Cidades cun desexo común

Texto: Raúl Xordo
Fotos: Antía García Sendón

As ondas do cambio e a ilusión asolagaron o Palexco no acto das cidades rebeldes, no que se insistiu na importancia de que a rebeldía democrática vaia máis aló dos concellos e chegue as institucións estatais e autonómicas

Oito cidades. 1.500 persoas. Un desexo común respaldado por millóns de voces fartas de estar en silencio. Foi o que se sentiu o sábado 28 de novembro, no Palexco da Coruña, no acto público Cidades polo Ben Común, no que falaron os alcaldes e alcaldesas Martiño Noriega (Santiago), Joan Ribó (Valencia), José María González ‘Kichi’ (Cádiz), Jorge Suárez (Ferrol), Ada Colau (Barcelona) e Xulio Ferreiro (A Coruña), e a voceira do goberno de Madrid, Rita Maestre. Neste encontro no que os localismos e a competencia absurda doutros tempos ficaron enterrados pola cooperación, lembrouse que o cambio non se detivo en maio, que ten que seguir adiante e chegar ás institucións do Estado. Que é o momento da rebeldía democrática.

“O cambio que comezou en maio non hai quen o pare”, dixo Xulio Ferreiro. A Marea, nestes meses no Concello da Coruña, demostrou que “somos a Renda Social Municipal, somos o Código Ético, a Porta Aberta, as ordenanzas fiscais que reparten a riqueza, somos os e as mariñeiras do cerco, os pescadores galegos en Noruega que reclaman o que lles pertence, as mulleres vítimas de violencia de xénero, somos a xente sen casa, os pensionistas que contan cada euro, os rapaces e rapazas que emigraron como fixo Neira Vilas, as refuxiadas. Somos os da Praza das Atochas, e non os de Millán Astray. Esas e eses somos nós, e por iso imos ser recordados. Non pola Pokémon nin pola Gürtel”.

Pero o impulso ten que seguir, porque “mentres uns se xogan quen será o líder da oposición, se Feijóo ou Albert Rivera, o combate contra a corrupción non admite pasos atrás”, segundo Ferreiro. É tempo de levalo ao Congreso dos Deputados, “onde as cidades do cambio precisan un aliado, e poden telo grazas á xente valente que decidiu, En Marea, dar un paso adiante. Galicia quere cambio. Díxoo nas municipais e vaino repetir dentro dun mes, o 20 de decembro. E o ano que vén tamén lle diremos a Feijóo que acabou, que lle toca gobernar á xente”.

Ada Colau defendeu que “as cidades estamos a organizarnos para dar respostas, agora que os estados en Europa son estados fallidos, nos que hai recursos para as grandes infraestruturas, pero non para axudar ás familias que pasan fame. E nos que se gastan cartos en blindar ás fronteiras, mentres milleiros de persoas morren fronte ás nosas costas”. Pero as novas políticas “están en xogo o 20 de decembro. Xa demostramos que podemos, agora é o momento de levar esta marea ás eleccións xerais”.

Porque, como dixo Martiño Noriega, “fomos a un proceso electoral, con todo en contra, e xogamos en campo embarrado e con arbitro comprado, e gañamos. E eles senten como se alguén lles entrase na casa a roubarlles o lugar que ocupaban. Pero non imos pedir perdón por ter gañado as eleccións. Non imos perder o sorriso nin o rock ‘n roll. A fórmula é máis marea, máis marea para mollar os pés dos tristes e deixar limpa a praia cando marchen”.

Joan Ribó salientou que “os concellos do cambio real estamos dispostos a compartir sinerxias. Sumando, e aprendendo os uns dos outros”, e defendeu a necesidade de ir máis alá e “levar o cambio ás leis do Estado para garantir que as persoas poidan vivir en dignidade, cunha educación pública de calidade, cunha sanidade na que caibamos todos, e con dereito a vivir baixo un teito que nos acubille”.

Kichi, pola súa banda, afirmou que “estamos creando democracia substantiva nas nosas cidades e vilas, abrindo portas e ventás. Se non o facemos, ninguén o fará, porque os nosos soños son os seus pesadelos. Chamámonos David, porque todos eles se chaman Goliat, pola súa ambición, porque a súa fortaleza non é a intelixencia”.

Jorge Suárez afirmou “gobernamos coa xente, con vós. Estamos coas familias que pasan fame e frío, mentres outros o negan. A xanela do cambio ten que seguir aberta, para que os concellos non sigan sos na loita contra as leis de Montoro, que non deixan destinar cartos aos servizos sociais máis esenciais”.

“Nas institucións ten que entrar a xente normal, a xente do común, os que gobernamos nos concellos despois do 24 de maio. Os que entendemos a política coma unha fase da nosa vida, que asumimos con responsabilidade, pero da que non faremos a nosa profesión”, dixo Rita Maestre, e engadiu que “logramos cambiar as cidades, e din que as cidades van cambiar este país de países”.

E Pedro Santisteve lembrou que “en Europa estamos a pasar do neoliberalismo da crise ao neoliberalismo das guerras”, unha situación fronte a que se alzou a Rede de Cidades Refuxio, para “articular a diversidade, asumindo os lazos de interdependencia. Hoxe, máis ca nunca, vemos que non hai máis refuxio que a solidariedade que sostén a vida”.

En diferentes linguas, desde a diversidade que moitos insisten en negar, os e as representantes dos concellos do cambio falaron do avance do ben común, un avance que non parou en maio, que ten que seguir adiante o 20 de decembro. E seguirá.

A política desde a cooperación

O que puidemos ver en Palexco foi o punto e final dunha fin de semana de traballo na que plataformas municipalistas de todo o estado compartiron as súas experiencias e problemas tras as eleccións municipais de maio, teceron redes de colaboración e construíron proxectos conxuntos. En paralelo á axenda dos e das representantes dos concellos, acollemos a persoas de Ferrol en Común, Compostela Aberta, Ames Novo, Ourense en Común, Somos Uvieu, Participa Sevilla, Barcelona en Comú, Ahora Madrid, Ahora Ciempozuelos, Zaragoza en Común e Pamplona en Común. Nunca antes viramos a estas cidades traballar unidas.

Mesas de Traballo das Cidades Rebeldes

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e algúns concelleiros do Partido Popular , tentaron sementar dúbidas sobre o financiamento do acto porque, como dixo Martiño Noriega, pensa “o ladrón que todos son da súa condición”. Os cartos e as mans da xente da Marea Atlántica fixeron posible esta noite das cidades rebeldes. Nin un euro público houbo aquí, porque, como ben explicou Xulio Ferreiro “nós somos recén chegados e chegadas, intrusos e intrusas, novatos e novatas, pero temos un respecto sagrado polo diñeiro público… Non sabemos nin enchufar nin pedirlle á Gürtel que nos pague os mitins”.

En maio, un acto de unidade popular encheu o Palexco de xente, de ilusión, de desexo de cambio. Daquela dixeran que fora casualidade, pero este 28 de novembro demostramos que non. Que na Coruña, en Galicia e no Estado hai un desexo común, de novos xeitos de facer política nos que a cidadanía participe, decida e goberne. Hai un desexo que as institucións estean realmente ao servizo do 99%, de que invistan cartos en rescatar persoas e non bancos, de que poñan o benestar dos moitos por enriba do beneficio dos poucos. Hai Marea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>