Cidade intelixente, non “smart”

Vinte e cinco medidas para facer da Coruña “un espazo de dereitos para todas as persoas e non un negocio para uns poucos”.

Nun proxecto municipalista non sorprende que a cidade e quen a habita teñan unha posición central. Así ocorre na Marea Atlántica, que ten preparadas 25 medidas relativas ao modelo territorial e urbano que a iniciativa cidadá quere implantar tralas eleccións do 24 de maio, co obxectivo, explica un dos seus integrantes, de que A Coruña “deixe de ser o negocio duns poucos para se converter nun espazo de dereitos para todas as persoas: dereito a un hábitat, á calidade de vida, á vivenda, á mobilidade… En definitiva, dereito a unha vida digna”.  “Queremos unha cidade culta e popular, unha cidade saudable e sobre todo unha cidade xusta”, expón Xiao Varela, número tres da candidatura, quen rexeita “os dogmas da humanización urbana ou as smart cities” e aposta por traballar desde a vivencia de cada barrio “por unha cidade más humana e máis intelixente”.

Nas declaracións do candidato, arquitecto de carreira e profesión e moi vencellado ao urbanismo e á intervención comunitaria, déixanse ver os eixes da concepción que a Marea ten da cidade: un espazo accesible, respectuoso co entorno e, sobre todo, vivible e convivible. Cara aí van as primeiras medidas, que teñen que ver co dereito á vivenda: da man desta plataforma de unidade popular, o Concello porá todos os medios ao seu alcance para que a cidade estea libre de desafiuzamentos, para que ninguén sexa expulsado da súa casa na Coruña. No mesmo eido, a Marea ten previsto elaborar un plan de fomento do dereito á vivenda e da vivenda pública, a través da empresa municipal EMVSA, e aumentar nun 50%, ata o máximo que permite a lei, o recargo do IBI ás vivendas baleiras propiedade das entidades financeiras e o chamado banco malo (Sareb). A súa proposta inclúe tamén a creación dun programa de apoio ás hortas urbanas autoxestionadas.

Elviña e Bens, para a xente

O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) precisa, a ollos da Marea, revisión en varios ámbitos: o Parque Ofimático, para o que se propón unha alternativa que elimina o viaduto previsto sobre A Vedra e salva a veciñanza de San Vicente de Elviña; o Parque de Bens, onde o goberno de Negreira proxecta levantar un museo do automóbil con pistas para coches; o Parque da Torre de Hércules, para protexer a contorna do faro; o Parque do Observatorio da Agra do Orzán, único espazo verde co que podería contar o distrito;  ou a ordenación urbanística do sistema xeral portuario, para evitar a especulación cos terreos do porto histórico, na liña litoral da cidade.

O mesmo tratamento terá Someso, un polígono que, tal como se explica dende a Marea, “amosa as nefastas políticas de crecemento urbanístico do pasado e o presente conxelado da promoción inmobiliaria de grandes torres”. Nesta actuación urbanística, a proposta da iniciativa cidadá pasa por revisar os acordos de venda de bens municipais e, en caso necesario, esixir responsabilidades administrativas, civís ou incluso penais.

O proxecto da Marea Atlántica contempla tamén a recuperación do antigo cárcere provincial para a cidade e a revisión do proxecto tecnolóxico Coruña Smart City. Para a plataforma cívica, este proxecto estrela do mandato de Carlos Negreira e o PP representa “a innovación nas tecnoloxías da información e a comunicación orientada unicamente ao lucro duns poucos”. Pola contra, o que se suxire é  recuperar a infraestrutura xa desenvolvida para facilitar a participación cidadá e a economía social.

Que pasa en Nostián?

As políticas medioambientais  son un eixe transversal no programa electoral da Marea Atlántica, que asume o reto de contribuír “a un cambio positivo no coidado do medio e dos seus habitantes”, tal como expresa María García, número dez da lista para as municipais. A educación e a participación ambiental sobre temas principais, como os residuos, os espazos naturais, a mobilidade, a eficiencia enerxética ou o consumo, terán un papel destacado,  garante a candidata.

