Da Ribeira do Cómaro a María Pita

Alejandro Pazos

Detrás do nacemento da Marea Atlántica está toda a memoria política dunha cidade moi afastada da imaxe tópica que difundiron os seus poderes. E tamén un proceso enmarcado no ciclo de ruptura democrática que comezou hai nove meses lanzando ideas e ilusión no que xa comezan a chamar “a primavera coruñesa”.

Querían un espazo aberto, na rúa, cómodo para congregar algo máis dun cento de persoas e que permitise xogar coa idea da Coruña marítima e, polo tanto, atlántica. Na reunión saíron varias ideas, pero foi a do “espigón das Escravas” a que se acordou nun local da Praza da Fariña, o nome popular do que se denomina oficialmente Praza de Azcárraga. Esa recuperación do rueiro tradicional —non só por unha cuestión de identidade, senón tamén para simbolizar unha institucionalidade nova pero con raíces— formaba parte do ecosistema cultural e político do que partían os e as que xa decidiran bautizarse como Marea Atlántica. Así que un deles saíu da xuntanza e chamou a un amigo, profundo coñecedor da historia coruñesa. Porque era obvio que non podían convocar á cidadanía nun lugar enmarcado cun termo opresivo. O erudito resolveu a dúbida ao momento. Si, o espigón das Escravas tamén tiña unha denominación popular. Antigamente, toda esa zona era coñecida como a Ribeira do Cómaro. Alí subiría a Marea.

Foi barrio de mariñeiros —aínda visible ata hai pouco, cando a ansia inmobiliaria liquidou as vivendas de San Roque— esa Ribeira do Cómaro, referencia que apunta a que antes existían na zona terreos sen cultivar. Por primeira vez acollería un acto político de relevancia, que asumía incertezas pero representaba un convite para unir forzas contra un modelo en declive, agora representado por Carlos Negreira. E o 21 de xullo deixouse ver por primeira vez nas rúas da Coruña un círculo azul cunhas letras en branco: Marea Atlántica. Nove meses despois, aquel desexo común converteuse en realidade cunha candidatura cidadá e de confluencia con opcións de gobernar a cidade e devolverlla ao 99%.

Aquel día, moita xente descubriu que ese lugar polo que tantas veces paseaban chamábase Ribeira do Cómaro. A Marea comezaba a rescatar legado. O da Coruña popular e rebelde. A auténtica, moi afastada desa imaxe señoritil que os poderes da urbe levan décadas transmitindo. A Coruña das combativas obreiras da antiga Fábrica de Tabacos. A Coruña republicana, aberta, libertaria. A Coruña dos mariñeiros que facían soar os seus barcos para alertar do golpe de estado do 36. A Coruña na que se fundaron as Irmandades da Fala. A Coruña que sufriu e combateu a ditadura. A Coruña que non se agachou cando unha elite estableceu na cidade un réxime de pensamento único, cemento e ladrillo. A Coruña do Xurelo, aquel pesqueiro que derrotou os grandes buques que lanzaban residuos nucleares nas nosas costas. A Coruña que dixo “Nunca Máis” cando o Mar Exeo fixo arder o mar e tivo que volver repetilo, con moita máis forza, cando o Prestige encheu de chapapote as costas, mentres o 1% dominante se reunía nunha Praza de María Pita pechada á cidadanía para negociar pelotazos que publicitarían como remedios contra a súa propia e nefasta xestión.

A Coruña dotábase dunha ferramenta política nova, que se presentaba aquel 21 de xullo de 2014 con outra data no maxín, o 24 de maio de 2015, eleccións municipais. A onda da ruptura democrática daba un paso adiante na cidade. Foron moitos os que se sentiron interpelados. Moitas. Superáronse as previsións optimistas e máis de 300 persoas acudiron á presentación da Marea Atlántica na Ribeira do Cómaro. Abríase o proceso no seu sentido máis físico. Pero xa levaba un tempo funcionando. E tiña un manifesto.

Loxicamente, os conceptos que permiten entender o nacemento da Marea Atlántica son anteriores. Irrompen nas vésperas das últimas eleccións municipais, en 2011. É o 15M. Manifestacións e acampadas —na Coruña, no Obelisco— por todo o estado español supuxeron un terremoto que, desde a cidadanía e sen recorrer ás fórmulas tradicionais, daba visibilidade á indignación contra unha crise que definían en realidade como estafa. Aquel estourido demandaba a renovación das ferramentas de antagonismo, tamén no nivel institucional. As eleccións autonómicas de 2012 e as europeas de 2014 amosaron na Coruña un escenario electoral favorable ás políticas concretas que reivindicaba o 15M. Tamén apuntou a necesidade de crear un espazo de confluencia. Para iso naceu a Marea Atlántica.

