Dez mentiras sobre a Marea Atlántica

Texto: Raúl Xordo
Foto: Antía García Sendón

Minte, minte, que algo queda. A mentira é unha das municións máis empregadas na vella política para sementar dúbidas sobre os rivais.
 
E a Marea Atlántica, que está a poñer moi nerviosos aos que pensan que A Coruña é o seu couto privado, foi o branco dunhas cantas.

  1. Son uns radicais antisistema.
  2. Radicais? Si, na defensa de democracia e dos dereitos básicos. A Marea quere levar a participación cidadá e a transparencia ás súas máximas expresións. Antisistema? Os verdadeiros antisistema son os que aproveitan os cartos públicos para encher os seus petos e os dos amigos poñendo en perigo o estado do benestar. Extremista é quen expulsa a alguén da súa casa para que un banco gañe aínda máis.

  3. As súas propostas son irrealizables.
  4. O programa da Marea non contén nin unha soa medida que non se poida levar a cabo en catro anos. E, de non facelo, os seus representantes sairán pola mesma porta pola que entraron. O incumprimento grave e inxustificado do programa electoral activará un mecanismo de revogación dos cargos electos. O irrealizable é que se recupere a economía a base de pobreza. A Marea está coa realidade.

  5. Dividirán o voto e traerán inestabilidade e desgoberno.
  6. Ao contrario. A través da confluencia, a Marea Atlántica sumará o voto de todas as forzas políticas verdadeiramente comprometidas co cambio na Coruña. E o liderado da cidadanía garantirá a estabilidade a partir do 25M. Esa táctica do medo remite á extorsión, os que se pechaban nunhas siglas non dubidan agora en recorrer a marcas brancas (laranxas) para pactar.

  7. Queren rebentar as grandes infraestruturas, coma o Porto Exterior.
  8. Non, pero tampouco impulsalas a calquera prezo para que se convertan en aeroportos sen avións. As infraestruturas teñen que responder a necesidades, non a negocios. É preciso revisar o convenio do Porto Exterior, unha obra presupostada en 600 millóns que xa custou 1.700. O Concello non se pode permitir tal dispendio nin pagalo con anacrónicos pelotazos urbanísticos.

  9. Non levan obras no programa. Van deixar todo caer.
  10. Hai obras no programa, como a apertura do Parque do Observatorio, pero en vez de lanzar promesas ao aire para conseguir votos, honestidade. É un insulto o electoralismo que promete o que non cumpre. Haberá obras, claro, pero as máis localizadas serán decididas directamente pola xente nos barrios a través das xuntas de distrito e os orzamentos participativos.

  11. Non e máis ca un rebumbio de siglas.
  12. A da Marea é unha candidatura de confluencia e unidade popular que vai máis alá de siglas e nomes propios, na que as organizacións políticas teñen un papel importante aínda que sexa a xente, a veciñanza sen adscrición partidaria, a que conduce. Son cidadanía sen partido, xunto ao apoio de Podemos, Esquerda Unida, Anova, Equo, Compromiso por Galicia, Espazo Ecosocialista. A xente do cambio real.

  13. É un invento novo, para pescar en augas revoltas.
  14. Non, é unha iniciativa nova pero con fondas raíces. A Marea Atlántica naceu o 21 de xullo de 2014 e, humildemente, séntese herdeira directa do traballo dos movementos sociais, os colectivos cidadáns, de Nunca Máis, as PAH ou as acampadas do 15M. Augas revoltas son as da contaminada ría do Burgo, que nunca arranxaron as forzas que gobernaron. Invento son as contas de moitas partidos. Inventos nefastos.

  15. Esta xente non ten experiencia de goberno.
  16. A xente da Marea nunca ocupou cargos públicos, pero ten sobrada experiencia, tanto na política coma na vida. Hai movementos sociais tan ben organizados coma un concello. E precarias economías familiares mellor xestionadas que algunha das firmas onde os ex-cargos do PP acaban colocados. Quen non sabe do que fala é o que leva trinta anos nun coche oficial.

  17. Todos os que se meten en política son iguais.
  18. Como recorda Xulio Ferreiro. “Din que o poder corrompe pero algúns xa veñen corrompidos da casa”. Polo demais, os candidatos da Marea asinaron un código ético moi severo pensado para atallar a corrupción. E, dende logo, nunca levará persoas imputadas nas súas listas, como si fan algúns partidos, e expulsará a calquera persoa que sexa debidamente imputada nunha causa xudicial.

  19. Van de asemblearios, pero ao final as decisións tómanas catro amigos…
  20. Preto de 4.000 persoas asinaron o manifesto, máis de 700 participaron nas primarias, centos de cidadáns colaboraron na elaboración do programa e participan no día a día. A Marea non son catro amigos. Nin enchufarán cada un a outros catro, como o PP. Polo demais, a Marea non funciona só de maneira asemblearia. Tamén por delegación de confianza e rendición de contas.

    Podes descargar o segundo número do xornal en PDF premendo aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>