Editorial | Gañar A Coruña

Preguntábannos que era a Marea Atlántica, que era a confluencia. Por que conseguimos na Coruña iso que parecía tan difícil. Chámase unidade.

Queren convencernos de que o 24 de maio hai que escoller entre eles ou o caos, pero do caos xa sabemos bastante. Ou é que se lle pode chamar estabilidade a 22.000 parados na Coruña? E aos papeis de Bárcenas? É estable un goberno municipal investigado por corrupción? Non é o caos desaloxar familias das súas casas? Pódeselle chamar estabilidade un 25% da poboación en risco de exclusión social? Desmantelar a educación e a sanidade públicas? O PP debería revisar o que entende por estabilidade, porque está a condenar á xente a vivir no caos. Os que onte eran os señores da guerra, os que onte eran os señores do chapapote, hoxe son os señores da desigualdade.

Sabemos o que está a pasar. Sufrímolo nas nosas carnes. Prometérannos que os fillos vivirían mellor que os pais, que o estado do benestar non daría un paso atrás. Hoxe sabemos que non é certo. Vemos amigos en paro, alumnos sen perspectivas de futuro, os mellores cerebros no exilio, parellas novas que volven á casa familiar porque non poden pagar a hipoteca, maiores que teñen que elixir entre pagar a luz ou comer tres veces ao día. Iso é o que nos propoñen Rajoy e Negreira: paro, precariedade e tristeza. O caos.

Non é casual. Responde a un plan. O plan duns poucos que nunca teñen abondo, que non queren pagar impostos, senón vivir do noso traballo e dos nosos aforros. Ese plan que executan os seus mordomos, unha mafia que fixo da corrupción o seu xeito natural de actuar. Esa mafia que tamén ten secuestrada a nosa cidade. Que ten secuestrada A Coruña. Porque o expolio dos bens comúns que en Madrid se chama Bankia, aquí na Coruña chámase Caixa Galicia. Porque esa corrupción descarada que en Valencia se chama Gürtel, aquí na Coruña chámase Pokémon. Porque esa mafia que en España se chama Partido Popular, aquí na Coruña chámase tamén Partido Popular.

Di Carlos Negreira que non se lle pode dar a chave da cidade a uns descoñecidos. Claro que somos uns descoñecidos, señor Negreira. Alí onde conspiran os señores do Partido Popular non nos coñecen. Onde se cociñan as participacións preferentes nunca nos viron diante. E tampouco nos coñecen nos consellos de administración do IBEX 35, nin nos coñecen nos xulgados de instrución, nin nos coñecen os especuladores do ladrillo. É certo, señor Negreira. Somos uns descoñecidos para o 1%. A nós coñécennos os veciños e as veciñas dos barrios da Coruña. A xente común.

Imos gañar coas nosas mans. Coas mans que redactaron o manifesto da Marea Atlántica. Coas mans que aplaudiron na Ribeira do Cómaro hai un ano e nos dixeron que adiante, que querían unha marea. Coas mans que votaron nas primarias máis participadas da historia da Coruña. Coas mans que pasaron as últimas noites pegando carteis por toda a cidade. Coas mans que colaboraron no financiamento da campaña electoral para que non dependamos dos bancos, senón das xentes da Coruña. As nosas mans.

Pregúntannos que significa o punto azul da Marea Atlántica. Significa democracia. Significa transparencia. Significa honestidade. Significa participación. Significa ética. Significa poñer por diante as persoas. Significa botar os corruptos. Significa aquí. Significa agora. Significa A Coruña. Significa un goberno para a xente. Significa que o 24 de maio miles de persoas na Coruña van gañar as eleccións municipais na Coruña coa Marea Atlántica.

Podes descargar o segundo número do xornal en PDF premendo aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>