15 apostas da Marea

Texto: M. P. Louro
Foto: Antía García Sendón

A Marea Atlántica entende o programa de goberno como un deseño de liñas estratéxicas nas que traballar desde o Concello, co obxectivo final de lograr unha Coruña para a xente.

  1. Optimización do gasto
  2. Para poder investir nas necesidades da xente, cómpre sacarlle o máximo partido ao presuposto municipal. Para mellorar o seu uso, a Marea Atlántica aposta por dúas liñas claras. En primeiro lugar, comprométese a reducir á metade o custo do goberno, limitando os salarios a 40.000 euros brutos anuais para representantes no concello, cargos directivos e persoal de confianza. Por outra banda, é preciso coñecer e suprimir calquera gasto evitable. Para iso a Marea quere realizar unha auditoría do proxecto Smart City, analizar a adxudicación do servizo da ORA —e, se é viable, remunicipalizalo— ou fiscalizar a concesión da Compañía de Tranvías para coñecer o estado das contas, o que permitirá ademais revisar as tarifas.

  3. Participación cidadá
  4. A Marea Atlántica é unha candidatura popular que non entende a cidade sen a xente, por iso o programa de goberno inclúe varias medidas para lograr unha participación efectiva da cidadanía no Concello. Entre elas, cabe destacar a implantación de orzamentos participativos, cos que a xente poida decidir en que se invisten determinados cartos e tamén intervir no deseño e control dos orzamentos. Ademais, tamén se pretende establecer figuras de intervención directa da cidadanía, como distritos para xestionar as necesidades dos barrios, referendos veciñais para as cuestións de especial transcendencia ou a modificación do Regulamento Orgánico Municipal para facilitar e fomentar a participación directa da veciñanza nos plenos.

  5. Rexeneración democrática
  6. Rematar coa corrupción endémica do funcionamento político é un dos obxectivos prioritarios da Marea. Para logralo, hai previstas diferentes medidas coa intención de levar a cabo unha rexeneración democrática que lle devolva o poder á cidadanía. Con este fin, ningún membro da Marea Atlántica permanecerá no seu cargo máis de dous mandatos, isto é, oito anos. Do mesmo xeito, instituiranse mecanismos revogatorios que garantan a expulsión dos concelleiros e as concelleiras da Marea en caso de incumprimento de programa ou de imputacións motivadas. Ademais, todas as concesións municipais serán fiscalizadas e se realizarán auditorías nas mesmas, co fin de asegurar que os cartos se destinan ao fin que foi programado.

  7. Dereito a un teito
  8. A Marea quere un Concello que se preocupa por asegurar o dereito á vivenda dos seus cidadáns. En primeiro lugar, a Marea comprométese a loitar activamente contra os despexos, paralizando aqueles de responsabilidade municipal e procurando alternativas nos desafiuzamentos que non dependan directamente do Concello. Por outra banda, para facilitar o acceso á vivenda, o programa de goberno contempla a elaboración dun plan de fomento do dereito á vivenda e potenciación da vivenda pública, a través de EMVSA. Na mesma liña, co obxectivo de acabar coa bolsa de vivendas deshabitadas, contémplase tamén o aumento nun 50% dos cargos do IBI ás vivendas baleiras propiedade do FROB-SAREB e de entidades financeiras.

  9. Cidade verde
  10. Na Marea teñen claro que o compromiso co medio ambiente é unha condición imprescindible para lograr unha cidade máis humana. Para mudar o gris das explanadas de formigón polo verde, no programa propoñen traballar para a naturalización urbana e a conservación da biodiversidade, mantendo os espazos naturais e zonas verdes existentes e creando novas áreas naturalizadas nos barrios. Así, contémplanse medidas como a apertura efectiva do Parque do Observatorio na Agra do Orzán, a protección do Parque de Bens como espazo verde de uso público —impedindo, mediante o estudo dunha localización alternativa, a construción do Museo do Automóbil que o ameaza— e a tan necesaria rexeneración da ría do Burgo.

  11. Respecto polos animais
  12. Unha Coruña de todos e para todos non pode permitirse dar acubillo a ningún tipo de maltrato animal. A Marea Atlántica desexa converter a cidade, desde o Concello, nun espazo totalmente respectuoso cos animais e por iso formúlase no programa de goberno o compromiso firme de suprimir calquera apoio municipal aos eventos nos que se maltraten os animais, como as touradas ou os circos con animais, eliminando con tal fin tanto as subvencións directas como a cesión de espazos para eses espectáculos. Ademais, proxecta a creación dun Centro Municipal de Protección Animal para os animais abandonados e unha aposta para desenvolver de xeito progresivo e sostible un modelo de xestión de sacrificio cero.

