Autonomía fiscal

Texto: Paula Gómez de la Fuente
Ilustración: Carlos Gallego Domínguez

A Declaración de Zaragoza: Repensando a autonomía dos concellos

Os concellos de Alacante, Badalona, Barcelona, A Coruña, Madrid, Santiago de Compostela e Zaragoza, asinaron o pasado 17 de Setembro a Declaración de Zaragoza sobre autonomía municipal e financiamento local, na que reclaman unha reforma do sistema tributario das administracións locais e máis autonomía para xestionar os orzamentos do concello.

O modelo de financiamento local vixente no estado español é un dos principais problemas para os concellos á hora de atender as necesidades da poboación. É unha vella demanda dos municipios á que se suma a entrada en vigor dunha reforma lexislativa que afecta ás súas competencias sociais, que pasarán ás comunidades autónomas. Estarán tamén na obriga de investir o superávit no pago da débeda a entidades privadas.

Os concellos asinantes reclaman ao Goberno Central unha revisión do sistema tributario sustentábel que incorpore criterios de progresividade fiscal ao cobro de impostos municipais. Piden tamén recuperar as competencias sociais e que estas sexan prioritarias.

Un Modelo de Financiamento Local Xusto e Sustentábel

Segundo un informe da FEMP, en torno ao 50% dos ingresos municipais son de impostos propios, como o IBI (Imposto de Bens Inmobles) ou o IAE (Imposto sobre Actividades Económicas). Segundo a Declaración de Zaragoza, trátase de “impostos que non poden vincularse coa riqueza real e que, polo tanto, non son xustos na súa aplicación”. O texto pide unha reforma lexislativa que incorpore criterios de progresividade fiscal, é dicir, no que os impostos sexan proporcionais aos ingresos do contribuínte.

A Administración Central e Autonómica paga entre un 25% e un 30% dos gastos municipais. Este sistema pode servir para redistribuír a riqueza favorecendo aos concellos con menos ingresos. Sen embargo, o noso sistema actual ten criterios pouco claros e non axuda a resolver a cuestión.

Para localidades de mais de 75.000 habitantes, outra fonte de financiamento, recollida nunha reforma do 2004, é a que lles asigna porcentaxes do IRPF, do IVE e outros impostos indirectos (tabaco, alcohol, hidrocarburos, etc.). Pero como os concellos non teñen capacidade normativa en materia fiscal, a medida terminou por ser un xeito de transferencia máis.

Non faltan experiencias doutros marcos lexislativos máis exitosos que tomar como referencia. O modelo sueco, no que os concellos xestionan o 70% do diñeiro público do país, é un exemplo de alto nivel de responsabilidade fiscal municipal. As administracións locais teñen, ademais, liberdade para decidir os impostos, sempre de carácter progresivo.

A Cidadanía como Prioridade

A Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local, que entra en vigor o 1 de xaneiro do 2016, pasa ás comunidades autónomas competencias sociais que até agora eran responsabilidade dos concellos. A comunicación entre a cidadanía e os concellos é máis directa, sendo o contexto local o ideal para axilizar o diagnóstico das necesidades da poboación e propor solucións. Con esta nova lei réstase autonomía aos concellos e increméntase a distancia entre a sociedade e as administracións públicas.

Ademais, a Lei de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira, que entra tamén en vigor a primeiros de ano, obriga aos concellos a pagar a débeda cando teñan superávit, poñendo aos acredores privados por diante da cidadanía e as súas necesidades básicas. Isto é posíbel no marco da reforma constitucional do artigo 135 do ano 2011, que dá absoluta prioridade ao pago da débeda. O goberno de Zapatero, co apoio do PP, cedeu ás presións do Banco Central Europeo, acometendo a reforma sen debate público nin consulta cidadá.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>