A ética como obrigado punto de partida

O Código Ético da Marea Atlántica senta as bases dun proxecto que equipara a representantes e representados.

A trama de enchufes e favores que destapou a investigación da xuíza Pilar de Lara no Concello coruñés non é máis que un exemplo da vaga de corrupción que, tal como corroboran outros moitísimos procedementos xudiciais, corroe e condiciona as estruturas e formas de goberno estatais, autonómicas e locais. Máis esa corrupción é, por oposición, a forza impulsora de procesos que, como a Marea Atlántica, nacen ante a convicción de que outra forma de facer política é posible, baixo a premisa de que a acción institucional ha ser un compromiso de servizo público, da xente para a xente, sen máis privilexio. “Un grupo municipal é parte desa cidadanía, e debe renderlle contas mentras traballa polos desexos comúns”, indican desde a Marea.

Nestas coordenadas, a plataforma viu claro desde o principio que só un compromiso ético firme pode minimizar as posibilidades de corrupción e garantir unha institución ao servizo da xente. Desa convicción nace o Código Ético da Marea, unha ferramenta que marca as liñas de actuación do grupo municipal, cunha doble función: evitar o distanciamento entre representantes e representados e establecer mecanismos que preveñan a corrupción e reforcen a transparencia, facilitando o control da cidadanía.

Dese documento dimanan moitas das medidas que a iniciativa cidadá quere levar a María Pita. Como a limitación de oito anos (dous mandatos) para o exercicio do cargo representativo, do persoal de confianza ou dun cargo directivo de designación política, como garante da renovación, ou a obriga para todos eles de facer públicas as contas (declaración de bens, da renda e de patrimonio) desde a súa toma de posesión ata tres anos despois de ter abandonado o posto. Tamén os  seus ingresos dserán accesibles e transparentes, e o mesmo deberá ocorrer coas contas do grupo municipal, que serán publicadas cada trimestre. A misma accesibilidade rexerá as axendas dos e das edís, as ordes do día e os informes de cadansúa área.

O Código Ético da Marea supón o fin dos privilexios de quen ostenta a representación pública. Establece unha retribución máxima para o goberno, cargos directivos e persoal de confianza de 40.000 euros brutos ao ano, o que vén a ser un soldo mensual de 2.100 euros, o que supón unha rebaixa de ata o 40% respecto a actualidade, no caso do alcalde. Quedan vetados tamén os privilexios derivados das funcións no Concello, desde as primas por asistencia a outros órganos ata o uso inxustificado do vehículo oficial. Quedan vetado tamén calquera regalo ou trato de favor, que deberá ser rexeitado e facerse público. Na mesma liña, estipúlase que os e as representantes da Marea non acumularán cargos nin retribucións, nin poderán desempeñar responsabilidades orgánicas en partidos políticos o sindicatos, e tamén se cerran as portas xiratorias, con marxes de prohibición de ata dez anos para entrar no consello de administración dunha empresa relacionada co Concello.

A rendición de contas que impón o Código Ético enténdese tamén como a obriga da Marea de acatar a vontade popular que se expresen nos espazos de participación, e a garantir esas canles de participación, como é o caso dos referendos, o método de consulta que se establece para aquelas decisións con impacto urbanístico, ambiental ou social.

A revocabilidade dos cargos é outra das claves do pacto ético: a cidadanía ou os órganos correspondentes poderán recurrir a esta vía en caso de violación do código ético ou de incumprimento inxustificado do programa. Tamén, en caso de imputación (motivada por resolución xudicial) por delitos de prevaricación, tráfico de influencias, enriquecimento inxusto, suborno e malversación de fondos públicos, ou contra os dereitos das persoas pola súa condición (racismo, homofobia, violencia de xénero…), contra os traballadores ou contra o medio ambiente.

A promoción da igualdade, o compromiso pola conciliación coa vida persoal das representantes, a defensa da lingua galega no papel institucional dos cargos e o respaldo a actividade dos movementos sociais quedan asimesmo fixados no Código Ético.

Podes descargar o primeiro número do xornal en PDF premendo aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>