As Marchas da Dignidade

Texto: Santi Lamelo
Foto: Antía García Sendón

No ano 1989, o economista e “think tank” John Williamson acuñou o termo “Consenso de Washington” en referencia a un conxunto de dez medidas básicas para reformar a economía dos países en vías de desenvolvemento. Medidas propostas por institucións na órbita de Washington, como son o Fondo Monetario Internacional, o Banco Mundial e o Departamento do Tesouro de EEUU. No decálogo do Consenso de Washington, podemos atopar medidas como a liberalización do comercio, seguridade xurídica para os dereitos da propiedade, desregularización dos mercados, privatización das empresas estatais ou control do déficit, e foron aplicadas na maior parte de América Latina durante a década dos 90 ata ben entrada a década de 2000.

En Europa non temos Consenso de Washington, temos unha “tríada” formada polo FMI, o Banco Mundial e a Comisión Europea, que prometen financiación aos países membros a cambio de aplicar as mesmas receitas neoliberais do Consenso de Washington, con consecuencias desastrosas para as persoas e cunha perda total de soberanía dos estados, como puidemos comprobar coa reforma do artigo 135 da Constitución Española ou, dun xeito máis salvaxe, con todo o acontecido en Grecia despois de que Siryza gañase as eleccións e tentase facer outro tipo de políticas diferentes ás impostas pola Troika.

Fronte a esta ofensiva neoliberal, que podemos facer? As Marchas da Dignidade ofrecen unha resposta a esta pregunta, porque naceron cunha clara intención: unidade na loita. Desde que o Poder Económico perpetrou esta crise, numerosos colectivos sociais, sindicais e políticos de todo o país mobilizáronse para protestar contra unha situación inxusta que nun principio culpaba á xente do acontecido, repetindo unha e outra vez mentiras coma a de “vivimos por riba das nosas posibilidades”. A protesta social colleu unha nova dimensión en 2011 co 15M, provocando unha explosión de xente que saíu á rúa e multiplicando o número de colectivos sociais que loitaban contra os desafiuzamentos, o paro, a corrupción ou a loita feminista, por citar algúns exemplos.

Pan, traballo e teito

No 2013, cando semellaba que a loita baixaba de intensidade, comezou a xurdir a idea de facer unha gran marcha a Madrid o 22M de 2014 baixo o lema “pan, traballo e teito”, contando co maior número de organizacións posible para loitar contra un sistema que estaba a acabar cos dereitos da maioría do pobo. Foi a orixe do que nas Marchas da Dignidade chamamos un “movemento de movementos”, unha organización que traballou pola unidade das numerosas loitas que xurdiron antes e despois do 15M, buscando crear un contrapoder que fixese fronte ás políticas da Troika. A idea colleu forza e hoxe son máis de 300 organizacións de todo o estado as que traballan para facer ese contrapoder tan necesario para derrotar á Troika. Sen esa forza na rúa, sen un movemento como as Marchas da Dignidade, o poder económico non terá freo e a loita polas institucións perderá forza, porque non haberá quen a substente. Fronte á Troika, dignidade e revolución.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>