O impulso que confirma a primavera coruñesa

Texto: Alejandro Pazos
Fotos: Sandra G. Rey | Antía García Sendón

A unidade popular fixo historia o 12 de maio en Palexco, cando o multitudinario acto da Marea Atlántica referendou a ilusión e confirmou a opción dun cambio.

Pode transmitirse con palabras: confluencia, xente, ilusión, cambio, alternativa, democracia. Pero resulta incluso mellor contalo con persoas, non como número —que foi enorme— senón como sentimento. En todos eses planos, A Coruña viviu o pasado 12 de maio unha xornada histórica. Fronte ao discurso resignado, xurdiu a xente. A moreas. A mareas. O Palexco quedou desbordado co encontro de unidade popular que reuniu 1.500 persoas dentro do auditorio e outras tantas fóra por falta de aforo —ante o que a Marea Atlántica non pode máis que pedir desculpas e amosar agradecemento; as limitacións dunha campaña austera impedían outro recinto— nunha data que marcou non só a presente campaña electoral senón tamén un tempo: abriu un ciclo novo que levou á amarga desesperación ás forzas gobernantes. A desafección política pertence á elite. Desde abaixo, nesa xornada emerxeu o impulso dunha Coruña que pide cambio real. Ninguén poderá esquecelo.

Había moitos anos que non ocorría nada semellante. A forza entusiasta que lidera a Marea Atlántica reuniu a todas as organizacións que se sumaron á cidadanía para celebrar —no amplo sentido da palabra— un encontro que atopou caras e voces en Rosa Martínez, de Equo; Antón Sánchez, de Anova; Yolanda Díaz, de Esquerda Unida; Pablo Iglesias, de Podemos; e Xulio Ferreiro, o candidato da Marea á alcaldía. Todos e todas chamaron ao cambio real, converteron o desafío en vitoria. Elevaron os dereitos da xente cara un escenario chamado 24 de maio. “Hai Marea”, berrou Ferreiro ao final da súa intervención. Responderon todos os presentes. Felices. O voto como alegría.

Nunca pasara antes. Nunca na historia da Coruña se nomearon todos os barrios da cidade nunha festa colectiva. Todos. Pasou durante o discurso do candidato da Marea, que levantou un auditorio xa quente que atopou en momentos coma ese a identificación que relacionaba o reto municipal coa rebelión democrática. O ciclo que cambia ante a desesperación dos que atopan colocación nos amaños tradicionais e non entenden nada. Nin o sentidiño. Con mensaxe. En positivo, como a ilusión plural contra “esa mafia que ten secuestrada a nosa cidade. Que ten secuestrada A Coruña. Porque o espolio dos bens comúns que en Madrid se chama Bankia, na Coruña chámase Caixa Galicia. Porque a corrupción descarada que en Valencia se chama Gürtel, na Coruña chámase Pokémon. Porque esa trama que en España se chama Partido Popular, na Coruña chámase tamén Partido Popular”, sinalou Ferreiro. “Esta noite van suar frío”, dixo Antón Sánchez en referencia á elite que non dá crédito ante a forza que alí se podía tocar. “Negreira, pon o flotador que vén a Marea”, concluíu o representante de Anova, que homenaxeou a unidade popular, da que puxo como exemplo a Federico García Lorca e Ánxel Casal, entre enormes ovacións.

Presentou o acto a escritora Estíbaliz Espinosa, que convocou as forzas “motrices do mar” e deu paso a Rosa Martínez, de Equo, que chamou a mudar o presente “para gañar o futuro”. Reivindicou o activismo da muller, que recolleu tamén Yolanda Díaz, de Esquerda Unida, que ademais considerou “necesario que a Marea Atlántica chegue a gobernar María Pita”. “Non creo nas esquerdas que queren estar no museo, senón nas que están ao servizo da xente”, completou.

Palexco: confluencia

Pablo Iglesias, secretario xeral de Podemos, asegurou que “a Marea vai ser o principio do fin do PP gobernando Galicia”. “Do Atlántico chega a Marea para cambiar as cousas e levar os mafiosos, os Pokémon, os corruptos… Non teñen por que mandar os mesmos todo o tempo”, proclamou. Houbo berros de “Sí, se puede”. Focos. E un nivel de euforia que viña de antes, mantívose e incluso foi a máis con Xulio Ferreiro.

“Unha marea de rebelión democrática avanza polos catro puntos cardinais, porque unha rede de cidades rebeldes vaise organizar a partir do 24 de maio para pararlles os pés e comezar a construír unha sociedade mellor e máis xusta, unha terra da fraternidade. Porque aquí está a xente do común para tomar as rendas das nosas vidas. Os que queremos cambiar escuridade por alegría, os que queremos substituír a súa necidade pola nosa intelixencia colectiva”, afirmou o candidato da Marea, que ergueu e fixo levantar un punto azul, símbolo da Marea, aos asistentes. “Este punto azul representa a democracia”, dixo. E o auditorio ferveu. Así segue a cidade. Na primavera coruñesa.

Podes descargar o segundo número do xornal en PDF premendo aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>