Negreira cala, a Marea atende

A. D. Petouto

Xulio Ferreiro responde as preguntas da cidadanía a través da súa canle virtual en Ask.fm mentres o PP agocha a cabeza cercado pola corrupción.

É un dos sinais distintivos da Marea Atlántica. A política da participación real, onde a cidadanía toma a palabra e a súa palabra é un mandato para as persoas encargadas de administrar a cousa pública. O “gobernar obedecendo”. E o paso para transformar ese principio nunha realidade require de canais que abran e fortalezan unha comunicación en dúas direccións entre administradores e administrados. Canles directas e, tamén, canles virtuais, que amplían as posibilidades de recoller opinións e fan posible o diálogo, mesmo o debate, en tempo real.

É nesta crenza que, desde o seu nomeamento como candidato da plataforma cívica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro está volcado en expoñer o proxecto da Marea aos coruñeses e ás coruñesas e, ao tempo, tratar de coñecer as súas principais preocupacións e suxestións. Mentres o actual rexedor dá a calada por resposta ante os interrogantes que xorden arredor do seu equipo de goberno, e segue a xestionar o público de costas á veciñanza, o cabeza de lista da Marea ponse a disposición da xente para se someter a todas as cuestións que poidan ser de interese.

Así o fai, desde hai semanas, a través do seu canal da páxina Ask.fm, unha ferramenta de preguntas e respostas onde calquera pode lanzarlle ao candidato as súas dúbidas. Ata hoxe, son 93 as cuestións recibidas e contestadas a través deste mecanismo, que permite ademais consultar todos os temas abordados. O transporte colectivo e a mobilidade en xeral, a protección animal, o uso do galego na administración, a cultura ou as formas de combater a corrupción institucional son algúns dos asuntos que máis se repiten.

EN BUS, EN BICI OU A PÉ

O plan da Marea para o transporte colectivo é unha pregunta recorrente dos usuarios do Ask. Os cambios de rutas dos buses urbanos, o futuro do tranvía ou a posibilidade dun tren de cercanías son cuestións repetidas na interlocución cos e coas internautas. Neste eido, a posición da Marea e do candidato á alcaldía é clara.  “A mobilidade nunha cidade moderna e sostible ten que pasar por reducir o número de vehículos privados e fomentar o transporte colectivo, así como a bici e a peonalización”, contesta Ferreiro. A prioridade é conseguir que o transporte público sexa a primeira opción de mobilidade na cidade, e para iso a Marea perfila dúas liñas de traballo: por unha banda, adaptar á realidade o mapa de rutas actual, que, pese ás constantes rectificacións, segue a acusar déficits nos polígonos industriais ou en barrios como Novo Mesoiro; por outra, axilizar o tránsito dos propios autobuses. O transporte desde un punto de vista metropolitano, vendo más alá da ponte da Pasaxe, o impulso ao carril bici e ás rutas peonís (e espazos para o deporte na rúa),  ou tentar aproveitar o investimento feito no tranvía para incorporalo ao plan de transporte e darlle sentido a aquel dipendio están tamén na axenda.

SACRIFICIO CERO

O futuro da canceira municipal é un asunto de interese para os internautas que visitan o Ask. Revisar a concesión da canceira e avanzar cara a un modelo sostible de sacrificio cero, é a liña de actuación que seguirá a Marea que, desde o Concello, promoverá a concienciación e sensibilización sobre a situación dos animais, e elaborará programas de voluntariado para que quen queira poida colaborar co benestar dos animais da canceira. Sobre as touradas, a posición é contundente: “Nin un euro nin apoio, directo ou indirecto, a actos ou actividades de maltrato animal”.

CULTURA DESCENTRALIZADA

No cuestionario virtual non faltan preguntas relativas ao modelo cultural da Marea, que pasa, expón Ferreiro, pola participación, por repensar as estratexias para sacar proveito dos recursos, por  unha pedagoxìa crítica e pola difusión da actividade cultural a través de todos os puntos da cidade. Estreitar os vínculos entre cultura e educación, fomentar a descentralización e a presenza activa nos barrios, incorporar a memoria como elemento de reflexión e coñecemento —e non como un exercicio de nostalxia— ou coordinar as enormes posibilidades da axenda cultural coruñesa, favorecendo a creación local en todos os seus ámbitos, son as liñas deste novo modelo. Tamén aumentar o grao de excelencia da Sinfónica ou dos museos científicos, reimpulsar a rede de bibliotecas e, en xeral, recuperar todos aqueles proxectos e institucións en estado de abandono.

Podes descargar o primeiro número do xornal en PDF premendo aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>