Por unha Rede Global de Cidades (Rebeldes) do Ben Común

Traducido para O 15 por Manuel Solovio
Publicado orixinalmente por Bernardo Gutiérrez en Diagonal
Foto: Xiao Varela

Das confluencias españolas ao confederalismo de Rojava (Siria), das alcaldías gañadas en Jalisco (México) polo Movemento Cidadán a Reikiavick, pasando polas cidades e rexións gobernadas por Syriza en Grecia, a rede de territorios rebeldes continúa crecendo no mundo. A reunión en Barcelona dos alcaldes confluentes de España abre a posibilidade de crear unha Rede Global de Cidades (Rebeldes) do Ben Común que constrúa o relato do cambio e unha nova orde política poscapitalista.

A cidade contra o Estado. As Cidades do Ben Común contra o neoliberalismo global. Son máis que frases: poderían entenderse como lemas ou horizontes dunha nova orde. Cando Conil, un concello de Cádiz, se declara oficialmente contra o Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos (TTIP), a pregunta parece evidente: que pode facer un goberno municipal contra un tratado que depende da Unión Europea e dos Estados nación? Cando o novo goberno de Agora Madrid declara á cidade de Madrid como zona libre de transxénicos, uníndose a unha rede europea de 200 rexións e 4.500 autoridades locais, non é un acto inocuo. A rede de cidades para acoller a refuxiados insinuada por Ada Colau, alcaldesa de Barcelona, pasou dun comentario viral en Facebook a unha posibilidade real. As competencias sobre determinados asuntos exceden o municipal, pero as cidades poden activar mecanismos, atopar fendas legais e, sobre todo, abrir unha narrativa de resistencia e acción común. A cidade contra o Estado ou a cidade hackeando ao Estado?

En City of years, city of hope (2003), Zygmunt Bauman reflexiona sobre a mixofobia (o medo usado polas institucións para inhibir o uso do espazo público) e a mixofilia (mestura humana e cultural nas cidades). Curiosamente, a principal conclusión do estudo é que os Estados nación están en decadencia e que as cidades son o principal espazo político da nosa era. Os Estados e institucións adoitan despregar rodetes legais (Lei Mordaza, restricións de todo tipo) que agudizan a mixofobia. Con todo, as cidades poden fomentar a mixofilia desde o dentro (con medidas municipais) e desde o fóra (a cidadanía actuando autonomamente). Os concellos poden ser belixerantes contra os transxénicos (como Madrid), provocando un desprazamento do taboleiro de xogo: o máis importante non é falar se os transxénicos son ou non prexudiciais para a saúde, senón cuestionar ás multinacionais transxénicas que causan devastacións humanas e naturais no proceso. As cidades, abandeirando causas que exceden as súas competencias, abren camiño a novas políticas, leis, prácticas, ferramentas…. As cidades gregas que desobedecendo á Troika cancelaron a taxa de electricidade son un bo exemplo: forzaron un cambio (reformulación deste imposto) coa chegada de Tsipras á presidencia.

Ademais, este novo relato político das cidades contrarresta as metanarrativas do sistema neoliberal. Antón Fernández da Rota, no seu texto La Atlántida del Común. Laboratorios políticos municipales y periferia, identifica tres cidades neoliberais: “A Smart City do control tecnolóxico, a Cidade Creativa do capitalismo cognitivo e a Cidade-Marca de territorios en competencia”. Unha cuarta cidade neoliberal, transversal a todas, podería ser a Cidade Público-Privada, que limita o uso do espazo público e entrega ese dereito ao mercado. O encontro #CiudadesxelBienComún, celebrado o venres 4 de setembro en Barcelona, ao que acudiron os novos alcaldes das cidades gobernadas por frontes cidadás (Madrid, Barcelona, Badalona, Zaragoza, A Coruña, Santiago de Compostela, Pamplona e Cádiz, entre outras) foi o primeiro gran ensaio contra o Estado e as catro cidades neoliberais. As autoproclamadas Cidades do Ben Común comezaron a alimentar o relato/desexo doutra cidade e política posibles, nunha inédita fusión entre o “fóra” cociñado desde o #15M de 2011 e o “dentro” conquistado nas urnas o #24M de 2015.

