido Humanista e Espazo Ecosocialista) uniron forzas para chegar ao goberno e cambiar as políticas fracasadas do PP, das súas marcas brancas, do 1%. Teñen un programa para facelo. E queren que se coñeza.

O 15 é esa ferramenta. Tela nas túas mans. Aquí podes ler case todo o que é a Marea Atlántica, e por suposto as súas propostas e o seu programa. Un periódico puntual para un momento histórico de esperanza. Os poderes da cidade queren silenciar esa ameaza que para eles supón a Marea. Por iso, pouco deixarán que se fale neses espazos que controlan das nosas ideas, do proxecto dunha Coruña distinta. Contra esa censura, a base de voluntarismo, ilusión e financiamento cidadán, sen entidades bancarias nin caixas B por detrás, naceu O 15, o xornal do ano do cambio. Para contarche o que algúns non queren contarche. Para demostrar que podemos xestionar o público mellor ca eles, dun xeito máis honesto e máis participativo. Que non debemos resignarnos. Que temos capacidade. Que desde o sentidiño podemos mudar de raíz A Coruña. E abrir un tempo novo, ilusionante, sen barreiras. Porque non se lle poden poñer cancelas á cidadanía. Nin á Marea.

Podes descargar o primeiro número do xornal en PDF premendo aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>