Manchar as mans

Texto: Alba Barbadillo
Ilustración: Roberto M. Soler

Tivo que vir do pasado Eskorbuto a lembrarnos que estamos a ser manipulados. E manipuladas, si. Coa nosa propia empatía. Iso fan os inquilinos de María Pita cando apelan á solidariedade para explicar os trifásicos enchufes cos que beneficiaron a persoas da súa corda a cambio de quen sabe que prebenda. “¿No lo haría usted por su nieta si pasara necesidad?”. E así, coa manipulada culpa enriba de seren tan corruptos coma eles, manteñen un tinglado que, por certo, ten moito máis de oficina de cambio de favores que de centro de caridade.

Non hai tanto que, aténdome ao xurídico, defendía eu que a imputación non era necesariamente motivo para o cesamento dun cargo político. Presunción de inocencia, denuncias malintencionadas, indicios imprecisos, aludía. Falo duns poucos anos atrás, cando aínda as sospeitas do submundo que tecían as redes da política e a empresa eran só iso, sospeitas. Cando aínda era Pokémon unha saga nipona para nenos ou modernos e Pikachu, un boneco ben carismático sen parecido ningún con Carlos Negreira. Aqueles tempos. Non sabiamos da estafa que estamos a vivir, a pesares da suspicacia tan arraigada como fútil contra a política, contra o político, na hora do vermú. Entón non eramos tan conscientes dos manexos que implica esta política, estes políticos, tan efectivos para manterlle o estatus a eles, e a nós que nos zurzan. Manexos que fan coas súas mans, as mesmas que empregan para meterlle man á caixa pública, para manipular a visión do que acontece, sexa nos medios institucionais, sexa nos privados, vía inxección, para manobrar con impunidade.

Despois veñen estes tempos, nos que o veciño fala de exaccións ilegais, de suborno impropio, e non é avogado nin xuíz nin nada. Tan normal coma se falase do partido (do de fútbol, claro) ou da derrama. Normal, porque a corrupción está hoxe normalizada, desmitificada a base de repetición. Resignámonos a tolerar coma quen atura que chova miúdo. Molesta, pero apenas cala.

Urxe recuperar a empatía. E é así que aquilo que era, en principio, só unha conditio sine qua non convértese, a golpe da urxencia que marca o futuro inmediato, no piar válido para soster un proxecto de cidade. É necesario. Porque eles manchan as mans. Nós, coas nosas, construímos. Tentamos atopar algo novo sen ter que remexer no lixo.

Podes descargar o segundo número do xornal en PDF premendo aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>