Mentres tanto

Texto: Natalia Balseiro
Foto: Sandra G. Rey

Eu non sei o que quero, nunca o souben. Pero se o corpo vibra é que algo importante acontece. Nos últimos anos soñei con marchar lonxe, mais son de aquí e unha panda de bárbaros non van facer que marche.

Despois de tanto soñar, comezaron a pasar cousas. Seguín moi de cerca o 15M con todas as súas implicacións. Foi unha auténtica revolución. Seguín a Ada Colau. Máis tarde souben que na Coruña se estaba a activar a Marea. E seguina tamén. Sorprendeume gratamente, vin os avances, a seriedade do traballo, a comunicación e a visibilidade, as posibilidades de participación, a apertura á crítica e as persoas implicadas. Os corpos estaban a disposición dos corpos, do proceso, a disposición da cidade, sen contemplacións nin personalismos. O corpo vibra, algo está a pasar.

Pasou o tempo. Non podía asistir ás reunións; a conciliación é unha burla. Seguín o proceso a distancia. Un día convidáronme a unha xuntanza da Marea da Cultura. Alí, como nunha novela de Saramago, vin persoas transformadas en cidadáns activos, nomeando as cousas, as necesidades, as dúbidas, as ideas, soñando xuntos unha cidade posible. Vin o que soñara, cheirei os corpos… outra vez vibrando. Estaba pasando algo.

Ese día deixei de soñar e decateime que de súpeto chegastes vós, amigas e amigos, coñecidos, anónimos, cidadáns da Coruña, implicadas, comprometidas, currantes, valentes, mulleres e homes sen medo. Sabias, responsables, formadas e con experiencias diversas na xestión pública, na xestión privada e na autoxestión. Persoas con ética, afectadas pola vida igual ca min. Unha familia reunida á mesa con aspiracións de cambiar o rumbo, disposta a poñer as persoas no centro da acción política, deixando espazos para vivir, traballar, crear espazos para educar en igualdade, xerar contextos para que a cidade sexa un lugar para a vida das veciñas e os veciños da Coruña.

Eu xa sei que corremos un risco, que sodes persoas sen experiencia na Administración, xente nova, sen experiencia política, que vides de lugares ben diferentes e que a moitos non vos coñezo, pero tamén sei que os que están non pensan na xente da cidade senón nos visitantes, nas empresas de Madrid, en construír dende arriba. Houbo moitos anos de especulación, de intereses que sobrevoaban as decisións de carácter local.

Agora, amigas, soño con que sexades honestas e miredes polo ben común, sacrificando sempre aos que máis teñen e non aos que nada teñen que perder. A miña intuición e o meu corazón dinme que vos escoite, que vos apoie, que forme parte de vós, que poña o corpo en acción aínda que sexa dende a distancia. Dime que non podemos saber se se pode ou non ata que non probemos, non arrisquemos, non tomemos partido.

Podes descargar o primeiro número do xornal en PDF premendo aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>