Negreira e o PP, ligados polo fío da corrupción

Texto: A. D. Petouto
Ilustración: Diego Jiménez

As investigacións xudiciais que afectan ao Concello destapan o enchufismo e os amaños como práctica sistemática do goberno coruñés.

Como unha arañeira, os fíos da corrupción tecen arredor do Concello da Coruña un mapa intrincado de conversas, favores e amaños que, non sendo polas investigacións xudiciais en curso, quedan lonxe do ollo público para sustentar unha política “baixo corda”; esa que destapan sumarios como o da operación Zeta ou a Pokémon, convertida en Pikachu na súa póla coruñesa. Un mapa mesto, se cadra tan espeso como os que desentrañan noutros puntos do Estado os instrutores de tramas como a Gürtel ou a Púnica, e que veñen demostrar, alén da responsabilidade penal dos axentes implicados, o mercadeo do que somos vítimas os administrados e as administradas, en favor dun tecido escuro e ben armado entre a política do PP e a grande empresa. Unha consecuencia directa e acalada do que trae a privatización dos servizos públicos.

Alcanza a arañeira ao alcalde, Carlos Negreira, aínda sen estar, de momento, imputado en ningunha das causas que manchan a cidade? Basta seguir esa rede para ver que, de seguro, o alcanzan. É a propia xuíza a que o insinúa, como reflicte un auto de marzo deste ano, no que Pilar de Lara, instrutora desa enorme operación contra a corrupción política que é a Pokémon, fala do “posible coñecemento e consentemento” do primeiro edil da Coruña nos supostos manexos da súa man dereita, Julio Flores, para “colocar” a coñecidos ou simpatizantes. Xa antes, Vixilancia Aduaneira pedira a comparecencia xudicial do rexedor en calidade de imputado, como consecuencia das múltiples referencias que o sinalaban como un dos membros do goberno que tiraba de influencia para enchufar a afíns e conseguirlles traballo. Onde? Nalgún dos servizos que prestaba ao Concello Vendex, o conglomerado empresarial sobre o que xira a investigación, e que no último decenio chegou ter ata 16 concesións municipais e organismos como o Ágora, o IMCE, o Aquarium ou a Torre de Hércules, e a xestionar servizos tan lucrativos como a grúa e a ORA.

Se a Negreira non chegan todavía as imputacións, a pesar de constar tamén nun lugar privilexiado nas listaxes dos regalos “de cortesía” de Vendex a autoridades escollidas, non ocorre o mesmo co ata agora primeiro tenente de alcalde, sobre o que pesan sospeitas fundadas por delitos de tráfico de influencias e suborno, segundo consta nos autos. Polos movementos detectados nas escoitas ao delegado en Galicia de Vendex, José María Tutor, e ao seu círculo e demais pescudas, a maxistrada chega a comparar o Concello cunha “axencia de colocación de emprego” e ten baixo a lupa medio cento de empregos sospeitosos, en cuxa mediación coloca, de forma provisional, a Flores.

Pero o primeiro tenente de alcalde non é o único membro do goberno coruñés baixo sospeita: nun dos seus últimos autos, a maxistrada pide datos de ata seis concelleiros da xunta de goberno local, do alcalde, do presidente e a vicepresidenta da Deputación, e de asesores, cargos e traballadores relacionados co Concello. A investigación ten no foco, ademais, as “colas para enchufar” no Ágora, os manexos para dirixir a adxudicación de servizos na Casa dos Peixes, as irregularidades dos contratos do IMCE —un organismo municipal dependente de Cultura que ten entre as súas atribucións a xestión das festas—ou a retirada de multas relacionadas coa ORA. O sumario deixa ver que o enchufismo non era excepción dunha ou dúas persoas do equipo de Negreira; era práctica sistemática, unha forma de goberno pola que están a ser investigados a maioría dos membros do goberno coruñés.

E da “axencia de colocación” do Concello aos “chiringuitos para cazar subvencións” que compoñen, segundo os investigadores, as empresas e entidades coruñesas sospeitosas que analiza a chamada operación Zeta e que tamén tocan ao goberno local e ao propio alcalde. A vinculación personal de Negreira co principal implicado, o empresario Gerardo Crespo, administrador de Azetanet, queda plasmada nos correos electrónicos captados pola Policía Xudicial, nas conversas intervidas e nas actas dos encontros oficiais que recolle o sumario. Nel constan tamén dúas doazóns que, segundo as anotacións da contabilidade do sospeitoso, este aboou en favor do PP (de 17.000 euros), unha a 15 días das eleccións xerais do 2011. As relacións de Crespo, líder veciñal próximo ao PP, tocan tamén a membros insignes do partido, desde o secretario de Estado José Manuel Romay Beccaría ata a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, “Bea”, en boca do principal imputado. Ademais de ser o departamento autonómico que ela encabeza o que máis axudas outorgou ás empresas implicadas na Zeta, ocorre que Mato é a persoa que pecha honorificamente a lista do PP coruñés para as próximas eleccións municipais.

Por que non responde o alcalde?

Por que o alcalde da Coruña esconde as siglas do PP? Poría a man no lume por Rajoy? Son algunhas das preguntas que Carlos Negreira rexeita responder, mais a calada non serve para ocultar os vínculos obvios do rexedor; co seu partido, que é o PP das “caixas B” e os chanchullos millonarios, e con certos personaxes como o empresario Gerardo Crespo quen, por máis que o intente agochar o alcalde, pertencía ao seu círculo persoal ata que unha investigación xudicial veu destapar as manobras coas que xente deses círculos se beneficiaba da xestión pública. Semella que Negreira tampouco pertence ao PP, á vista dunha campaña sen figuras do seu partido. Pero forma parte do mesmo PP investigado en Madrid ou en Valencia. Defende as mesmas políticas, serve aos mesmos intereses. É, como os seus, intermediario de quen realmente ten o poder, catro señores que levan xa demasiado tempo facendo da Coruña o seu patio traseiro. Asumirá Negreira a súa responsabilidade política en caso de ser implicado nalgunha destas tramas, que salpican a boa parte do goberno coruñés? Dimitirá Negreira se acaba imputado?

Podes descargar o segundo número do xornal en PDF premendo aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>