Isto non hai quen o pare

Texto: Estíbaliz Espinosa
Foto: Sandra G. Rey

Sedíame eu na illa de San… Antón, e cercáronmi as ondas. Que grandes son! Pero non estaba soa, estabas ti, vós, nós. Sedíamos nós. E fomos ficando sós. O mar, o barco e máis nós.

E chegou a Marea.

Este recanto do mundo no que nos tocou vivir é fin ou principio, segundo como interpretemos o mar. A nosa cidade, A Coruña, pode ter vocación xeolóxica de illa, pero non de illarse, e na Marea sóubose un desexo común: acabar con certos xeitos de facer —de desfacer— as cousas; e de aí sabemos que hai marea, como sabemos que hai uns frescos do pintor Urbano Lugrís, na rúa Olmos 25… unha cripta verde cunha banda no teito: «Hic habitat felicitas». Aquí habita a felicidade. Ai,si! Como facemos, Urbano? Onde hai que asinar?

Como se abre paso o que ten que ser para que así sexa?

A natureza é preguiceira. Fará o que ten que facer da maneira máis económica que saiba. Sen dispendio. Sen gasto de enerxía. A matriz hexagonal dunha colmea é a forma máis eficiente de lograr resistencia sen peso. O líquido elástico dunha pompa de xabrón permite sempre que a tensión superficial se redistribúa. A forma máis económica. A máis transparente. A máis simple.

Queremos artellar este ecosistema que é a vila na que habitamos igual que se artella a natureza: facendo o que ten que facer da maneira máis económica e eficiente posible. Sabemos que moitos concellos, como as torradas, caen sempre polo lado polo que se untan. Non é lei de Murphy: é lei da física.

Unha organización humana esixe mecanismos de convivencia máis complexos ca unha pompa de xabrón. O mecanismo das mareas, da lúa, do devalo e a preamar, tamén é complexo. E aquí sopra vento de compoñente atlántica con forza 3 a 4, hai maruxíafortemaruxía, xente que quere abrirse a máis xente, incontables gota-a-gotas que fan Marea. E isto é o pico de iceberg dunha impoñente forza submariña que traballa ata as tantas, queima as cellas, deseña, dálle á neurona, renderiza, organiza, emociónase, argalla, retella, artella… que é unha arte.

E hoxe podemos dicir non só que hai Marea, que habela haina: tamén que haberá.

Haberá mareas e mareas. Mareas barriais, mareas humanas, mareas vivas e mareas que pasan Marolas. Mareas Pitas. Mareas que chegan para quedaren. Ou que dan paso a outras mareas. Confiamos nesta proposta nacida da cidade porque ten a marusía e o sabor de ir quedar, de inundar cun proxecto que non se pareza ao que xa hai pero que a todos nos soe, se cadra porque unha vez saímos do mar e levamos aínda o sal no corpo, nas bágoas, no suor, no líquido amniótico: é o proxecto do colectivo, dos nós comúns, de refacer e repensar a participación a un nivel tan básico como o municipal. Sabemos o que pasa cando non participamos: e non podemos perder o rumbo. Non podemos permitirnos tal luxo, non debemos permitirlles o luxo. A Marea é o arquipélago e é a constelación: unha chea de vontades a debuxar camiños, estratexias, denuncias. Solucións.

Isto párese entre todas. Por iso non hai quen o pare.

Podes descargar o primeiro número do xornal en PDF premendo aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>