Xulio Ferreiro: “Din que o poder corrompe, pero algúns xa veñen corrompidos da casa”

Alejandro Martín

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña cre que está “nas mans da xente” traducir en votos a ilusión xerada pola Marea. “E a xulgar polos ataques que recibimos dos poderes fácticos da Coruña, directamente ou a través das súas marcas brancas, debemos estar no bo camiño”, engade.

“Xuraría que os días tiñan máis horas antes”, bromea consultando o móbil. A Xulio Ferreiro, coruñés dos Mallos, os 40 anos aínda frescos no retrovisor, non lle sobra un minuto. Vai dun lado a outro coa familia coma se nada cambiase, procura non perder un partido na bancada de General e segue a traballar como profesor na facultade de Dereito da Universidade da Coruña, a mesma na que se licenciou e se converteu en doutor. Pero dende hai algo máis dun mes, despois dunhas primarias que o confirmaron como o candidato de todas as almas da Marea Atlántica, Ferreiro encabeza unha candidatura que algunhas enquisas colocan moi cerca do goberno municipal tralas eleccións de maio. “O desafío”, di coa ilusión tatuada nos ollos, “non permite mirar atrás”.

A quen se lle ocorre deixar unha praza de maxistrado na Audiencia provincial de Lugo para volcarse na candidatura da Marea Atlántica?

Ocórreselle a un cidadán que, como tantas outras persoas, está a ver a situación de empobrecemento xeral e desigualdade crecente, alguén que é sensible á falta dun futuro claro para as novas xeracións, para os seus propios fillos. E ese cidadán decide dar un paso adiante xunto a moitísima outra xente e sumarse a un movemento como a Marea Atlántica, esperanzador, serio, que pode empezar a construír unha sociedade diferente dende A Coruña, cuns valores distintos. Na miña situación iso esixía deixar unha praza de maxistrado, pero non é máis do que fai outra xente no seu día a día. Vivimos un tempo de emerxencia, é preciso abandonar as posicións de confort.

Confía en acadar o goberno da Coruña en maio?

Traducir en votos a enorme ilusión que a cidadanía está a depositar na Marea é unha tarefa titánica, pero está nas nosas mans. E a xulgar polos ataques que recibimos dos poderes fácticos da Coruña, directamente ou a través das súas marcas brancas, debemos estar no bo camiño. Os resultados das últimas citas electorais na Coruña avalan a hipótese: a unidade das forzas políticas que apostan polo cambio, multiplicada polo liderado da cidadanía, é unha demanda maioritaria.

Carlos Negreira cobra máis de 65.000 euros ao ano. Se vostede goberna, limitará o seu propio soldo a 40.000 euros brutos anuais. Á luz da súa declaración da renda, que fixo pública hai unhas semanas, iso é menos do que gaña agora como profesor universitario.

Certo, pero considero que o máximo que fixa o Código Ético da Marea, eses 40.000 euros, é máis que suficiente para vivir e bastante máis do que ingresa a maioría da xente na Coruña e en Galicia. Non se lle pode chamar sacrificio, e se o fose, sería un sacrificio máis cativo que o que fai moita xente anónima polo ben común. Non me vou ver en dificultades económicas, nin moito menos.

Non había xa partidos de sobra como para crear un novo?

A Marea non é outro partido. É un espazo de confluencia liderado pola cidadanía. Hai dúas diferenzas entre a Marea e un partido convencional. A primeira, a cidadanía, a autoorganización cidadá, o seu liderado, a xente común que, coma min, deu un paso adiante e se puxo a traballar no cambio. A segunda, a confluencia das forzas políticas, sen a que non existiría. A Marea é unha ferramenta para combater a atomización e a incapacidade dos partidos tradicionais á hora de levar ás institucións as arelas da maioría social. Unha ferramenta de unidade popular, ampla e plural.

Ou sexa, unha coalición.

Non é unha coalición. A maneira na que participan os partidos é diferente á usual nunha coalición. Aquí os partidos non pactan entre si unha lista nin se reparten cotas de poder. O que fan os partidos na Marea é moito máis importante. Un exercicio de xenerosidade e responsabilidade á altura dos tempos. Participan na Marea a través dos seus militantes e en pé de igualdade coa cidadanía sen carnet. Non hai pactos entre cúpulas. Ao contrario, na Marea os partidos póñense detrás, nun rol diferente ao habitual, empurrando á cidadanía e non tirando dela.

Encabeza unha candidatura de xente nova e sen experiencia de goberno. Saberán facelo?

Por suposto. Na candidatura hai xente nova e hai xente que xa non é tan nova. Ademais, na xeración á que eu pertenzo, a dos nacidos na década dos setenta, xa non somos uns rapaces. E nese tópico da xeración mellor preparada algo hai de certo, pero non só a nivel académico senón tamén para a política. A política non é unha cousa que se fai exclusivamente nos parlamentos ou nos salóns de plenos. Política é o que facemos defendendo a universidade pública, participando nunha asociación de veciños, organizando un banco de alimentos ou unha cooperativa de consumo responsable. E todas esas experiencias, e moitas máis, están na Marea. Hai capacidade de xestión, non teña dúbida. Se algo probou a Marea é a cantidade de xente preparada e con cousas que aportar á política que hai na Coruña. Novas formas de facer que xa funcionan noutros ámbitos.

entrevista xulio 2

Hai un ano, a Marea Atlántica nin sequera existía. Teñen xa un proxecto para A Coruña?

