Nin un peso para botar a xente da súa casa

P. B.

A Marea negarase a colaborar cos desafiuzamentos e as entidades bancarias que os executen.

A Marea Atlántica móstrase disposta a empregar o peso do Concello na economía local para orientala cara á mellora da vida da cidadanía. Así o expón o seu cabeza de lista, Xulio Ferreiro: “Para empezar, está o dereito a vivenda. Un goberno local da Marea cancelará os seus saldos nas entidades bancarias que executen desafiuzamentos e negarase a mobilizar recursos municipais para botar a unha persoa da súa casa”. A plataforma tamén aposta por formas alternativas de financiamento a través da banca ética. Alén diso, ten previsto elaborar un plan de fomento do dereito á vivenda e fomento da vivenda pública, a través da empresa municipal EMVSA, e aumentar nun 50% os cargos do IBI ás vivendas baleiras propiedade do FROB e entidades financieiras.

“Por suposto, toda empresa ten que ser viable, pero hai moitas que queren traballar co Concello e, ademais dun prezo xusto, podemos pedirlles outras cousas”, engade Rocío Fraga, número dous da Marea. A lista é longa: incorporación de criterios medioambientais —envases e embalaxes reutilizables ou reciclables, residuos mínimos, sen produtos tóxicos—, éticos —comercio xusto, condicións de traballo conforme a OIT, soberanía alimentaria— e sociais —emprego feminino ou de colectivos en situación de exclusión—. Todo sumará puntos á hora de optar a unha nova concesión. “A medio plazo, gustaríanos facer máis, crear unha estrutura baseada na solidaridade, na que o Concello fai de nexo entre consumidoras, traballadoras e emprendedoras/empresarias”, revela a candidata.

Eficiencia enerxética

O medio ambiente volve a saír na conversación cando se fala de aforro enerxético. No programa da Marea está presente a colaboración coas empresas no fomento, asesoramento e apoio á eficiencia e o aforro enerxético, ao emprego de enerxías renovables, nos polígonos industriais da cidade. “Está todo relacionado. Ofreceremos axudas á rehabilitación de edificios porque son as vivendas máis vellas as que incumpren os estándares municipais de eficiencia enerxética e neles vive a xente que se atopa en situación de pobreza enerxética”, aclara Fraga a modo de exemplo. É por iso que a Marea  impulsará auditorias enerxéticas en comunidades de veciños, especialmente naquelas situadas en barrios máis antigos: de aí sairá a renovación enerxética de caldeiras, ascensores e outras instalacións.

Rehabilitar edificios

Esta é, como apunta Fraga, unha estratexia que pode servir para dar emprego aos traballadores da construción. O máis doado serían que volvesen os traballos para os que están formados, pero, como advirte a número dous da candidatura, “no eido habitacional non podemos soñar coa reactivación da construción de vivendas”. A solución aquí e rehabilitar os edificios, ao tempo que se mellora a calidade de vida da cidadanía. “Identificaremos os xacementos de emprego na cidade e os cubriremos a través de escolas taller ou obradoiros que poidan materializarse en empregos ligados á administración”.

E da mesma maneira que se pode reactivar a economía nun sector cun modelo novo, pódese facer nos demais. Un exemplo sería a ampliación de servizos de atención á conciliación e á mellora de vida das persoas —atención á dependencia, escolas infantís, bancos de tempo, canguraxe municipal ben planificada e con acceso universal aos servizos— para favorecer o acceso ao emprego e, ao mesmo tempo, favorecer neses servizos a creación de postos de traballo. Non se trata de simples concesións, advirten desde a Marea, senón de relacionar o traballo do centro municipal de emprego coas necesidades e oportunidades creadas pola administración local mediante programas. “Iso quere dicir que as obras de mellora e rehabilitacion de edificios se executarán a través dos cursos municipais e das persoas formadas neles, e o mesmo cos servizos relacionados cos coidados, ou coa xestión de residuos, entre outros”, enumera Fraga. O importante, aseguran, é ofrecer aos coruñeses e ás coruñesas un novo comezo.

Podes descargar o primeiro número do xornal en PDF premendo aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>