A rabia urbana global do fóra

O libro La apuesta municipalista, responsable en parte das candidaturas cidadás bautizadas como “confluencias” que conquistaron moitos concellos de España, apostaba por “a política do próximo” fronte ao Estado. O libro pairaba sobre unha intuición sobre o “fóra” que existe desde o 2011 global: o urbano podería ser a panca do cambio. O concepto de Dereito á Cidade, formulado por Henry Lefebvre en 1968, levaba uns anos en boga: dereito ao espazo urbano que nos pertence. Do Foro Social Mundial (FSM) naceu a Carta Mundial do Dereito á Cidade. E o marxista David Harvey, no libro Cidades Rebeldes, publicado ao calor de Occupy Wall Street, deu unha volta de porca maxistral: o dereito á cidade transfórmase nun “dereito a modificar a cidade de forma colectiva” e a “cambiarnos” no proceso.

O 2011 global reconfigurou o espazo urbano como unha nova interface de acción e creación política. A mesmísima Saskia Sasken, que acuñou o paradigma da “cidade global” en man dos mercados, adaptou a súa propia teoría tras a ocupación da praza Tahrir do Cairo. Empezou a falar da Rúa Global, ese “espazo duro” onde “os que non teñen poder” conseguen “facer a política”. A rúa global (espazo físico e semántico) e as cidades rebeldes (como remestura combativa do dereito á cidade) convertéronse en horizontes narrativos do “fóra” global. Algúns dos estalidos sociais recentes tiveron no urbano a súa causa inicial, como as revoltas do parque Gezi en Turquía, do Movimento Passe Livre (MPL) no Brasil ou Gamonal (Burgos). O urbano tamén é a continuidade de moitas revoltas, como o mostran o Parque Augusta (São Paulo), Can Batlló en Barcelona ou a xestión comunal do Embrós Theater en Atenas. O urbano é o espazo de batalla de moitos movementos contra o neoliberalismo. “Loitar por unha cidade habitable é unha forma de disidencia”, apuntan en Tremor, brazo español de Radical Democracy: Reclaiming the Commons.

A efervescencia das loitas urbanas planetarias, ese “fóra” conectado en rede, nunca foi tan intensa. O movemento urbano polaco, ademais de tombar a candidatura das Olimpíadas de inverno de Cracovia, está a xerar procesos de autoorganización en Lodz, Poznan ou Varsovia. En Turquía, o colectivo Sokak Bizim (as rúas perténcennos) loita contra a xentrificación urbana. En Carpenters State (East London), os movementos da vivenda, ocupan edificios públicos. En Río de Janeiro, Ocupa Golfe ocupa o corazón simbólico das Olimpíadas: o campo de golf planeado sobre unha reserva ambiental. Nos suburbios de África do Sur, o movemento Abahlali baseMjondolo usa o Dereito á Cidade como ferramenta. En Italia, a loita pola morada e dereitos de inmigrantes desembocan no dereito á cidade. En Estados Unidos a Right to the City Alliance aglutina a diferentes organizacións. E existe mesmo a Plataforma Global polo Dereito á Cidade. No urbano, o combativo “fóra” global ten claro o seu campo de acción, peticións, obxectivos.

Das ‘extitucións’ ao ben común

En España, tras as acampadas do #15M as experiencias de autoorganización cidadá viralizáronse. Ao mesmo tempo, a maioría das institucións deron as costas á cidadania. Durante ese desencontro, Jara Rocha e Evangelina Guerra deron forma ao concepto de “extitución”, que disipa o dentro-fóra da institución e potencia as redes abertas: “As extitucións propóñense como superficies nas que poden ensamblarse multitude de axentes”. Os concellos españois gobernados por confluencias supoñen un auténtico meteorito (organizacional e narrativo) para o planeta. Desprazan o fóra cidadán (tecido nas prácticas do ben común) cara ao dentro institucional. E redondean unha transgresión política que está a ocorrer en moitas urbes (e nalgunhas rexións) do mundo. A extitución podería servir de definición metafórica para estas novas alcaldías cidadás.

A “revolución islandesa” gañou o concello de Reikiavich, que xa é referencia en plataformas participativas. A pesar da decepción macroeconómica de Syriza en Grecia, a coalición goberna rexións (entre elas Ática, a gran Atenas), nove concellos do cinto metropolitano de Atenas e Larisa (quinta maior cidade). Doutra banda, unha peculiar fronte cidadá (Allazoume Tin Poli) goberna Agios Dimitrios, ao sur de Atenas. En Polonia, o movemento urbano conquistou o concello de Gorzow Wielkopolski. En México, o Movemento Cidadán acabou co bipartidismo no estado de Jalisco ao gañar 24 alcaldías. Rui Moreira arrebatoulle ao centro dereita o goberno do Porto, cunha sui generis fronte cidadá sen partido. O concello de Bolonia puxo en marcha Collaborare è Bologna, “para protexer os bens comúns urbanos”. En xeral, o fóra global comeza a articularse para abrir o “dentro” á cidadanía. Ao mesmo tempo, o éxito das confluencias en España serve de inspiración para novos laboratorios municipalistas. En Belo Horizonte, unha cidade brasileira de 4 millóns de área metropolitana, os movementos sociais dan por inaugurado o municipalismo con Muitxs, Cidade para as eleccións de 2016. E moitos nodos de Occupy Wall Street están xa cociñando unha marea municipalista.

