Entrevista a Claudia Delso

Texto: Raúl Xordo e Manuel Solovio
Fotos: Antía García Sendón

Cando se lle abre a porta á participación, o proceso é irreversible
— Claudia Delso

Claudia Delso, veciña do barrio do Peruleiro, é a concelleira de Participación e Innovación Democrática no goberno da Coruña. A súa tarefa é rachar as barreiras levantadas durante moitas décadas para manter o concello afastado da xente. A través de procesos como A Porta Aberta ou o Escano Cidadán, Claudia Delso e o seu traballo aspira a crear estruturas estables que garantan que a voz da veciñanza nunca deixe de ser escoitada en María Pita, “para ter unha democracia máis representativa, máis directa e máis saudable”.

Como foron estes primeiros meses no Concello?

Por momentos, abafantes, pero tamén moi ilusionantes. Desde dentro, decátaste de que hai cousasque podes facer, aínda que outras non resultan tan sinxelas como pensabamos. O primeiro obstáculo co que me atopei foi a falta de persoal. Cando cheguei había só dúas funcionarias asignada á miña área, e estivemos un par de meses as tres soas, pensando e desenvolvendo ideas. Logo puidemos ir reforzándoa con persoas doutros departamentos. O grupo segue a ser pequeno, somos cinco mulleres, e o día que temos algunha baixa é una loucura, pero conseguimos ter unha boa dinámica de traballo, colaborando man a man. As xerarquías quedan na porta. Entre todas, deseñamos a metodoloxía de traballo da Porta Aberta, que comezou pola delimitación da cidade en distritos, e acompañamos o seu desenvolvemento.

Como funcionou A Porta Aberta?

É o nome que lle demos aos procesos participativos, unha das patas da nosa concellería. Botamos a andar cunha metodoloxía de traballo para recopilar datos útiles sobre os barrios e os distritos, traballouse con mapas marcando os os centros de referencia dos barrios e os límites de barrios e distritos, as relación entre barrios, a toponimia, etc. Neste primeiro proceso participativo participaron preto dun milleiro de persoas, tendo en conta os 29 encontros presenciais coa veciñanza nos centros cívicos da cidade, xuntanzas coas asociacións de veciños e veciñas da Coruña, a Universidade, e colectivos profesionais acostumados a moverse pola Coruña, como os taxistas e carteiros e a participación que chegou a través da páxina web.

Iso de “metodoloxía de traballo”, que vén sendo?

Un proceso no que non nos limitamos a transmitir información e recoller as demandas que nos trasladan. Pedímoslle á xente que participase de verdade, de xeito activo. Reflexionaron sobre os límites do seu barrio, estableceron as relacións con outras zonas, e deron a súas ideas sobre para que deben servir os distritos. Estamos a darlles capacidade de decisión. É moi distinto ao que se facía antes: trasladar unha lista de demandas que adoitaba ficar esquecida. Por iso quixen estar en todos os encontros presenciais, para falar coas persoas, explicarlles o proceso e escoitar as súas opinións.

Que tal o tomou a veciñanza?

Penso que a xente saíu moi contenta dos encontros. Atopáronse con que é a primeira vez que participan de xeito directo nun proceso político, e a resposta é moi boa, e moi valiosa. Desta vez, ademais de pedir, reflexionaron sobre o que piden e as súas consecuencias. Pensaron sobre o seu barrio desde outro punto de vista.

Non xorden conflitos? Porque non cremos que haxa dous coruñeses que estean de acordo sobre onde remata o seu barrio?

Claro que hai conflitos. Diso se trata, de organizar o conflicto. De ofrecer solucións creativas sustentadas en criterios diversos que respondan ás inquedanzas da cidadanía. Para iso serve a metodoloxía, para recoller toda esta información de xeito coherente e organizado. Estamos vendo que hai identidades moi fortes nalgúns barrios, e ligazóns importantes entre algunhas áreas. Por exemplo, as zonas rurais da cidade séntense máis identificadas con outras zonas rurais, aínda que non estean xuntas no mapa.

Claudia Delso

E agora que? Como seguirá o proceso?

