Manifesto por unha idea de cidade

Pablo Gallego Picard

A cidade é aquel lugar onde se produce unha expresión indiscutible do público. Esta obviedade, implícita na propia definición de público/a (común dun pobo ou dunha cidade), convértese nun feito revelador cando lembramos a imposibilidade de que exista a combinación contraria: a cidade non pública. É dicir, se non hai espazo público non hai cidade.

O que realmente permanece na cidade é o baleiro, ou polo menos así debería ser, o construído acompaña. Este feito, evidente tamén para calquera aldea ou vila, ten non obstante na cidade a diferenza fundamental dunha escala maior, que produce a correspondente concatenación sucesiva dos seus espazos. Esta proeza dá lugar a un feito propio e único da urbe: a creación dun ambiente propio, ineludiblemente irrepetible e intransferible. O ambiente non so é ese espazo, senón a mestura complexa dos usos e costumes que a xeografía, o aire, as vistas e a interacción social completan. Se o espazo público non se usa este non existe, o seu sustento principal é o cidadán.

O cidadán fai a cidade ao usala, pero tamén na lembranza. Esta atmosfera particular debe facerse sempre respectando os tempos da memoria, cousa distinta á historia, nin esta nin as fotos en branco e negro serven. Cando se recorre a elas, algo falla. Este ambiente recoñecible en todas e cada unha das grandes urbes dá sempre lugar a unha idea de cidade. Se hai unha idea de cidade non se necesita de ningunha normativa específica para definir que se é, ou se quere ser, xa que todo o mundo a comparte. Non hai nada máis expresivo do carácter público que ese sentimento xeral de saber a onde se vai. Para saber que se quere ser primeiro hai que saber que se é, e se non se pode polo menos saber que se era.

Non estaría de menos entender que a Cidade é ese lugar onde o cidadán desenvolve unha idea do público que (con sorte) avanza dunh xeito diferente ao resto, velaí a súa tremenda virtude e riqueza! Na Coruña o espazo público desparece, ou privatízase. Na Coruña a memoria construída recalifícase, e isto é a súa morte. Na Coruña o espazo baleiro non alcanza a todos, tápanse as vistas e o resto é dos coches, séguense a facer autoestradas en vez de rúas. Na Coruña non hai suficiente escala, o ambiente tamén son os seus veciños do leste e do sul. A Coruña debe ser vista mais dende fóra, non hai nada mais democrático que poder achergarse andando. En definitiva, teño a sensación que na Coruña non hai unha idea de cidade común, cada quen ten a que lle convén, esta cidade non lembra por igual, non é de seu.

Podes descargar o primeiro número do xornal en PDF premendo aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>