Ollos intrusos

Texto: Manuel Solovio
Foto: Sandra G. Rey

Non estamos en posesión de verdades absolutas pero temos un modelo, un discurso, un programa. Unha ollada propia.

O 15 vén para facer compaña e campaña. Para sinalar o norte e debater as dúbidas. Os temas espiñentos. Para seguir dialogando coa xente deixando claro o que nos preocupa e os ollos con que miramos a realidade. Ollos de intrusos mareantes que non claudican. Ollos que miran alén dos titulares insensibles.

Moitas veces o que pensamos e facemos aparece maquillado ou directamente terxiversado nalgúns medios de comunicación. Ocorre demasiadas veces. Aquí damos a nosa visión das cousas. Como nos quinces precedentes.

Algúns dos nosos compañeiros e compañeiras traballan agora en María Pita para practicar outras políticas que chamamos do ben común e da maioría social. Co voto dos coruñeses e coruñesas logramos un goberno inédito na cidade que está mudando moitas cousas. Ese labor terá bos froitos se todas empurrades, se todos axudamos. Vencendo moitas dificultades. Desarmando moitas mentiras. Opoñendo a razón e a ilusión. A mareancia toda está con eles e elas pero ten que seguir, quere seguir a súa singradura. Pensando a cidade e o mundo que queremos. Unha nova cidade. Un mundo diferente.

Nós queremos ouvir os latexos da cidade e captar novas mans para o labor que temos por diante. Este humilde 15 é outro chanzo no camiño. En cada sección e ao pé de cada artigo podedes expresar os vosos puntos de vista. Na Marea as opinións suman. Aquí ninguén vence se non convence. Aquí contamos todas. Fan falta todas as olladas. Agradecemos as vosas. Non estamos en posesión de verdades absolutas pero temos un modelo, un discurso, un programa. Unha ollada propia.

Este 15 fala un pouquiño de nós e dos nosos devezos, dos temas que se debaten na cidade como os orzamentos, a avenida da Vedra ou dos que se ocupa a concelleira Claudia Delso nunha entrevista que nos concedeu. Pero estamos pendentes das violencias machistas, das cidades refuxio ou das marchas da dignidade.

A Coruña nunca foi unha illa. Hoxe menos ca nunca. Está conectada a unha rede de cidade rebeldes, solidarias e amables que queren un novo modelo de democracia participada. Diso tamén acharedes información neste 15.

No próximo ciclo político hai dúas citas electorais nas que todas nos xogamos moito. As eleccións xerais do 20D e as autonómicas previstas para 2016. A través da nosa acción política, usando os nosos perfís nas redes sociais, coa actividade diaria iremos dando a coñecer as nosas preferencias e os nosos puntos de vista. Porque a cidade non é illa e porque a marea non pode evitar os mares e os océanos onde se toman as decisións e onde se practican coincidencias e postas en común.

Como di aquel, seguimos. Sempre coas nosas mans. Cunha marea de cabezas que tamén pensan. Cunha marea de corazóns que palpitan perante a inxustiza e a desigualdade. E cos labios cantareiros que non deixan de dicir: “Hai Marea”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>