A grande oportunidade da Coruña popular

Texto: Alejandro Pazos
Foto: Antía García Sendón

Sen a máis mínima intención de apropiarse de nada, a Marea Atlántica recolle unha longa tradición rebelde coruñesa que, por primeira vez en moito tempo, está diante da oportunidade de alcanzar o Concello para poñelo ao servizo da xente.

A veciñanza reunida nunha praza, concretamente no adro da igrexa de Santiago, na Cidade Vella da Coruña. As persoas alí presentes debaten sobre as cuestións comúns e toman decisións. Ou sexa, unha asemblea. Unha escena recoñecible na actualidade, especialmente desde que o 15M abriu os marcos políticos en demanda de máis democracia. Pero non, a imaxe non se corresponde cunha xuntanza aberta da Marea Atlántica, non. Era a forma de gobernarse na Coruña na… Idade Media!!!

A xenética popular da Coruña é unha feliz realidade. Vivimos nunha cidade creativa e activa, cunha cronoloxía de dignidade de séculos que, como tantas outras cousas —os dereitos sociais, por exemplo—, foron usurpados por unha elite que roubou o auténtico carácter coruñés para convertelo en algo antipático, que xeraba desconfianza máis alá da nosa contorna, que nada tiña que ver coa vocación aberta e atlántica que sempre definiu as nosas rúas e as nosas xentes. A Marea recolle, sen apropiarse de nada, ese espírito, e quere levalo ao Concello, tamén secuestrado por unha elite que podía escenificarse como cortello ditatorial das vacacións dun nefasto caudillo ou en forma de consello de ministros nunha praza de María Pita pechada aos seus donos, á xente, para evitar a dignidade multitudinaria que berraba Nunca Máis á que vez que dentro do consistorio Aznar, Vázquez, Rajoy ou Rodrigo Rato facían malabares políticos para converter nun pelotazo de cemento a desfeita do chapapote. Nesa onda andaba xa Carlos Negreira. Uns en pazos blindados, outros coa cidadanía do común. Esa dualidade mantense aínda agora: ou PP ou Marea.

Non nacemos nestas eleccións. A Marea Atlántica simboliza o aire novo pero reivindica o noso mellor pasado, o de tanta xente que loitou polos dereitos cívicos, que desafiou a poderes insensibles para crear comunidade e cultura, vitalidade e rebeldía, como por exemplo naqueles ateneos libertarios dos anos 30 onde as clases traballadoras accedían a unha formación; naquelas Irmandades da Fala que mesturaron orgullo con vangarda; naquelas traballadoras da Fábrica de Tabacos que loitaban contra a explotación e a precariedade; nos mariñeiros que facían soar as buguinas dos seus barcos para alertar do golpe totalitario do 36; daqueles que se xogaron o tipo pola democracia; daqueles que saíron a mar aberto no Xurelo para enfrontarse á contaminación nuclear das nosas costas; da e dos que se opuxeron á destrución de patrimonio en tempos de burbulla inmobiliaria; da modernidade do atlantismo dos anos 80 ou de quen saíu ás rúas despois do Mar Exeo ou o Prestige; das acampadas do 15M e, por suposto, do fito que significou hai case un ano aquela xuntanza na Ribeira do Cómaro na que tomou impulso esa Marea que agora ten diante unha oportunidade histórica, a de gañar as eleccións e liderar o cambio real, a devolución da Coruña ás súas xentes do común.

Porque despois hai outra Coruña, que se reúne en salóns ou reservados de restaurantes caros para asinar dubidosos contratos cos cartos de todos e de todas. A que non ten o máis mínimo interese polo que está fóra da súa exclusiva e excluínte área de intereses. Son a elite, o 1%, non está aí quen desde a pequena ou mediana empresa saca adiante o seu traballo, nin os e as desempregadas, nin as clases populares nin o precariado que ten dereito a deixar de selo. Latexa a cidade real ao ritmo da ilusión, por unha vez ligada á política. Nunca unhas municipais crearan tal expectativa. Porque é a hora da participación, da ética, da alegría, do cambio real. Despois de moitas esperanzas frustradas e estafas diversas, na cidade hai Marea. O faro lanza luz sobre o pazo de María Pita, agora sumido na escuridade. Estamos ante un momento histórico. Chega un 24 de maio oceánico.

Podes descargar o segundo número do xornal en PDF premendo aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>