20D, Seguimos medrando

Texto: Manuel Solovio e Raúl Xordo
Foto: Santi Lamelo

Nas elección do 20D, En Marea, a candidatura apoiada pola Marea Atlántica, logrou non poucos fitos na política galega. Sumou máis de 400.000 votos, e converteuse na segunda forza política do país, contando co apoio dunhas trinta iniciativas municipalistas.

As 6 deputadas no Congreso -ás que hai que sumar dúas senadoras- cumprían todos os requirimentos para poder configurarse no primeiro grupo galego das Cortes españolas e só unha actuación fraudulenta e irrespectuosa co electorado, ou directamente unha cacidada dos partidos do rexime, privaron a En Marea de ter o espazo que merecía. Agora será taréfa dos seus deputados e deputadas demostrar co seu traballo que Galicia ten unha voz firme nas institucións do estado, que defende os intereses da xente do común.

Non por nada foi unha candidatura que representa ao 25% do electorado, con personalidade xurídica de seu e que responde a un suxeito político propio, o galego. As deputadas por Lugo e Ourense merecen tamén ser destacadas en circunscricións nas que o bipartidismo monopolizara toda a representación nas cortes españolas.

En número de votos e fronte a un PP en caída libre (perdeu agora 250.000 sufraxios, os peores resultados da súa historia), En Marea é a segunda forza política galega por riba do PsdeG que perde 100.000 votos, os mesmo que perde Nós, e polo que fica sen representación en Madrid. Ademais hai que lembrar o deputado conseguido por Ciudadanos ao obter 148.000 votos a pesar dunha campaña covarde e case inexistente. En Marea é a forza máis votada no concello máis poboado do país, Vigo e noutros grandes concellos como Ames, Arteixo, Cambre, Culleredo, Fene, Narón ou Redondela polo que se consolida como forza urbana por excelencia.

No concello da Coruña, En Marea supera os 45.000 votos e como nas municipais compite co PP disputándolle a vitoria deixando ao PsdG a unha distancia de 15.000 votos mentres Nós consegue pouco máis de 4.000 votos, o que podemos interpretar como un notorio incremento do número de persoas que optan por candidaturas e programas como os que representa e executa na cidade a Marea Atlántica.

Pero seguimos porque este ano 2016, no outono ou antes, haberá eleccións galegas e o camiño da confluencia, agrandado e perfeccionado, co nome de En Marea ou con outro, é o camiño que debe conducir á derrota do PP e das súas políticas. O pasado 16 de xaneiro, 39 mareas municipalistas comezamos a camiñar por esa senda, poñendo as bases dun proceso que aspira a ser unha alternativa ao austericidio que predica e practica Núñez Feijóo.

O obxectivo é claro: constituír unha nova maioría no Hórreo e gobernar Galicia para poñer recursos e códigos, outra vez, ao servizo da xente, do ben común, en clara confrontación coas políticas que o PP empregou para estender a precariedade, a pobreza, a desigualdade e a exclusión.

E, desde A Coruña, a Marea Atlántica segue comprometida en ofrecer ao electorado novas ferramentas compartidas non para figurar senón para disputar o poder, para gobernar as institucións e para devolvelas ao seu mandato democrático máis preclaro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>