É tempo de unidade popular

Raúl Xordo

As formacións políticas que apoian a Marea Atlántica sinalan a confluencia como o único xeito de rachar co inmobilismo dunhas institucións afastadas da cidadanía.

A Marea Atlántica é, dende a mesma publicación do seu manifesto, un espazo de confluencia liderado pola cidadanía. Un sentir común que vai máis alá de siglas e nomes propios. Unha ruptura coa vella política que procura un novo xeito de organizar a vida en común da Coruña, dende a honestidade, a transparencia e a radicalidade democráctica. Con esta filosofía confeccionouse unha candidatura de unidade popular, na que os partidos teñen un papel importante, pero na que son os individuos, a xente, quen leva o peso.

O proxecto recibe o apoio de varias formacións políticas, que quixeron sumarse a este proceso de confluencia xunto a milleiros de cidadáns. Anova, Podemos, Esquerda Unida, Compromiso por Galicia, Equo ou Espazo Ecosocialista deron o paso de integrarse na Marea. Souberon ver que é o momento da unidade popular.

Ada Colau, voceira da plataforma Barcelona en Comú, visitou A Coruña hai uns meses para amosar o seu apoio á Marea. Dende o seu punto de vista, a confluencia é “unha resposta á situación de emerxencia que estamos a vivir, e un intento por levar ás institucións os éxitos que xa logramos na rúa”. “Xa somos unha maioría social”, explica, “os que non queremos máis corrupción, os que esiximos unha maior participación cidadá e unha economía máis xusta. Sabemos que cando nos xuntamos, como fixemos para parar os desafiuzamentos ou para plantarlle cara á privatización da sanidade, somos quen de conseguilo. Agora temos que levar esa xeito de facer, esa confluencia, ao eido institucional”.

Ademais, Colau lembra que “a cidadanía é hoxe máis culta e máis educada ca nunca, e ten máis posibilidades de participación ca nunca grazas ás novas tecnoloxías. Iso é o que iniciativas como a Marea Atlántica queren aproveitar, para rematar con este sistema suicida, que cada vez está facendo sufrir máis á xente. Sabemos que as institucións, tal e como son hoxe en día, non nos serven. Están pensadas para que haxa unha cúpula que dirixa e manteña afastada á cidadanía. Por iso ten que gañar a Marea, non para cambiar a uns por outros no Concello, senón para chegar aló e abrir as portas de par en par”.

Íñigo Errejón, secretario de Política de Podemos, afirma que “hai situacións que reclaman que a cidadanía dea un paso á fronte e entre nas institucións para que corra o aire fresco, e este é o caso da Coruña e a Marea Atántica”. Segundo declara, “este movemento de confluencia cidadá, con Xulio Ferreiro á cabeza, multiplicou a súa forza política a través dun proceso democrático que nada tivo que ver con pactos ás agachadas entre cúpulas”.

Errejón asegura que, “despois de moitos anos aturando uns políticos que fixeron da cidade o seu couto privado, e cuxas iniciativas megalómanas afogaron o pequeno comercio, é a hora da xente”, e avoga porque “a Praza de María Pita se vexa honrada coa chegada da Marea Atlántica”, pois “será a proba de que chegou a reconquista das institucións ao servizo da cidadanía”.

Xosé Manuel Beiras, voceiro nacional de Anova, explica a importancia de unir forzas co argumento de que “hoxe o estamento político, a casta política, non representa, non está a funcionar como é debido e os partidos son máis aparatos ca outra cousa. Non son as pontes que deberían vehiculizar as necesidades, as reivindicacións, os intereses e os dereitos das súas bases sociais. Daquela hai que deixar que onde xorden iniciativas cidadás como as mareas, esas sexan as protagonistas, e nós contribuír”.

“Nas mareas, como a Marea Atlántica que encabeza Xulio Ferreiro, nin Anova é protagonista nin Beiras é protagonista. Felizmente, o motor do proceso de transformación que é necesario hoxe está na sociedade civil e a súa capacidade de autoorganización”, sostén Beiras, e instiste en que o que máis lle interesa destas eleccións municipais “é que dalgunha maneira supoñan un paso adiante no proceso de implicación dos cidadáns, sexan ou non de partidos, á actividade política directa, a que exercen realmente como cidadáns cara a unha ruptura co réxime da Segunda Restauración Borbónica, que ten que rematar dunha vez. E non pode rematar se non existe ese motor composto pola cidadanía e as forzas políticas que están pola creba democrática facendo de motores auxiliares”.

O voceiro nacional de Anova fai un chamamento para que “o arquipélago dos concellos galegos se transmute na urdime democrática basilar do noso pobo, da nosa nación. Fagamos que as candidaturas con vocación de unidade popular e frontes amplas, axilmente adaptadas ás condicións sociopolíticas de cada lugar, bisbarra ou comarca, devolvan o poder democrático aos veciños e veciñas por todo o país e esgacen as redes de arrastre clientelares e caciquís que apañan o voto cautivo do PP”.

