As persoas primeiro

Texto: Elisa Ginzo

A Marea implantará un modelo de Servizos Sociais eficaz, público e de calidade para lograr a xustiza e a cohesión sociais.

Lonxe de dar esmola, a Marea entende que a política ten que responsabilizarse e corrixir os desequilibrios que levan ao empobrecemento e á exclusión social cada vez a máis persoas, vítimas dun sistema entregado á desigualdade. “As persoas son o primeiro”, din a miúdo as súas caras visibles. “A xustiza e a cohesión social garanten unha cidadanía libre, con igualdade de oportunidades e en condicións de gobernarse a si mesma: a democracia”. A Marea Atlántica quere chegar a María Pita para facer unha política que atenda as necesidades reais das persoas. Para iso, comprométese a acabar co actual modelo de Servizos Sociais asistencialista e ineficaz, lastrado pola burocracia e baseado nun enfoque caritativo. O camiño pasa necesariamente por un servizo público e de calidade.

Así o define Eugenia Vieito, número seis da candidatura: “Fronte a políticas centradas na privatización dos servizos sociais, dende a Marea avogamos pola defensa duns sevizos públicos de calidade, polo que cremos fundamental fortalecer as estruturas públicas existentes para lograr o obxectivo da sustentabilidade social”. Na mesma liña, o cabeza de lista, Xulio Ferreiro, defende que “o tratamento da exclusión social debe ir máis alá do puro asistencialismo, procurando un enfoque integral que incida na educación, na inserción laboral, e en xeral en darlle ferramentas ás persoas nesta situación para poder saír dela”.

“Dende logo, a nosa resposta non pode ser a caridade, senón a política”, resume Silvia Cameán, avogada e número catro da lista. As políticas de xustiza social está presentes no programa electoral da plataforma de xeito transversal, dende o convencemento de que é posible loitar no local por redistribuír a riqueza, establecer unha igualdade de oportunidades efectiva, achegar estabilidade laboral e combater a exclusión. Esa idea está presente moi especialmente nas seguintes medidas, ás que se suma como actuación máis urxente a Renda Social Municipal.

Contra a pobreza enerxética

Abaratar o recibo da auga para todos os cidadáns e, sobre todo, para os que atravesan unha peor situación económica, é un dos obxectivos da Marea. A rebaixa farase a custa dos beneficios que a empresa municipal de augas (Emalcsa) vén obtendo cada ano grazas a cobrar máis do que lle supón prestar o servizo. Que a ninguén se lle corte a luz ou o gas por razóns de vulnerabilidade social está tamén entre os compromisos da plataforma. Haberá axudas compensatorias nos casos de impago xustificado socialmente, para o que se reformará a Ordenanza de Emerxencia Social.

O Plan Local de Inclusión Social será o documento rector que articule de maneira eficaz a acción pública municipal en materia de políticas sociais. Dirixirase a grupos excluídos socialmente, coa meta de reducir a taxa de desemprego, aumentar os índices de actividade, e garantir que todas as persoas teñan un teito. Tamén está previsto adaptar as axudas ás necesidades da mocidade, como son, entre outras, as relacionadas coa vivenda, as de urxencia ou a Renda Social Municipal.

A igualdade como valor central

A Marea anuncia no seu programa que impulsará plans de igualdade e creará un Observatorio Municipal de Igualdade de Xénero. Este órgano fará unha auditoría para definir o incremento orzamentario e artellar unha metodoloxía participativa co tecido feminista organizado, persoas expertas e entidades que fomentan a igualdade de xénero. Tamén se velará polo respecto á diversidade afectivo-sexual aplicando políticas de integración e normalización da homosexualidade, a bisexualidade e a transexualidade.

Reforzaranse os medios e o persoal dos Centros de Orientación Familiar e a Casa de Acollida e haberá programas educativos estables e permanentes para os centros escolares e centros cívicos para a prevención da violencia machista, a saúde afectivo-sexual, a diversidade sexual, e a coeducación e a corresponsabilidade.

Na Coruña case o 5% da poboación é estranxeira, segundo datos do padrón de 2014. Unha cidade intercultural precisa de políticas que atendan estes colectivos, que actualmente se derivan a distintas entidades alleas á Administración pública. Para iso, entenden na plataforma cívica que cómpre garantir o funcionamento da Oficina Municipal de Apoio á Migración e poñer en marcha unha Estratexia Local de Inclusión Laboral dirixida a grupos excluídos socialmente, que se fixe como compromisos a redución da taxa de desemprego e a mellora das condicións de vida da cidadanía.

Reforzo contra o fracaso escolar

Na área educativa está previsto poñer en marcha programas de reforzo para diminuír o fracaso escolar, así como a apertura dos centros educativos fóra do horario escolar para realizar tarefas de tipo educativo, social e cultural. Terá que negociarse coa Consellería de Educación no caso dos centros de titularidade autonómica, e procurarase que sexan polas entidades dos propios barrios.

O programa da Marea nesta área contempla outros compromisos, como o de elaborar un plan para erradicar ao longo do mandato a maior parte dos obstáculos que impiden o goce dos equipamentos a cidadáns e cidadás, así como o compromiso de adaptar o transporte público municipal aos criterios de accesibilidade e eliminación de barreiras, e esixir a “accesibilidade” para obter novas licenzas de taxis, a través dunha ordenanza municipal.

Por último, a Mesa de Diálogo Civil que contempla crear a plataforma  encargaráse de xestionar a relación entre a Administración Local, os axentes do terceiro sector e os diferentes recusos sociais presentes para o desenvolver un Plan Local de Inclusión Social 2015-2019.

Podes descargar o primeiro número do xornal en PDF premendo aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>