Agora a Marea

Texto: Daniel R. Cao
Foto: Sandra G. Rey

The line it is drawn / The curse it is cast / The slow one now / Will later be fast / As the present now / Will later be past
— Bob Dylan, Times Are A-Changing

[ A liña está trazada, a maldición botada, o que agora é lento máis tarde será rápido, como o presente que pronto será pasado ]

Ola, hai alguén aí? Seguro que si, seguro que hai alguén, seguro que hai alguén que está lendo este xornal, que está lendo este texto. E vouche dicir unha cousa: estou moi seguro de que a menor parte da xente que está lendo isto comparte comigo data de nacemento. Non me refiro ao día exacto, refírome a dez anos arriba e tamén a dez anos máis baixo.

Somos minoría, non somos a xeración máis preparada da historia, penso, e son parte, que somos a xeración máis frustrada da historia. Somos a xeración máis frustrada porque somos unha xeración sen relato. Que significa que somos unha xeración sen relato? Significa que somos un grupo amplo que non temos algo común, algo colectivo que nos axude a identificarnos entre nós.

Somos unha xeración frustrada, somos unha xeración sen relato porque levamos unha vida enteira delegando, unha vida enteira esperando que as cousas se solucionen e a solución nunca chegaba. Non somos unha xeración frustrada porque non teñamos choio ou esteamos abocados á emigración, somos unha xeración frustrada porque nunca pensamos que por nós mesmos podiamos inverter a situación.

Somos a xeración (lembrades?) que cando cumprimos 18 nos mandaron a casa unha copia da Constitución, unha copia do texto que nos convertía na xeración máis garantida da historia. Si, si, aquel era o noso relato: o que dicía que cando nos vísemos excluídos aquel texto nos ía recuperar. Nunca ocorreu. Se alguén discrepa, ofértolle algo ao que agarrarse: xa non ocorre.

Chegamos á última estación, á estación chamada “Poñámonos en valor”. Á estación chamada “Coas miñas mans podo cambiar todo”.

É a hora e é o momento. Eu non estou aquí porque agora que os que mandan están debilitados pode resultar máis fácil apartalos. Eu estou aquí e estou agora porque sinto que as miñas mans poden sumarse a outras tantas e conseguir o noso obxectivo. E ese obxectivo resúmese en dúas palabras: ser felices. Hai Marea!

Podes descargar o segundo número do xornal en PDF premendo aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>