Catro anos de dispendio e escándalos

Texto: Alejandro Pazos
Foto: Sandra G. Rey

O mandato de Carlos Negreira e o PP á fronte do Concello da Coruña vén marcado polos picos máis altos de desemprego e pobreza da cidade nos últimos tempos, por casos de corrupción como Pokémon ou Zeta, por obras de alto custo sen contar coa cidadanía e pola inacción de María Pita á hora de xestionar a emerxencia social.

Dúas malas noticias sacudiron en días consecutivos a cidade da Coruña en maio de 2011. Primeiro, unha derrota en Riazor na última xornada enviaba ao Dépor a Segunda División, categoría que non pisara nos vinte anos anteriores. Ocorreu en sábado. En domingo, as desgrazas continuaron —aínda que neste caso o punto de partida era xa bastante malo— e o PP que lideraba Carlos Negreira gañaba as eleccións municipais ao tempo que un amplo grupo de persoas seguían acampadas no Obelisco en sinal de protesta contra as políticas dirixidas polas elites económicas. Seguramente, malia a non presentarse, elas foron as triunfadoras daquela fin de semana. Cambiaba co 15M a percepción política por completo e comezaba outro ciclo, no que curiosamente o PP lograba máis poder que nunca pero a decadencia do modelo político do estado español —dentro dunha crise global— convertíase no epicentro do debate. O mandato de Negreira non fuxiu deste escenario. Mesmo lle foi fiel na súa peor versión.

Establecendo de entrada unha alianza clara con ese 1% que levaba décadas dominando a cidade en beneficio propio —co aval das siglas do PSOE e mesmo outras— o PP estreaba mando no pazo de María Pita con grandes promesas e boas palabras. O primeiro que fixeron ao chegar ao despacho foi tiralas ao lixo. E comezou así un mandato no que a política local amosou escaso peso e nula independencia para, dentro das súas posibilidades, facerse cun oco propio no sentir popular. E nas súas necesidades.

Alcanzou cifras de triste récord o desemprego —na actualidade por riba das 22.000 persoas—, a desigualdade, os índices de pobreza —47.000 persoas en risco de exclusión social—, a precariedade laboral, a pobreza enerxética ou os desafiuzamentos —máis de dous ao día— nunha urbe con 19.000 pisos baleiros na que nos últimos lustros foron especialmente visibles a burbulla inmobiliaria e os excesos da banca. A crise económica golpeou A Coruña con forza durante todo o mandato de Carlos Negreira, que mirou para outro lado, chegando incluso a non solicitar da UE fondos para combater o desemprego feminino —que supera o 50%— ou deixando sen executar millóns de euros en promoción do traballo ou políticas sociais. Tampouco se lle viu nunca apoiando as mobilizacións contra a perda de servizos públicos. Si actuou contundentemente para enviar persoal do Concello a botar xente das súas casas, o que non sempre lle saíu ben. Porque a cidadanía ía por un camiño. O seu goberno local, por outro.

Problemáticas eternas da cidade seguiron aí, sen que o Concello fixese nada para satisfacer vellas demandas, como a fin dos asentamentos precarios, que nunca foi prioridade para Negreira. Tampouco o medio ambiente nin a mobilidade. Os puntos de vertedura á Ría do Burgo, cuxa contaminación escandalizou a unha delegación do Parlamento Europeo, non se tocaron. A participación popular non existe. Ao contrario, intentouse silenciar á cidadanía máis activa creando tecido social subvencionado con cartos públicos, as coñecidas como “asociacións de veciños e comerciantes” afíns ao goberno local que xurdiron pola cidade para contrarrestar o asociacionismo tradicional e independente. Nas rúas seguiron as denominacións franquistas. Diñeiro de todos usouse para torturar animais. Alimentouse a instalación de grandes centros comerciais ás portas da cidade mentres se afunde o pequeno comercio.

A aposta de Negreira non foi polas políticas sociais, pola creación de riqueza, polo reparto xusto ou polos coidados daqueles máis prexudicados pola crise económica. Polo contrario, grandes e moi caras obras de máis que dubidosa rendibilidade, un escaparate para foráneos de paso e eventos caros e elitistas foron as súas prioridades, completamente alleas aos tempos que se estaban a vivir. Soterrar vinte millóns de euros nas obras da Mariña-Parrote converteuse na acción de goberno estelar malia ás protestas e á evidencia —alén de que ninguén estea en contra de facer a cidade máis cómoda e mesmo agradable— de que os problemas dos coruñeses e das coruñesas eran outros. Que tampouco se resolven con anuncios electoralistas de última hora no máis puro estilo da vella política. A superada. A que aparece nas enquisas entre os primeiros postos das preocupacións da xente.

A Coruña deu razóns para esa desconfianza durante o mandato de Negreira, que sen dúbida será lembrado como o dos escándalos de corrupción, que alcanzaron un volume case inédito, só comparable ao que provocou o adeus de Francisco Vázquez. Pero nesa norma o PP local tampouco se afastou unha coma da norma do seu partido por todo o territorio estatal. Na era da Gürtel e de Bárcenas, o Partido Popular da Coruña puxo da súa parte a operación Zeta —que chega ata as súas altas esferas na cidade, moi preto de Negreira— e, sobre todo, a Pokémon —e a súa derivada, a Pikachu—, que inzou de imputacións o equipo do aínda rexedor. O seu home forte, o tenente de alcalde Julio Flores, sacrificado na limpeza, non volverá presentarse. Leva meses no cargo malia a estar imputado. Un auto da xuíza Pilar de Lara confirma que máis da metade da Xunta de Goberno Local está a ser investigada por unha trama de presunta prevaricación. A opacidade e a corrupción como forma de goberno. Implicado ata Negreira. Un mandato de sombras.

Podes descargar o primeiro número do xornal en PDF premendo aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>