Na Coruña, para a xente

Xulio Ferreiro

As xentes da Coruña xa situamos a Marea Atlántica como a alternativa fronte ao desgoberno do Partido Popular. O vindeiro 24 de maio temos dúas opcións. Por unha banda, a política da resignación, da tristeza e da miseria que eles nos propoñen. Pola outra, o vento novo da ilusión, da esperanza e da solidariedade que trae a Marea Atlántica. Dúas formas radicalmente diferentes de decidir que papel debe ter o Concello da Coruña nas nosas vidas.

Nos últimos anos xa tivemos resignación abondo. O seu xeito de facer as cousas non funciona para nós. Nin se senten parte de nós nin lles interesamos. Traballan para os seus. Chega o momento de apostar por un xeito novo de gobernar.

Este xeito novo de gobernar debe ser transparente. Queremos un goberno que poida ser controlado e que nos renda contas. Queremos que os nosos gobernantes informen do que fan, de con quen se reúnen, a quen lle adxudican os contratos que pagamos entre todos, e en base a que criterios. Queremos participar nas decisións que se tomen no Concello, queremos decidir en que se gastan os nosos cartos e que actuacións son precisas para os nosos barrios. Queremos que os nosos gobernantes sexan responsables e manexen os cartos públicos con sentidiño.

Este novo xeito de gobernar debe ser eficiente e ter claras as súas prioridades, poñer por diante os intereses da xente. Precisamos uns servizos públicos de calidade que cumpran o cometido de servirnos a todos, propoñendo mecanismos para evitar os desmáns e a corrupción na súa xestión. Temos que pensar en todas esas persoas que o están pasando mal e axudarnos. Poñer o Concello a traballar para elas, deseñando políticas que nos permitan a todos acceder a vivendas dignas, e loitar por evitar que máis xente sexa expulsada da súa casa, con todas as armas que a lei permite.

Non podemos deixar atrás a ningún veciño, temos que asegurarnos de que todos os que vivimos nesta cidade temos as nosas necesidades máis básicas cubertas. Necesitamos un Concello que utilice todas as súas enerxías en axudar a crear máis e mellor emprego, que aposte por sectores estratéxicos onde a nosa cidade pode ser referente: na investigación, na rehabilitación urbana, na atención ás persoas, no comercio de proximidade, nos mercados municipais, no turismo; que apoie as ideas innovadoras e os proxectos solidarios que xorden entre nós. Precisamos un Concello que pense na mocidade e aposte por ela.

Este novo xeito de gobernar ten que respectar e coidar o que é de todos. Desexamos protexer o noso territorio, evitando que se poña ao servizo da cobiza. Desexamos manter o noso patrimonio histórico en condicións que nos fagan sentirnos orgullosos del, da nosa historia como cidade e da nosa orixe común. Desexamos unha cidade amable, que poidamos pasear, respirar, gozar. Unha Coruña viva e alegre. Unha cidade onde cada barrio sexa o centro, cada rúa o quilómetro cero. Desexamos ter unha cidade activa, con ofertas de ocio para todos, onde a creatividade que xa existe entre nós atope o camiño para agromar e facernos a todos máis afortunados.

Esa é A Coruña que queremos, que precisamos e que desexamos, e temos que construíla entre todas. Como fixemos até agora. Como chegamos até aquí. Coas nosas mans, esas mans que demostraron que aquí na Coruña as cousas saben facerse moi ben. Que converteron á Marea no instrumento para construír a nosa cidade. A cidade que nos negan e pola que xa non podemos agardar máis. E ímolo conseguir. E para iso, o día 24 de maio, temos que acudir masivamente ás urnas e votar pola Marea Atlántica.

Porque na Coruña, para a xente, hai Marea.

Podes descargar o segundo número do xornal en PDF premendo aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>