Negreira non quere ser do PP

Texto: Raúl Xordo
Foto: Antía García Sendón

Aínda que intente agochalo, Carlos Negreira está unido a Mariano Rajoy polas súas políticas regresivas, antisociais e contrarias ao interese da maioría.

Dende que o aire cheira a eleccións, Carlos Negreira semella estar pensando en darse de baixa do PP. É raro escoitar o nome do partido da súa boca, ponse ao lado de Alberto Núñez Feijóo o mínimo imprescindible para quedar ben, e aos seus xefes en Madrid procura nin achegarse, a non ser que o chamen para facerse unha foto. Insiste en venderse como “un coruñés más”, cun proxecto centrado só na cidade, e que se presenta baixo unhas siglas só de forma circunstancial. Cousas que pasan. Como proba número un destas intencións, pode aportarse o seu cartel electoral, que pendura de paredes e farolas nestes días: unha gran foto do candidato co lema “Vota Carlos Negreira. Por todo lo que importa”. É preciso observar con atención para percibir o pequeno logo azul coas dúas letras “P” e a gaivota situado na parte baixa.

A marca do Partido Popular, en permanente caída nas enquisas, resulta molesta nestes momentos. Por iso Negreira tenta convencer ao votante de que el non ten nada que ver con esa xente que sae na prensa relacionada con sobresoldos, contas en Suíza, pagos en diñeiro negro, censura dos medios públicos, represión ás protestas cidadás, rescates bancarios, soberbia, corrupción, desemprego e miseria. Non sería raro que o aínda alcalde da Coruña comezase a referirse a Mariano Rajoy como “esa persona de la que usted me habla”, igual que fai o aínda presidente do Goberno cando lle preguntan por Luis Bárcenas. E por motivos semellantes.

Porén, por moito que se empeñe en disimulalo, Negreira é o presidente do PP na provincia da Coruña, e está conectado a Rajoy polas súas políticas antisociais e contrarias ao interese da maioría dos cidadáns, e pola sombra da corrupción que medra baixo unha absoluta falta de transparencia. Goberna atendendo ás contas de resultados dos bancos, non ás necesidades da xente. Prefire favorecer ás construtoras antes que aos seus veciños.

SESENTA MILLÓNS DE EUROS PARA AS OBRAS DA MARIÑA E MENOS DE DOUS PARA O EMPREGO.
As medidas estrela do primeiro alcalde do PP en María Pita foron grandes obras no centro da cidade, mentres os barrios fican esquecidos. Estanse a enterrar uns 60 millóns de euros no faraónico túnel da Mariña, dos que 16,5 saen directamente das arcas municipais e o resto proceden de distintas administracións ás que o equipo de Negreira se esforzou por convencer. Non puxo o mesmo interese no seu plan de fomento do emprego, que presupostou en tres millóns de euros. E máis dun terzo deses cartos non se gastaron, quedaron sen executar. Curiosa orde de prioridades nunha cidade con 22.000 parados e con moita xente atada a postos de traballo de baixísima calidade, que non son quen de chegar a fin de mes co seu salario.

Outro exemplo de como Negreira e os seus entenden a política é a xestión de Emalcsa. A empresa municipal de augas ten beneficios ano tras ano, pero non os inviste en baixarlle a factura aos veciños nin en amañar os vertidos na Ría do Burgo. Para o alcalde e os seus amigos, é mellor destinar os cartos a pagarlle xenerosos salarios a un inchado plantel de directivos, e en financiar proxectos como Smart City. É a mesma lóxica que moveu a Rajoy a destinar centos de millóns de euros ao rescate bancario mentres deixaba esmorecer a sanidade e a educación pública.

Todas as decisións do mandato tomáronse a porta pechada. Ao igual que Rajoy, Negreira non gusta moito de dar explicacións públicas. O seu único intento coñecido de escoitar á cidadanía foi o proxecto Coruña Futura, no que se convocou a varios “representantes sociais” para pedirlles a súa opinión sobre a cidade. Con invitación, para que non se coase calquera, reuníronse uns cantos centos de persoas para cubrir unha enquisa elaborada pola Fundación Metropoli, un think tank con sede en Madrid, para fixar as súas prioridades para a cidade. A través deses encontros, presentáronse diversos plans de actuación que, por suposto, non se levaron a cabo. Algúns fixéronse sitio no programa electoral do PP, como nunha carta aos Reis Magos.

De feito, o incumprimento do programa é outra semellanza entre Negreira e Rajoy. En 2011, o candidato do PP prometeu incontables melloras por toda a cidade: 10.000 novas prazas de aparcamento, unha nova biblioteca, dous centros de día, pistas de skate e de pádel, reformas nos accesos ás praias e unha chea de intervencións na Agra do Orzán, Adormideras, Os Mallos, Monte Alto… Todas fican sen facer. Algunhas aínda as está a prometer de novo nesta campaña, como o acondicionamento do Parque dos Catro Ventos, nos Rosais.

Negreira non quere que o asocien co PP de Madrid, pero o seu mandato, coma o de Rajoy, estivo marcado polos escándalos de corrupción, como se conta un pouco máis atrás neste exemplar d’O 15. O seu número dous, Julio Flores, está imputado da operación Pokémon por tráfico de influencias, e máis da metade dos membros do goberno municipal aparecen relacionados na investigación de presuntos enchufes, pagos de favores con cartos públicos e outros asuntos similares. Son feitos que tiveron lugar nos despachos de María Pita, ben próximos ao alcalde. Como próxima era a relación que o unía a Gerardo Crespo, sinalado pola policía como responsable da operación Zeta, unha trama para cobrar subvencións organizando cursos falsos para desempregados.

CARAS NOVAS E IMPUTADAS NOVAS
O aínda rexedor di, por suposto, que todo isto son calumnias e díxomedíxomes. De xeito moi convinte, deixou que caesen da súa candidatura os nomes máis citados no sumario da Pokémon, como Ana Fernández e o propio Julio Flores. Pero de pouco serviu a manobra. En plena campaña electoral coñeceuse que a súa número dous e concelleira da Tesourería, Rosa Gallego, e a número oito e responsable municipal de Mobilidade, foran tamén imputadas por unha denuncia de acoso laboral relacionada co caso.

Xunto a todos estes sospeitosos de corrupción, aparecen algunhas caras novas que, en harmoniosa compenetración, insisten en que eles só van nas listas do PP por unha incómoda casualidade, pero son xente do común que se embarcou nun proxecto ilusionante e de futuro da man de Carlos Negreira.

A número tres, Rosa Lendoiro, esquece a súa colaboración institucional co Partido Popular como presidenta do Colexio Farmacéutico da Coruña. O número catro, Carlos Sánchez-Tembleque, garda baixo a mesa a súa vinculación coa pouco coñecida Asociación Coruña 3.0, que ten asinado convenios co Concello cuxos importes se manteñen opacos e cuxos resultados prácticos son inexistentes. E a número seis, Susana Lenguas, omite que foi apoderada de Arias Hermanos, unha construtora que acadou contratos co goberno municipal por valor de 8,5 millóns de euros. Xente do común, sen dúbida.

Ninguén debería mirar para Negreira se busca políticas alternativas ás de Raoy. As semellanzas entre ambos son moitas, ben grandes e saltan á vista.

Podes descargar o segundo número do xornal en PDF premendo aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>