A Marea Atlántica en tres actos

Diego Jiménez
Foto: Sandra García Rey

Presentación: tan vellas como as mareas. E tan novas

As mareas non son novas nin vellas. Ou mellor, son tan antigas como o primeiro movemento dos océanos e tan novas como a última onda que bate agora mesmo aos pés da Torre. Á Marea Atlántica pásalle o mesmo: é certo que se converteu no instrumento para experimentar novas formas de facer política -máis dignas, máis humanas e máis amables- para unha boa parte da nosa veciñanza, pero tamén o é que no seu ADN están presentes as miles que nos precederon na loita por encher o futuro de xustiza.

Non, a Marea non xurdiu na Ribeira do Cómaro un día de xullo no que uns cantos centos de persoas gritaron por vez primeira aquilo de Hai Marea. E con todo, ese paso foi determinante para saber que o balbordo que se escoitaba por distintos recunchos da cidade desde había meses non era un espellismo.

Tampouco naceu desa impresionante toma colectiva de conciencia que xurdiu en torno ao 15 de maio de 2011. Mais sen a forza popular que durante aqueles días fixo tremer ao sistema, sen a potencia de todas as que entón se pasaron ao bando da rebelión, nunca podería ter sido.

E é que a Marea Atlántica, en realidade, sempre estivo alí. Na memoria durmida do pobo da Coruña, nos barrios invisibles construídos por retrincos de aldeas, na cidade libertaria que enfrontou -con máis enxeño que sorte- ao franquismo, na lingua que fixeron motivo de vergoña, nas mans da xente do mar, das praceiras, das cigarreiras, das costureiras.

A Marea é o berro profundo desa cidade que durante décadas quixeron afogar.

Nó: a táctica da bandada

O obxectivo estaba claro: construír un instrumento político para que a xente recuperase a cidade que lle roubaran. Unha posibilidade remota, pero que por primeira vez en moitos anos se vía como factible.

Os de arriba contaban con enormes vantaxes: diñeiro público e privado a man cheas, medios de comunicación que non pasaban de vergoñentos voceiros, unhas institucións públicas que usaban como tribuna, unha máquina electoral engraxada e a propia inercia demoscópica. Nós, apenas cun puñado de xente boa e xenerosa con moitos anos de activismo social ás costas e cun runrún dentro que nos facía movernos dun xeito diferente. Queríannos en soidade, pero íannos ter en común.

Por riba de debates máis ou menos duros, por riba de pasos en falso ou resistencias de determinadas estruturas, estaba o obxectivo e estaba o ‘nós’. Estaba a bandada. E a unha bandada non lla abates nin a canonazos.

As bandadas non seguen a un líder; acompáñanse, cóidanse e deféndense entre si dun modo natural, autoorganizado, orgánico. Era a bandada a que seguía e apoiaba a convocatoria dos actos públicos, a pegada de carteis e a repartición de panfletos. A que ficaba traballando até madrugada nunha ferramenta ou nun xornal. A que camiñaba polos barrios, megáfono en man, e organizaba primarias. Eramos os ninguén. Eramos os todos.

Puntos azuis
Foto: Antía García Sendón

 

Sen case saber como, a táctica da bandada funcionou. As cousas saían, e saían ben. Cada vez eramos máis. E, o que é máis importante, sorprendeu a estruturas gobernantes até a inoperancia: das burlas pasaron á preocupación e de aí, ao ataque furibundo. O medo estaba a cambiar de bando? Vaia se o estaba a facer.

Desenlace: o pobo é quen máis ordena

O 23 de maio xa eramos conscientes de que algo grande ía acontecer, e non só porque os medios de comunicación chamaban para pedirnos fotos de Claudia e Dani -números 8 e 9 da lista- ou polos rumores de enquisas que nos daban un bo resultado. Sabiamos que desta vez ía ser todo distinto polo recibimento da rúa á marcha do último día, polos ánimos da xente, polas caras acesas coa ilusión da que sabe que o imposible, por algunha estraña razón, se convertera en posible.

O demais xa é por todas sabido: Grândola soando en miles de gorxas e a estatua de María Pita amencendo cun sorriso nos beizos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>