A hora da cidadanía

Texto: A. D. Petouto
Foto: Antía García Sendón

Centos de persoas impulsan co seu traballo e a súa ilusión a Marea Atlántica.

Corre o tempo e toma forma aquel desexo común ao que hai case dez meses poñían rostro os 99 primeiros asinantes dun manifesto, o da Marea, que anticipaba xa as liñas que hoxe sosteñen o proxecto que quere recuperar María Pita para o 99% a partir das eleccións do 24 de maio. O debuxo desas liñas conforma unha Coruña ben distinta da que tenta vender quen a goberna só para os seus, unha cidade á medida das persoas, ao servizo das persoas, e feita con todo o bo que as persoas saben achegar.

“A cidadanía ten moito que aportar e precisa un espazo para poder falar, expresarse, opinar e ser escoitada”, sintetiza a actriz Vanessa Rivas, unha das asinantes iniciais daquel documento que marcou o inicio desa marea que hoxe pon rumbo a María Pita impulsada polo traballo e as propostas de centos de persoas, unhas sen carnet de partido e outras de Anova, Podemos, Esquerda Unida, Equo, Compromiso por Galicia e Espazo Ecosocialista. Ese espazo de unidade, máis alá das siglas, é un dos sinais de identidade da Marea Atlántica, que traballa xa nos mecanismos e ferramentas cos que dotar ás coruñesas e aos coruñeses de voz e voto, máis alá da cita electoral, nas decisións que configurarán a cidade.

“Era o momento oportuno porque a xente quere implicarse e participar, pero non encontra o xeito porque as estruturas dos partidos están moi anquilosadas e burocratizadas”, expresa o docente Jurjo Torres, catedrático de Didáctica e Organización Escolar da UDC e tamén asinante inicial, quen, como o restos das persoas que arrouparon desde o primeiro momento a plataforma, viu que era necesario “abrir outros cauces para que entrase xente que non entraba nas canles das organizacións políticas”. “A Marea”, completa Sabela Pérez, profesora xubilada con moito percorrido en favor dos dereitos sociais, “representa para min a construción política colectiva dun Nós, que se veu forxando nas loitas sociais desta cidade, en cada espazo cultural liberado”.

Da mesma idea é Nicanor Acosta, asinante, traballador incansable polos dereitos sociais e número 19 da lista de confluencia para as municipais. “A Marea facía falta porque é necesaria a confluencia da cidadanía para botar fóra aos usurpadores do poder. Se vimos dicindo dende hai catro anos que non nos representan, temos que exercer a nosa soberanía os cidadáns directamente, sen intermediarios”, engade.

Esa soberanía, garanten desde a iniciativa cidadá, ha servir para combater as desigualdades e a exclusión e facer desta unha Coruña máis xusta, libre de desafiuzamentos, de corrupción e de especulación en favor duns poucos. Sen recortes nos servizos públicos básicos, e sen sometemento aos ditados dun poder económico que non mira polos que están abaixo. Unha Coruña libre tamén para opinar, para a convivencia e para a realización individual e colectiva. Para a acción social.

“A principal identidade da Coruña é a cultura democrática, o sentido cívico, a raíz libertaria e a loita pola igualdade. Esa é a nosa verdadeira tradición, a cerna do coruñesismo. Temos que liberar a nosa cidade das redes do conformismo, os poderes escuros e a corrupción”, resume o escritor e periodista Manuel Rivas, outra das caras do proceso cívico desde a súa concepción. Pasados máis de nove meses, hoxe reflexiona: “Hai pouco estabamos na desunión, no desafiuzamento moral e material, e na desesperanza. En que estamos agora na Coruña? Nun proceso de unión, nun proxecto de xustiza social e nun rescate da esperanza”.

TEMPOS NOVOS, NOVAS CARAS

A Marea é tamén, segundo a describe a profesora na facultade de Socioloxía da UDC Belén Fernández, un proxecto político “innovador” e como tal mira cara a diante, aínda que sen perder de vista os valores e o  legado do 15M, tal como salientan Nicanor Acosta e outros participantes. “Tempos novos son proxectos e persoas valentes e sen ataduras e con pasados limpos. A nosa cidade meréceo e necesítao para apuntar ao futuro”, concorda o doutor José García Buitrón, ata 2013 responsable da oficina de coordinación de trasplantes do CHUAC, unha idea coa que coincide Jurjo Torres: “A Marea foi un éxito e está a ser un éxito porque permitiu que aparecesen no escenario novas persoas e iso é absolutamente novidoso, revolucionario e necesario”.

Caras novas, moitas, aínda que non acabadas de chegar, xa que a xente que lle deu pulo á Marea procede en moitos casos dos movementos sociais e leva moitos anos de mobilización e organización dende abaixo. Unha experiencia que aspiran a poñer agora ao servizo da cidade e das persoas que a habitan desde o Concello.

Podes descargar o primeiro número do xornal en PDF premendo aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>