Yolanda Díaz, coordinadora nacional de Esquerda Unida en Galicia, asegura que a Marea Altántica é “un golpe de aire fresco na cidade da Coruña, unha iniciativa que xurdiu grazas a persoas que puxeron o ben común por diante de todo o demais e, de xeito xeneroso, crearon esta formula para construír espazos diferentes e plurais”. Neste sentido, afirma que a plataforma cidadá é “o exemplo que seguiron outras iniciativas similares no noso país, e será a candidatura do cambio en María Pita”.

Segundo Díaz, a unidade popular representada pola Marea é “a única resposta posible na situación de excepción política e social que estamos a vivir”. Afirma que “a democracia está secuestrada polo poder económico, que ten un peso enorme en todos os niveis institucionais”, e argumenta que a cidadanía só poderá recuperala mediante “a construción dun novo suxeito politico”. A coordinadora nacional de EU conclúe coa convicción de que, “nestes momentos, ou construímos unha confluencia con altura de miras, intelixencia e xenerosidade, ou nos estaremos a equivocar. É un proceso complexo, pero temos que implicarnos ao máximo”.

Breogán Riobóo, secretario xeral de Podemos en Galicia, lembra que as accións sociais desenvolvidas nos últimos anos, na loita contra os desafiuzamentos ou en defensa da sanidade e a educación públicas, “serviron para mudar a realidade e para demostrar que xa non aceptamos que nos queiran afastar da toma decisións, queremos que sexa a cidadanía quen controle directamente as políticas”. E, na cidade da Coruña, “a Marea Atlántica é a ferramenta municipal necesaria para conseguir este obxectivo”. Riobóo amósase convencido de que “o importante agora non son as siglas nin os nomes, senón a cidadanía, a transparencia e a participación”. E, por iso, “Podemos apoia á Marea no asalto democrático ao Concello, para construír, dende abaixo, dende o municipal, unha sociedade máis xusta e igualitaria”.

Xoán Antón Pérez Lema, secretario local de Compromiso por Galicia, asegura que a súa formación apoia á Marea “sen perder o seu perfil galeguista e progresista, porque acredita nunha candidatura de unidade cidadá, coa fin de desenvolver ese gran proxecto de mínimo común denominador”. A través da converxencia, CxG aspira a “garantir a transparencia, arrincar a corrupción e construír cohesión, inclusión social e unha boa gobernanza”.

Xoán Hermida, coordinador de Espazo Ecosocialista, sinala que estamos a vivir “un período de tránsito, no político, co esgotamento da Cultura da Transición, e tamén no filosófico e moral. Para afrontalo é precisa a unidade, pero non entendida ao vello xeito, como unha simple agregación de siglas, senón como unha unión de cidadáns. Nestes momentos, a coordenada democrática ten máis peso que os eixes esquerda-dereita e nacionalismo-centralismo”. Hermida sostén que “a Marea Atlántica foi líder neste sentido, foi pioneira en Galicia nesta forma de entender a confluencia, e hoxe é o espello no que se miran outras iniciativas similares no país”.

Ana Tomé, co-voceira de Equo na bisbarra da Coruña, asegura que “a Marea Atlántica se está a confirmar como a ferramenta máis efectiva para rachar coa deriva na que caeron as institucións e as forzas políticas inmobilistas que teñen representación nelas. A xente  demanda unha maior participación para rematar con esta democracia de baixa intensidade que só favorece a unhas poucas elites”. Dende o seu punto de vista, “o sistema aproveitou o complicado contexto económico que estamos a vivir para blindarse”, e o único que pode facer unha fenda nesa blindaxe é “a unidade popular da cidadanía, as organizacións sociais e as organizacións políticas non sistémicas, é fundamental para poder avanzar cara o obxectivo común de máis e mellor democracia”.

Tamén o representante do Partido Humanista na Coruña, Rubén Sanchez, defende que a Marea é “a resposta necesaria do pobo para ser escoitado, para defender os seus dereitos dende a participación cidadá, a democracia real, a cooperación e a converxencia da diversidade”. Sánchez argumenta que é o momento de unirse para facerlle fronte ao “proceso de concentración de poder e capital en mans duns poucos que se está a vivir en todas partes, ante a insensibilidade dos poderes institucionais”.

Como todas estas voces coinciden en sinalar, é tempo de unidade popular. É tempo de traballar xuntos, dende o 99%, dende a maioría social, para conseguir que María Pita deixe de ser unha fortaleza pechada á cidadanía e ao servizo dos poderes económicos, e se convirta nun pazo de cristal, aberto e transparente.

Podes descargar o primeiro número do xornal en PDF premendo aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>