Claro que existía a Marea, non nacemos da nada, e claro que temos un proxecto. Un proxecto e un programa electoral ao servizo das maiorías sociais, e non sometido aos intereses económicos duns poucos. E ademais non é retórico. É un programa con instrumentos técnicos para levar a cabo o que queremos. Na Marea hai tanta ilusión como talento. No campo do urbanismo, por exemplo, hai ducias de profesionais traballando dende hai meses que saben do que falan cando proxectan unha cidade ao servizo das persoas, cando imaxinan unha cidade máis habitable. Non imos prometer obras e farolas, senón unha maneira nova de facer as cousas, coas prioridades clarísimas. A Coruña demostrou no pasado e vai demostrar no futuro que é unha cidade creativa, unha cidade que sabe o que quere, que ten experiencia en proxectos innovadores. O goberno municipal ten que poñer os medios para que esa pulsión se faga realidade.

Recorda algún programa electoral que non se incumprise?

Se a Marea non cumpre o seu programa, sae pola mesma porta pola que entrou. As nosas regras establéceno moi claramente: o incumprimento grave do programa activará un mecanismo de revogación dos cargos electos, a comezar polo alcalde. E ademais, as medidas de transparencia e participación que imos aplicar dende o primeiro día permitiranlle á cidadanía controlar ao detalle a acción de goberno. Non queremos unha carta branca. Queremos unha lupa enriba.

Máis da metade do equipo de Carlos Negreira, que mantén no seu cargo a un concelleiro imputado, Julio Flores, está a ser investigado na operación Pokémon. Por que ía estar libre a Marea de caer nas redes da corrupción?

Din que o poder corrompe, pero algúns xa veñen corrompidos da casa. Non somos todos iguais, pero tampouco é suficiente con ter o expediente limpo. Por iso na Marea temos un Código Ético moi severo destinado a combater calquera indicio de corrupción e, dende logo, a deixar fóra das candidaturas ou expulsar a calquera persoa imputada nunha causa deste tipo. Tamén é importante que a política estea ben ventilada, que non deixe de entrar aire fresco. E de aí que ningún cargo da Marea poida acomodarse no cargo. Dous mandatos e para a casa. E que creamos na transparencia, ata o final. En canto poñamos un pé en María Pita publicaranse todos os acordos, todas as axudas e todos os contratos, incluídos os menores. Cando hai vontade, as institucións poden cambiar.

Que será o primeiro que faga en María Pita?

Baixarme o salario e reducir o que lle custa o goberno á cidadanía nun 50%, aforrando un millón de euros ao ano, que boa falta fai para políticas sociais. E o segundo, abrir portas e ventás, que hai moito tempo que non se ventila María Pita. A cidadanía está desexando saber.

O desemprego é unha das principais preocupacións da cidadanía. Na Coruña hai xa máis de 22.000 persoas sen traballo, e a metade carecen de prestacións.

Hai unha liña que empeza en Rajoy, atravesa a Feijóo e acaba en Carlos Negreira: o desinterese polo desemprego. E non é só o paro, é que hai empregos precarios que non dan para vivir dignamente. É certo que as competencias en materia de emprego son limitadas nos concellos, pero con vontade, hai cousas que se poden facer. Negreira nin sequera gasta o que presuposta para emprego e servizos sociais. Nós imos poñer en marcha un ambicioso plan de emprego. Imos apostar polo comercio de proximidade, pola pequena e mediana empresa, pola economía social. E por suposto, imos ter un ollo sempre na universidade, na innovación e no emprendemento.

Prometen unha Renda Social Municipal para garantirlle a toda a veciñanza unhas condicións mínimas de vida. Pode asumir iso o Concello da Coruña?

Por suposto. A Renda Social Municipal terá un custo inicial de 3 millóns de euros ao ano, e un terzo desa cantidade afórrase racionalizando o goberno. E se fose algún máis, tampouco habería problema. O Concello da Coruña ten un orzamento cercano aos 280 millóns de euros. A cuestión é ter claras as prioridades. Poden ser as persoas ou as obras da Mariña. A nosa son as persoas.

Din tamén que A Coruña, coa Marea, será unha cidade libre de desafiuzamentos. Que ninguén vai perder a súa casa. Como se pode garantir iso?

O goberno da Marea negarase a colaborar cos desafiuzamentos. Se depende de nós, ningunha familia vai perder a súa casa. Paralizaremos os lanzamentos que dependan directamente do Concello, como os de San Vicente de Elviña. Os funcionarios municipais non se van poñer ao servizo dos desafiuzamentos, nin a Policía Local nin os bombeiros. Nunca máis. E imos poñer todos os recursos do Concello ao servizo das persoas que se poidan ver nesta situación.

Podes descargar o primeiro número do xornal en PDF premendo aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>