Baixo a lupa da cidadanía

A. D. Petouto

Doce medidas para dotar de transparencia a xestión municipal e crear mecanismos de fiscalización e participación cidadá.

Radicalidade. Si. Radicalidade democrática. É unha das liñas básicas coas que a Marea Atlántica se presentou aos cidadáns e cidadás da Coruña en xullo do 2014 e é tamén un dos eixos da política que tentará instaurar en María Pita despois das eleccións de maio. A plataforma cidadá ten artelladas unha ducia de medidas neste eido cun obxectivo común, como é extender a democracia cara a rúa e facer partícipe aos coruñeses e coruñesas das decisións que lles afectan. Pero iso, entenden na Marea, non é posible se esa mesma mensaxe non cala tamén de portas para dentro, na actuación do  propio goberno local. Así, as estratexias planificadas para dar voz á veciñanza e facilitar que se afaga a tomar parte activa na vida municipal veñen acompañadas doutras que lle  permitirán monitorizar a actividade desa administración para coñecer ao detalle que fan os seus representantes, como o fan e en que empregan o diñeiro público. Con este mesmo espírito, a Marea comprométese a garantir as liberdades cidadás na relación coas institucións do concello e a promover o laicismo no funcionamento da administración coruñesa.

“A Marea naceu con un obxectivo claro, mudar A Coruña, un principio que non parte só de propostas e cambios concretos, senón que esixe dotar á xente da cidade de mecanismos cos que exercer o control e de expresar os seus desexos. A cidadanía ten que ser a protagonista desa mudanza”, resume o candidato á alcaldía, Xulio Ferreiro.

Participación

Se o que se pretende é romper as distancias entre os representantes municipais e quen lle deu esa responsabilidade, cómpre estruturar protocolos que faciliten a comunicación. Como o fará a Marea? Por unha banda, establecendo canles para garantir a participación: no Pleno do Goberno local, a través dunha quenda de palabra que se abrirá grazas á modificación do regulamento orgánico municipal, e que vai permitir a todo aquel que o desexe expresar sen intermediarios opinións, propostas ou críticas, propias ou da asociación o u colectivo ao que representan, diante do pleno; pero tamén noutros estamentos, como no Consello Social da cidade, unha figura que a plataforma considera “clave” para o diálogo social pero que hoxe non funciona na Coruña, ou nas Xuntas de Distrito, organismos de representación dos distintos barrios que, segundo estipula a Lei de Grandes Cidades, subdividen a cidade segundo un criterio territorial (unha división que, na práctica, non funciona na Coruña, e que os representantes da Marea esperan poder instaurar para descentralizar a xestión de cada barrio e dar máis capacidade de participación aos seus habitantes).

A participación cidadá, segundo a conciben os integrantes da Marea Atlántica, ten outras vías que permitirán á veciñanza tomar a palabra, como é o Referendo, que para a fronte cidadá debe ser o mecanismo co que se tomarán as decisións “de carácter estratéxico”. Neste punto, a Marea garante que ofrecerá “mecanismos de información e debate para que a cidadanía poida coñecer polo miúdo aquelo sobre o que hai que decidir”. Nesta liña, entre as figuras que impulsará se acada a representación necesaria no Concello están os Orzamentos Participativos, nos que a veciñanza poida ter voz e voto desde o momento da súa confección, para decidir en que se van investir os recursos municipais, pero tamén no control da súa execución ao longo do ano.

Transparencia

A transparencia é a outra pata dese conxunto de medidas para a radicalización democrática que quere promover a Marea Atlántica para acadar un concello “con paredes de cristal”; transparencia que os membros da candidatura exemplifican coa “lupa” que, din, queren que os coruñeses e coruñesas poña enriba de María Pita, como paso previo ineludible para poderen participar realmente da actividade municipal. Iso comeza coa rendición de contas que deberán prestar de forma periódica os cargos públicos, tanto a través do web municipal (ou doutras plataformas telemáticas) como de forma presencial, diante do pleno, do Consello Social e das Xuntas de Distrito. A cidadanía poderá así coñecer as contas dos membros do goberno local e as súas axendas, así como estar ao día da súa actividade e todo aquelo que se desenvolve na súa área de xestión: contratos, concursos… Tamén nese obxectivo se establecerá a limitación de dous mandatos para os representantes Municipais da Marea.

O mesmo ocorrerá coas concesións municipais, que, segundo entende a Marea, deberán estar sometidas a fiscalización continua, de maneira que os datos das empresas que realizan o servizo e as súas contas estean á luz pública (salvo nos casos que a lei o impide). Para acceder a esa información, o proxecto da iniciativa cidadá contempla a creación dunha plataforma dixital de participación que sexa bidireccional, isto é, onde a cidadanía poida consultar datos pero tamén formular demandas.

A Marea prevé aínda dúas medidas máis que afectan de forma directa aos seus cargos electos: por un lado, a redución das súas retribucións  nun 33%,  unha baixada que será dun 40% no caso da alcaldía e ata dun 50% para os cargos directivos e persoal de confianza, de maneira que ningún soldo supoña máis de 40.000 euros brutos ao ano; por outro, a inclusión de mecanismos revogatorios, que permitirán expulsar do grupo municipal a aquelas persoas que incumpran de forma graves e inxustificada o programa electoral. O mesmo acontencerá, avanza a Marea, con aqueles membros do goberno que resulten imputados (mediante resolución motivada dun órgano xudicial) en delitos de corrupción, ou por outros relativos a conductas racistas ou homófobas, delitos de violencia sobre a muller, contra os dereitos dos traballadores e traballadores ou delitos ecolóxicos.

Liberdades

Para a Marea Atlántica, a radicalidade democrática implica tamén a salvagarda das liberdades cívicas que, sosteñen quen impulsan esta iniciativa municipalista, supón mudar o concepto de seguridade pública como termo contraposto a liberdade. “Vivir seguros non é vivir máis vixiados ou máis encerrados en casas con protección, senón poder gozar plenamente de todos os dereitos e pensar a cidade como un lugar de realización das liberdades de todos”, expón Alberto Lema, número sete da lista para as municipais. Isto significa, adianta, o fin das políticas de seguridade cidadá que vulneren a liberdade de expresión, os dereitos de asociación, de manifestación e de protesta. Neste mesmo eido, a plataforma aposta por poñer fin á privatización dos sistemas de emerxencias e impulsar servizos compartidos e coordinados con outros municipios.

Podes descargar o primeiro número do xornal en PDF premendo aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>