A delimitación dos distritos é unha decisión importante e non cómpre apresurala. Agora en xaneiro acabamos de facer unha posta en común coa cidadanía. Achegamos unha primeira análise dos mapas que saíron dos encontros, e nos que se debuxaron 201 entidades recoñecidas pola cidadanía colectivamente. Estes datos, xunto aos resultados da enquisa realizada durante os encontros, os resultados dos mapas e a investigación realizada durante este proceso participativo formula unha serie de criterios que serán a base sobre a que realizar unha proposta definitiva. Éste é un dos valores do proceso participativo: obter como resultado os criterios que van a tomarse como referencia para organizar a cidade en Distritos.

Para que van servir os distritos?

Para o que a xente queira. Esa é unha das preguntas que facemos na Porta Aberta, e teremos en conta as respostas para deseñalos. Potencialmente, son unha ferramenta para a relación entre a veciñanza e o concello, que pode servir, por exemplo, para deseñar uns orzamentos participativos, para que nos digan como priorizar o investimento nos barrios.

Que é a innovación democrática?

É un xeito de nomear algo que está a acontecer, pero que se resiste a unha definición pechada. No que respecta á concellería, a innovación democrática é establecer mecanismos de participación estables, que faciliten que a cidadanía organizada e non organizada tomen conciencia da súa capacidade de decidir e teñan a posibilidade de exercela. Temos que conseguir que participar sexa doado e normal, para ter unha democracia máis representativa, máis directa e máis saudable. Unha vez iniciado o proceso, será irreversible.

Non teme que, no futuro, outro goberno poida pechar as portas?

Coido que unha vez aberto o proceso, xa é irreversible. Agora que a cidadanía está a ver que ten o seu espazo, que pode ser escoitada, será ela a que reclame que se manteña. Estamos demostrando que a participación non era algo imposible, que poñela en marcha era só cuestión de vontade política.

Como o Escano Cidadán?

Xusto. Abrir os plenos á intervención da xente era ben doado. É un dereito que xa estaba contemplado no regulamento de participación cidadá, pero nunca se empregara antes. Nós o único que fixemos foi desenvolver un dos puntos do regulamento, o dereito a rogos e preguntas para determinar como se exerce, dentro das limitacións legais. É unha ferramenta para introducir temas no debate político, no que os veciños e veciñas interveñen ao mesmo nivel que os representantes políticos.

Escano Cidadán
A cidadanía toma a palabra. Foto: Concello da Coruña

Houbo queixas porque as intervencións sexan ao final do pleno, moi tarde.

A versión actual do regulamento, aprobada en 2004 por Paco Vázquez, obriga a que sexa así. Senón, non sería legal. De todos os xeitos, estamos a traballar para buscar outras fórmulas e facer aínda máis accesible a participación.

A oposición está a ser moi crítica con estes procesos de participación. Chegaron a cualificalos de “xestos sen valor real”.

Temos tres partidos na oposición, e os tres tiveron responsabilidades de goberno no pasado. Tiveron ocasión de desenvolver mecanismos de participación cidadá, e non o fixeron. Só houbo un intento na época de Margarida Vázquez (BNG), pero non tivo continuidade. Eles perderon a súa oportunidade, e agora semella que queren deslexitimar o que facemos, especialmente o PP e o PSOE. Diría que teñen medo a deixar paso a toda a cidadanía, sen atrancos, a permitir que as cousas ocorran sen controlar o que nos din e cando nolo din. O paradigma cambiou.

Está a funcionar a colaboración entre as cidades rebeldes?

Si, e moi ben. Para nós, cooperar non é nada novo. Fixémolo, e moito, antes das eleccións. A novidade está en cooperar desde dentro das institucións. Compartimos as dúbidas e as dificultades, pero tamén as ideas e os estímulos. As estruturas dos distintos gobernos locais non sempre son idénticas, pero atopamos problemas similares. Na miña área, vexo que as cidades da nosa escala están na mesma situación de falta de medios, un pouco á espera dos orzamentos de 2016 para comezar os seus proxectos. Sorprendéronse de que na Coruña xa esteamos lanzados á piscina, pero demostramos que con vontade se pode facer moito. Xa son moitos os concellos, rebeldes e non rebeldes, que nos pediron información sobre o escano cidadán e os procesos participativos. E así seguiremos, sen deixar de compartir, de falar, de preguntar e de aprender, para non perder a perspectiva.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>