Na prehistoria da Marea hai movementos sociais e cidadanía organizada de diversas formas, tamén iniciativas nas que varias persoas comezaron compartir espazos de traballo, como no colectivo Robin Hood ou na canle dixital de televisión Galiza Ano Cero. Fervía o sempre fecundo activismo coruñés e con el crecía a posibilidade de impulsar unha candidatura cidadá aberta á integración de forzas políticas alternativas ao modelo imperante. Desde abaixo. Tras algunhas conversas previas e informais arredor desa idea municipalista, en xuño comezan as reunións. Nunha intervención pública e nun artigo o escritor Manuel Rivas súmase á proposta e fala de “crear unha gran marea atlántica”, termo que bautiza a iniciativa, xogando coa tradición marítima da cidade e cunha chiscadela ás mobilizacións así chamadas. Decídese comezar cun manifesto que asinen 99 persoas —simbolizando o 99% da sociedade agredido polas políticas ao servizo dos grandes poderes fácticos do 1% restante— e que logo se impoña o reto de alcanzar os 2.500 apoios para continuar co proceso. Diso falouse na Ribeira do Cómaro. E de moito máis.

Aquel 21 de xullo de 2014 converteuse nunha data histórica para a cidade, cuxo mapa e cuxo ambiente político entraron nunha nova fase. Con todo, seguramente o máis recordado daquel masivo acto será a emoción que o empapou todo. As intervencións chamaron á épica, á unidade, á vitoria nas urnas. Representantes de numerosas forzas políticas estiveron presentes. A Marea organizábase. A Marea subía.

Reunións maratonianas —coa Praza da Fariña sempre como epicentro— foron dándolle forma á iniciativa durante o verán de 2014. Todo estaba por construír. Pero cada vez había máis mans dispostas a traballar. A maioría, persoas sen adscrición partidaria, malia que algunhas formacións comezaron a achegar a súa xente ao espazo de confluencia, uníndose á que xa estaba desde o inicio. E botáronse a andar as mareas, sectoriais ou barriais. A primeira foi na Agra do Orzán. Un punto azul e unha megafonía básica esperaban na rúa Barcelona entre os nervios das convocantes, que temían pouca asistencia e respiraron cando viron que esta era masiva, unhas 200 persoas. Despois foi a quenda da Cidade Vella, da Cultura, da Mobilidade, do Feminismo, do Outro Urbanismo, dos Mallos, de Elviña, da Educación…

A Marea estendíase por toda a cidade. Con ilusión. Celebrouse cun acto público o obxectivo cumprido de respaldos ao manifesto: procuraban 2.500 sinaturas e superaron as 2.800. Os debates da Marea Viva, o encontro con Ada Colau, as reunións de traballo, os consensos… Moito traballo. Moitos folgos. Finalmente, todas as forzas políticas que sintonizaban coa proposta da Marea decidiron formar parte da candidatura e non presentar lista coas súas siglas. Anova, Esquerda Unida, Podemos, Espazo Ecosocialista, Equo, Partido Humanista e Compromiso por Galicia sumaban na Coruña, creando o espazo de confluencia máis amplo de Galicia e de todo o estado.

Unhas primarias transparentes nas que participaron máis de 700 persoas compuxeron unha lista de unidade e liderado cidadán. Elixido por consenso e validado nas votacións, Xulio Ferreiro foi presentado como candidato á alcaldía. Un local na rúa Marqués de Pontejos convertíase no centro de operacións mareantes. A participación daba impulso ao programa electoral, para o que se recolleron centos de achegas populares. A candidatura comeza a recorrer toda a cidade. As enquisas internas dalgúns partidos confirman a posibilidade de que a Marea Atlántica chegue a gobernar. Os poderes locais comezan a manobrar contra ela, nerviosos. A ilusión nótase en milleiros de coruñeses e coruñesas.

Todo comezou ao pé do mar do Orzán, na Ribeira do Cómaro. O 21 de xullo de 2014. Alí conxugáronse verbos de cambio. Propúxose unha nova ferramenta. Que xa existe. E se dirixe cara o que chaman “a primavera coruñesa”, centrada no 24 de maio de 2015 e no quilómetro cero da cidade: María Pita. Ata alí queren que suba a Marea.

Podes descargar o primeiro número do xornal en PDF premendo aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>