O caso da cidade de Kobane e de toda a rexión de Rojava, no kurdistán sirio, merece especial atención. En Kobane, o goberno local inspírase nas teses do municipalismo libertario do anarquista estadounidense Murray Boochin. Non só existe unha matriz cooperativa, comunitaria e asemblearia no seu goberno, senón unha forte aspiración transnacional. En 2005, na Declaración de Confederalismo Democrático argumentábase que “os Estados nación convertéronse nunha barreira ao desenvolvemento da sociedade”. A confederación transnacional kurda de Kobane está a ser especialmente influente no Partido Democrático dos Pobos (HPD) turco, clave tras a súa forte irrupción na política representativa.

Da Cidade Rebelde á Cidade do Ben Común

A Cidade Rebelde é necesaria: como narrativa e como práctica que modifica a cidade de forma colectiva. A Cidade Rebelde é desexable: como desobediencia que cuestiona marcos xurídicos de Estados, supranacións ou mercados. A Cidade Rebelde, ademais, convoca ao “fóra” global: aos movementos sociais, á resistencia cidadá, aos milleiros de cidades que o 15 de outubro de 2011 tomaron as rúas baixo o lema #15O: United for a global change. Pero a rebeldía desobediente debe navegar nunha polifonía de imaxinarios. O ton combativo e rebelde do “fóra” ten que saber ser agregador, acolledor, para que a nova urbe política sexa habitable por toda a cidadanía. E para que o sistema non entre en pánico. Para invocar ao “dentro”, ás esferas gobernamentais do mundo, o relato das Cidades Rebeldes ten que redondearse, que desdobrarse: cidades libres, cidades dignas, cidades participativas, cidades do abrazo, cidades do ben común. Ademais, o novo relato ten que ser quen de lles arrebatar o paradigma da economía colaborativa ás grandes compañías internacionais que o controlan.

No encontro #CiudadesxelBienComún de Barcelona a rebeldía desobediente estivo presente nos discursos. A mesmísima Ada Colau asegurou que “os Estados de Europa non estiveron á altura, aquí están as cidades para tomar a alternativa”. Ao mesmo tempo, do encontro agromou unha incipiente rede intermunicipalista de Cidades do Ben Común. O intermunicipalismo está abrazando un paradigma que, até agora, existía sobre todo no “fóra”: o “ben común”, o “común”, “os comúns, “o procomún”. E en que consistiría a Cidade do Ben Común? Antonio Negri e Raúl Sánchez Cedillo, teóricos do común, relacionan cidade e democracia, no seu artigo Por una democracia salvaje y constituyente: “As formas de vida metropolitana son modos políticos e produtivos. Facendo que interactúen democracia e (re)produción da cidade teremos a posibilidade de articular o político”. E aquí é onde os novos gobernos municipais das confluencias (o dentro) entran en acción: a multitude da que fala Negri non pode derrotar ás catro cidades neoliberais (Smart City, Cidade Creativa, Cidade Marca, Cidade Público-Privada) sen axuda. A nova interface política das extitucións, alimentada polo diálogo dentro-fóra, si pode construír unha alternativa.

Por un lado, o dentro da Cidade (Rebelde) do Ben Común ten que recoñecer e protexer as prácticas cidadás que reproducen o común: centros sociais, espazos autoxestionados, rede de hortos, redes de intercambio entre pares… O espazo público, que a cidadanía transformou nun palco vivo, democrático e de código aberto nos últimos anos, é metáfora e ferramenta da participación que o dentro necesita. Por outro lado, a Cidade (Rebelde) do Ben Común debe ir máis alá, construíndo repositorios de ferramentas/plataformas participativas copyleft e abertas, replicables por todas as cidades. Estruturas dixitais que leven tamén ao espazo público o código libre e o espírito do goberno aberto. Á súa vez, o “dentro” da Cidade (Rebelde) do Ben Común ten que deseñar marcos xurídicos flexibles para o asociacionismo e o cooperativismo, para os viveiros de iniciativas cidadás, para a auto-xestión e co-xestión de espazos e proxectos. Poden mesmo crear bancos de tempo ou crypto moedas intermunicipais alleas á especulación de divisas. O intermunicipalismo debe construír prácticas políticas irreversibles, para que no haxa volta atrás na democracia participativa.