Neste terreo, especial mención merece a xestión de residuos urbanos, un servizo que na Coruña se realiza mediante concesións —coa empresa Cespa a recollida de lixo e con Albada o seu tratamento na planta de Nostián— cun custo anual de 20 millóns de euros. Á vista dos conflitos con Albada, que están xudicializados e poderían levar ao Concello a ter que desembolsar ata 40 millóns de euros, a Marea someterá a unha auditoría o funcionamento de Nostián, e establecerá mecanismos —formación, campañas, proxectos piloto— que permitan unha mellora da recollida selectiva do lixo e unha  redución en orixe dos residuos.

Outras propostas pasan pola conservación de espazos naturais e zonas verdes cos que conta a cidade, como os das zonas de Feáns, San Pedro de Visma ou Elviña, e a creación de novas áreas naturalizadas nos barrios. E tampouco queda fóra das liñas ambientais da plataforma encabezada por Xulio Ferreiro a ría do Burgo, para a que se procurará, dentro das competencias do Concello, a rexeneración, ambiental e económica, favorecendo a recuperación do ecosistema e a calidade dos seus bancos marisqueiros e fomentando os usos lúdicos e recreativos que ofrece.

De xeito concordante coas políticas de respecto ambiental, a Marea ten clara a súa liña para tentar facer da Coruña unha cidade libre de maltrato animal e, neste sentido, comprométese a suprimir calquera apoio municipal a eventos e espectáculos nos que se trate de forma lesiva a animais, caso das touradas. En paralelo, propón a creación dun Centro Municipal de Protección Animal que fomente a implicación cidadá na convivencia responsable cos animais e no modelo de adopción e que sirva para mudar o sistema cara un modelo de xestión con criterio de sacrificio cero.

Poñer ao día o autobús

Dentro do seu proxecto de cidade, a Marea ten planificada unha serie de estratexias para mellorar e humanizar a mobilidade, tanto no ámbito urbano como na conexión intermunicipal. Neste contexto, unha das suxestións pasa pola creación dunha rede de aparcadoiros disuasorios públicos e gratuítos que, segundo apunta Daniel Díaz Grandío, membro da plataforma e número nove da súa candidatura, deberán estar conectados co transporte público urbano e interurbano e deseñarse co consenso dos concellos da área metropolitana para seren eficientes. Tamén se contempla a posta en marcha de paradas intercambiador entre os buses metropolitanos e urbanos en San Diego, a Avenida da Vedra e a Rolda de Outeiro.

Xa a nivel urbano, o transporte colectivo é un dos aspectos principais a potenciar, para convertelo na primeira opción de mobilidade da veciñanza. Para iso, a Marea cre necesaria unha reordenación e actualización do mapa de rutas do bus e a priorización do percorrido dos buses nas principais vías da cidade cunha área reservada, para axilizar o seu tránsito e reducir os tempos de traxecto. O ollo da Marea mirará tamén cara ao estado da concesión, en mans da Compañía de Tranvías, para fiscalizar o servizo e aplicar unha revisión das tarifas do bus urbano, con bonificacións para familias numerosas e tarifa plana anticipada.

En paralelo, o proxecto municipalista fai unha aposta polo tránsito peonil e en bicicleta, cunha ampliación do carril bici ás principais vías da cidade e con tránsito por calzada naquelas declaradas Zona 20 e Zona 30. Tamén se procederá a conectar o carril bici urbano cos campus universitarios. Ao mesmo tempo, sinalan desde a Marea, poranse en marcha roteiros prioritarios para peóns.

En canto ao transporte privado, a Marea  focaliza a súa actuación en analizar o estado do servizo da ORA, cuxa concesión, que ostenta unha filial do grupo Vendex —núcleo principal da trama Pokémon que investiga a xuíza Pilar de Lara, e na que se investiga a máis da metade do equipo de Carlos Negreira—, vence no mes de maio. Coas cifras na man, a plataforma non descarta a recuperación do servizo mediante a súa remunicipalización.

Podes descargar o primeiro número do xornal en PDF premendo aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>