Na primeira liña da rebelión democrática

Texto: A. D. Petouto
Foto: Sandra G. Rey

Ada Colau, Manuela Carmena e Xulio Ferreiro protagonizan en Madrid un multitudinario acto de unidade entre candidaturas municipalistas.

Pletórica e ben afinada fixo chegar a súa mensaxe o coro que escoitou quen se achegou o 6 de maio á praza do Museo Reina Sofía de Madrid. Foron miles, e foron quen de recibir e amplificar a melodía dese “Agora en Común” no que a Marea Atlántica, na figura de Xulio Ferreiro, levaba A Coruña ao foco da rebelión democrática: un encontro artellado arredor dos procesos cidadáns e municipalistas para simbolizar a unidade e a forza das iniciativas xurdidas en todos os puntos do estado como reacción ás políticas servís co Ibex 35 e os seus axentes, a gobernos antisociais e ao servizo duns poucos, aos “mordomos do 1%”, como os cualificou o candidato da Marea á alcaldía da Coruña na súa intervención, unha das máis aplaudidas.

Sobre o escenario estaba Xulio Ferreiro e estaban Ada Colau e Manuela Carmena, candidatas de Barcelona en Comú e Ahora Madrid. E estaban tamén Xavier Matilla, de Terrassa en Comú; Ysabel Torralbo, de Málaga Ahora; e Pedro Santisteve, de Zaragoza en Común. E tamén, para arroupalos, representantes doutras plataformas municipalistas, caras visibles do que Ada Colau sinalou como esa “rede de cidades rebeldes, orgullosas” que se estende de punta a punta do territorio, que non están dispostas a baixar a cabeza e que foron capaces de acordar para comezar a construír. “Estamos a demostrar que é posible facer política desde abaixo”, clamaba a coñecida activista catalá, na mesma sintonía que Ferreiro: “Xa estamos gañando porque fomos capaces de organizarnos onde nos dicían que non tiñamos nada que facer”.

Ada Colau xa visitara A Coruña para apoiar a Marea nunha conversa con Manuel Rivas que desbordou o Paraninfo da UDC hai uns meses. “Somos a xente común, temos a ilusión do noso lado e imos facer isto coas nosas propias mans. Contamos co apoio xeneroso da xente e de todas as forzas comprometidas co cambio”, indicou Ferreiro en Madrid. “Unha orixe común, malia ás diferenzas territoriais, que está en Nunca Máis ou no 15M, e tamén nas loitas polo dereito á vivenda. Padecemos problemas comúns: o que nun sitio se chama Bankia no meu chámase Caixa Galicia; o que en Madrid é a Gürtel, na Coruña é a Pokémon; pero o que en Madrid se chama Partido Popular, na miña cidade tamén se chama Partido Popular, malia a que haxa moitos candidatos que intentan agochalo. E, por suposto, estamos unidos polo feito de que non nos conformamos, que imos defender os nosos dereitos e desaloxar a minoría que goberna para unha minoría”, exclamou o candidato da plataforma coruñesa.

O común, iso que permite a confluencia que veu demostrar o acto de Madrid, está tamén no sentido común, no sentido do común. “Ter miles de desafiuzamentos… Iso é desorde. Imos acabar coa desorde para poñer sentido común”, dicía Colau. Do mesmo xeito aludiu Manuela Carmena ás políticas do PP: “Non se pode vivir feliz nunha sociedade cruel, con nenos que non poden comer, con xente que perde a súa casa. Non se pode dicir que os mendigos deben desaparecer. Os mendigos somos nós, os mendigos somos todos”.

Contra esas políticas que se fan de costas ao 99% da xente, ferramentas que son comúns a todas as plataformas presentes no acto: códigos éticos que apuntalen a transparencia e a participación. Ética, e tamén ilusión, a alegría que se contaxiaba no público baixo un sol que daba conta desa primavera democrática que demanda o panorama. “A Coruña foi sempre o patio traseiro de catro señores aos que serviron indistintamente PP e PSOE. Ante ese panorama, a Marea é a única alternativa á corrupción sistemática que une ao señor Rajoy co señor Negreira e as políticas antisociais do PP. O 24 de maio a Marea chegará ao Concello para desaloxar aos mordomos do 1% e poñer a institución ao servizo da maioría social”, adiantaba o candidato á alcaldía da Marea Atlántica. Ao acabar o acto, polo barrio de Lavapiés, Ferreiro era felicitado por veciñas e veciños de Madrid. E grupos de galegos achegáronse a el, orgullosos. A Coruña triste que só aparece nos medios estatais por tramas de enchufes é unha opción, a peor. A Coruña alegre e rebelde que ese día levantou aplausos en Madrid ante milleiros de persoas é a outra. Chámase Marea Atlántica.

Podes descargar o segundo número do xornal en PDF premendo aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>