A Marea Atlántica propón “99 medidas para o 99%” e aspira a devolverlle as institucións á xente

Texto: A. Pazos
Ilustración: Roberto M. Soler

As políticas sociais e a democratización e apertura do Concello á cidadanía son algúns dos eixes principais das propostas

“Sabemos que este sistema non deixa de crear inxustiza e desigualdade. Que os recortes nos servizos públicos, deseñados por unha minoría ao ditado do poder económico, os estamos a padecer nós, o 99%”. Con esa denuncia comezaba o Manifesto co que naceu a Marea Atlántica o pasado verán. Unha cifra simbólica, metáfora da maioría social, que nove meses despois segue no horizonte. Dende as 99 sinaturas que apoiaban aquel desexo común de cambio, a Marea chega agora a un programa electoral que mantén ese chamado “ao 99% agredido”. E mediante 99 propostas “realizables e que significan unha fonda e necesaria mudanza para A Coruña”, indica o candidato á alcaldía, Xulio Ferreiro.

Un programa participativo, que naceu dos principios que enunciaba aquel chamado e que se alimentou do actual ciclo de rebelión democrática, do traballo nas numerosas mareas sectoriais ou de barrio e das 200 aportacións da cidadanía, tanto nun encontro aberto presencial como a través de internet. E que xa é “unha ilusionante realidade”.

Unha Renda Social Municipal que axude aos sectores en risco de exclusión. A auditoría do gasto e a débeda municipal. Un Código Ético que castigue a corrupción e o incumprimento do programa. Un urbanismo sen especulación e unha mobilidade distinta. A creación de Xuntas de Barrio con poder para decidir o destino dalgunhas partidas económicas destinadas a cada distrito. A cancelación de saldos coas entidades bancarias que executen desafiuzamentos, cos que non colaborará o persoal do Concello.

A opción de remunicipalizar servizos agora privatizados ou acabar con chiringuitos que non traballan polo ben común. Unha rebaixa na taxa da auga. Negar espazos municipais para o maltrato animal. Unha política seria para poñer o emprego como prioridade. Un Plan Municipal de Coidados. A creación dun laboratorio que impulse os proxectos culturais da cidade. Un Observatorio das Políticas de Igualdade de Xénero. A defensa dos mercados dos barrios e o comercio de proximidade. E así ata 99 propostas. As da Marea para o 99%.

UNIDADE

Sete organizacións políticas apoian a candidatura cidadá.

“É tempo de unidade”, repite a Marea. “De poñer por diante o que nos une para reconquistar as institucións”. Podemos, Esquerda Unida, Anova, Equo, Compromiso por Galicia e Espazo Ecosocialista non terán papeleta propia o 24 de maio. Apoian a candidatura que encabeza Xulio Ferreiro.

CIDADANÍA

A xente do común dá un paso adiante na cidade da Coruña.

Sen mar, non habería marea. Foron cidadáns e cidadás do común, sen carnet de partido, as que lanzaron a mensaxe o pasado verán: é necesario xuntarse e deixar a un lado as diferenzas, construír un espazo común sobre obxectivos concretos. Hoxe son a garantía da unidade na candidatura.

DEREITOS

Un compromiso: que a política poña as persoas por diante de todo.

Educación, sanidade, vivenda, alimento e enerxía. Garantirlle unha vida digna a todas as veciñas e todos os veciños da Coruña é un dos catro principios básicos da Marea e do seu programa electoral. “Sen exclusións de ningunha clase”, engaden dende a plataforma.

DEMOCRACIA

Máis e mellor democracia, coas portas abertas á participación.

“Nunca máis sen nós”, dicía a campaña coa que a Marea recolleu as propostas da cidadanía, máis de 200, para o seu programa participativo. “Non podemos permitir que unha minoría decida por nós, a porta pechada durante catro anos, as políticas que condicionan a nosa vida”, argumentan.

TRANSPARENCIA

Un concello de cristal para que non prenda a corrupción.

A Marea comprométese a publicar salarios, declaracións da renda, adxudicacións, axudas, axendas dos cargos públicos, mesmo os contratos máis pequenos na xestión diaria do Concello. Queren, din, “que María Pita sexa un concello de cristal; cando non vemos, prende a corrupción”.

ÉTICA

Se os representantes incumpren, poden ser expulsados.

Transparencia, renovación constante, control da cidadanía e mecanismos disciplinarios como antídotos contra a corrupción que asedia o Concello da Coruña. Os cargos electos da Marea non poderán permanecer no cargo máis de dous mandatos e serán revogados se non cumpren.

EMERXENCIA

Unha das prioridades, atender a xente que peor o está a pasar.

Máis de 22.000 persoas sen emprego na Coruña e a metade sen prestacións. Un 13% da veciñanza por debaixo do limiar de pobreza. A Marea propón “medidas de emerxencia dende o primeiro minuto” como a Renda Social Municipal, da que poderían beneficiarse 1.200 familias.

EMPREGO

Apostar polo cercano como fonte de emprego de calidade.

Fronte á política de grandes superficies sen ningunha preocupación pola contorna e a súa xente, a Marea aposta por reactivar o comercio de proximidade, innovar no campo da economía social e axudar ao “verdadeiro caladoiro de emprego”, a pequena e mediana empresa.

VIVENDA

Se alguén queda sen casa, esta non é a nosa cidade.

A Marea asume un compromiso contundente contra os desafiuzamentos. O seu goberno negarase a empregar recursos públicos para expulsar a xente das súas casas, paralizará os lanzamentos que dependan do Concello e romperá cos bancos que non respecten este dereito esencial.

Podes descargar o primeiro número do xornal en PDF premendo aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>