As Cidades Refuxio: Imprescindibles

Texto: Carlos Deus
Foto: Antía García Sendón
Ilustración: Diego Jiménez

Quen non é refuxiado?

O resultado das eleccións municipais do 24M abriu as portas en moitos concellos, entre eles A Coruña, á participación cidadá. Máis voces e miradas diversas e en igualdade para repensar e propoñer solucións a realidades que durante décadas estiveron enquistadas abrindo cada vez máis as fendas da iniquidade. Este é o caso dos desprazamentos masivos de persoas e a creación dunha rede de cidades refuxio, a resposta cidadá.

A inacción ou as políticas restritivas de vixilancia fronteiriza caracterizaron a actitude dos gobernos europeos. Desde que a I Guerra Mundial xerou un masivo desprazamento de persoas ata o presente, centos de millóns de persoas sufriron o desarraigamento por conflitos bélicos, descolonizacións e ditaduras pero tamén por cuestións raciais, relixiosas, culturais, polos efectos do cambio climático e as súas terribles fames negras e a aplicación de modelos económicos devastadores. Aínda que o marco legal internacional define quen é refuxiado, parece evidente preguntarse: quen non é refuxiado?

Aínda que son os gobernos dos estados os competentes en materia migratoria e conxuntamente con Nacións Unidas no que incumbe a refuxiados, a realidade sitúa aos concellos como a administración máis directamente implicada en posibilitar e garantir o artigo 14 da Declaración Universal de Dereitos Humanos a través dunha inserción social efectiva, harmónica e en igualdade respectando a diversidade racial, cultural, política e relixiosa.

A Coruña, Cidade Refuxio

As imaxes actuais do Mediterráneo e dos países do Leste europeo son desoladoras, insoportables se é certo que pertencemos a unha sociedade baseada en dereitos e liberdades. Levamos décadas sendo testemuñas dunha interminable sangría que no mellor dos casos mergulla aos superviventes nunha clandestinidade carente de dereitos, vulnerable á explotación laboral e sexual e que estigmatiza as súas crenzas e cultura xerando guetos nos barrios menos favorecidos das nosas cidades. Seres invisibles.

Na Coruña o goberno da Marea Atlántica, a través da Concellería de Igualdade e Diversidade, creou unha ferramenta telemática para que a cidadanía poida ofertar a súa colaboración; ata o momento máis de 200 persoas cubriron o formulario de participación. Á súa vez, mantivéronse reunións co tecido asociativo, a Universidade e outros colectivos coa intención de avanzar na creación dunha mesa de coordinación que desenvolva programas de actuación para as persoas desprazadas e de sensibilización para a cidadanía.

Refuxiados, Refuxiadas Benvidas
A Coruña, Cidade Refuxio

O camiño recentemente comézase a percorrer e os obstáculos son moitos, desde a necesaria actualización da norma estatal do padrón, fundamental para iniciar calquera proceso de inserción, ata lograr unha maior implicación doutras administracións como a Xunta de Galicia, que só actúa en temas habitacionais e que, puntualmente, esgrime capacidades cando existe unha gran repercusión mediática. E por suposto, contar con partidas orzamentarias. Convén lembrar que existen dotacións económicas para os refuxiados durante o primeiros seis meses de estadía; e despois? E o resto das persoas migrantes en situación de precariedade?.

A Coruña veu partir a milleiros de persoas por cuestións económicas, culturais e políticas. Persoas que se volveron imprescindibles nas sociedades que lles abriron as portas. Agora toca descubrir que refuxiados e migrantes, tamén, son imprescindibles na nosa cidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>