Ademais, para substituír a hexemonía do Público-Privado, o dentro-fóra intermunicipalista ten que encontrar a fórmula (narrativa e legal) para o Público-Común, para o Público-Cidadán. Existen xa experiencias nas que as institucións recoñecen prácticas cidadás, como El Cambo de Cebada o Esto Es una plaza, en Madrid. Sen embargo, é insuficiente garantir legalmente prácticas do común se non se dotan de recursos públicos. A Big Society de David Cameron ou o proxecto gobernamental Holanda Participativa xustifican a desaparición do Estado co traballo voluntario dos cidadáns para o ben común. A autoxestión, as autonomías urbanas e a colaboración cidadá, máis que propiciar a desaparición do público, deberían incentivar resonancias mutuas.

Intermunicipalismo global

Esa rede de cidades contra o Estado está a nacer primeiro como un relato coral. A mediados de xullo, Antón Fernández da Rota escribía que “a insubordinación contra a débeda ilexítima da Rede de Cidades Rebeldes pode estenderse a lugares inesperados”. En agosto, Pablo Lópiz lanzaba a hipótese de que o municipalismo significa o nacemento dun novo paradigma político, a Cidade contra o Estado: “Na antigüidade os fenicios, os gregos ou os cartaxineses producen redes de cidades cuxa organización non responde nin se refire á forma-Estado se non é para conxurala. Estas redes de cidades non son tanto Cidades-Estado como Cidades contra o Estado”. Pablo argumenta que a cidade nunca existe de maneira illada, senón sempre asociada a outras cidades. E que o modelo cidadán do intermunicipalismo, “responde a un esquema de rede no que cada cidade constitúe un nó no interior dunha malla distribuída”. As teses do municipalismo libertario de Murray Boochin, escritas en 1984, albiscaban xa a posibilidade da nova rede escalable de territorios: “Interconectar pobos, barrios, pequenas e grandes cidades en redes confederais”. Cidades contra ou sen o Estado, confederadas, interterritoriais e cooperativas, para configurar un intermunicipalismo transnacional.

Hai unha década, a Carta Mundial polo Dereito á Cidade xa disipaba a definición de cidade: “Considérase urbe a toda vila, aldea, localidade, suburbio ou pobo que estea organizado como unidade local de goberno, tanto sexa urbano, semirural ou rural”. E aí reside un inspirador novo horizonte: unha nova Rede Global de Cidades (Rebeldes) do Ben Común podería xerar un diálogo asimétrico con outras unidades de gobernos. Ten sentido: unha rede española de cidades dos refuxiados debería dialogar co goberno rexional de Ática en Grecia, co dun país (Uruguai) ou mesmo cunha organización supranacional como a ONU. Esta alianza política asimétrica e escalable, con base nunha Rede Global de Cidades (Rebeldes) do Ben Común, podería propiciar o agromar do poscapitalismo de matriz colaborativa que segundo Paul Mason substituirá ao capitalismo. E podería disputarlle ao neoliberalismo a construción política e económica do mundo. O intermunicipalismo en España, para a ser o epicentro líquido desta aposta, ten que ir máis aló da prosistémica Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). E no global, ten que desbordar á benintencionada Rede Mundial de Cidades e Gobernos Locais e Rexionais (UCLG), que queda no Dereito á cidade. A Rede Global de Cidades (Rebeldes) do Ben Común ten o desafío de construír narrativas, atopar fendas xurídicas, forzar cambios xeopolíticos, lexitimar prácticas cidadás e construír ferramentas /plataformas libres e participativas para unha rede de comúns democráticos e coñecemento aberto que sexa irreversible. “A xeopolítica do común -escribe Daniel Vázquez no prólogo do libro do Bo Coñecer / FLOK Society, posiblemente a folla de ruta de políticas públicas cara ao post capitalismo máis completa- “abre unha nova fronte na batalla do capitalismo cognitivo e faino conectando códigos”.

Está moito en xogo. Moito máis que a xestión dun puñado de concellos españois conquistados por frontes cidadás. Está en xogo simultaneamente a vida dos barrios e a supervivencia da participación democrática do mundo. O planeta/barrio intermunicipalista, ensamblado para sempre, é a nova pedra angular do poscapitalismo global.

Fonte: Bernardo Gutiérrez en www.diagonalperiodico.net (14/09/2015)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>