  13. Mobilidade sustentable
  14. A aposta pola mobilidade sustentable é prioritaria: a Marea contemplan a implantación dunha rede eficiente de aparcadoiros disuasorios públicos e gratuítos conectados co transporte público tanto urbano como interurbano, consensuados coa área metropolitana; propón a mellora do servizo de autobús urbano coa reordenación do mapa de rutas, a priorización do paso mediante plataforma reservada en liñas principais, a mellora da accesibilidade nas paradas e a creación de intercambiadores entre o transporte urbano e interurbano en puntos clave. Proxéctase tamén a creación de roteiros prioritarios para peóns e bicicletas —con carril-bici ou por calzada segundo o tipo de vía—, así como o remate da conexión coa Universidade.

  15. Inclusión social
  16. A Coruña que quere a Marea Atlántica non pode deixar a ninguén de lado. A loita pola inclusión e contra a pobreza pasa, para a Marea, pola creación dunha Renda Social Municipal que permita completar os ingresos das persoas máis necesitadas e que minimice as súas dificultades a curto prazo. Cunha perspectiva temporal máis ampla, o programa de goberno contempla a posta en marcha dun Plan Local de Inclusión Social que articule de xeito eficaz a acción pública municipal en materia de políticas sociais. Nese sentido, tamén se propón o deseño e implantación dunha Estratexia Local de Inclusión Laboral para os colectivos en risco de exclusión, entendendo o traballo como ferramenta definitiva de inclusión cidadá.

  17. Combater a pobreza
  18. A actual situación de emerxencia social vén acompañada por novas formas de pobreza e tamén por algunhas xa esquecidas. Para a Marea Atlántica, garantir a cobertura das necesidades básicas limitando ao máximo os efectos desas pobrezas non é só un obxectivo principal, senón un xeito, quizais o único posible, de comprender o goberno municipal. En primeiro lugar e de xeito prioritario, proponse o uso da rede de centros escolares da cidade para eliminar a pobreza alimentaria das e dos menores. Ademais, para minimizar as consecuencias do empobrecemento, o programa de goberno contempla a rebaixa das taxas de auga e a erradicación da pobreza enerxética, que non permite o acceso aos servizos de luz ou calefacción.

  19. Consumo de proximidade
  20. O modelo sustentable de cidade da Marea Atlántica aposta claramente polo comercio de proximidade. Fronte ao modelo de grandes centros comerciais, o programa achega medidas de promoción do comercio local e de potenciación de estratexias colaborativas entre negocios. Planean reorientar o modelo produtivo e facelo máis xusto ambiental e socialmente, promovendo a diversificación da actividade económica, e axustar os itinerarios persoais de inserción das persoas usuarias a este novo enfoque. Nesa liña, apóstase polo fomento dun mercado de produtos de primeira necesidade ecolóxicos e artesanais para fomentar a soberanía alimentaria de concello e bisbarra, xunto con programas de sensibilización.

  21. Eficiencia enerxética
  22. A busca dun concello enerxéticamente sustentable supón outra das grandes liñas de traballo da Marea Atlántica. Con ese fin, o programa inclúe propostas como a integración das políticas de eficiencia enerxética en todas as áreas de xestión municipal, tamén en eventos e festas; medidas técnicas de aforro enerxético en edificios municipais e a realización de auditorías para a rehabilitación enerxética en comunidades veciñais, especialmente nos barrios máis antigos. Tamén se contemplan a revisión e revitalización da Estratexia contra o Cambio Climático e dotación de recursos á Oficina Contra o Cambio Climático, así como a adquisición dunha porcentaxe crecente de enerxía renovable, especialmente cooperativista.

  23. Compromiso ético
  24. A Marea Atlántica entende o goberno municipal desde unha perspectiva humana, que sitúa ao cidadán como centro das súas políticas e polo tanto non pode deixar de lado o compromiso ético coa veciñanza. No programa de goberno, diversas medidas cimentan este compromiso no plano económico: o desenvolvemento dunha economía para as persoas que integre criterios sociais, ambientais e de calidade de vida na economía e unha política fiscal progresiva e socialmente xusta; a incorporación de criterios medioambientais, éticos e sociais aos contratos e compras realizadas polo Concello e a priorización na xestión municipal da banca ética e cancelación de saldos en institucións bancarias que realicen desafiuzamentos.

  25. Creación de emprego
  26. A loita pola creación de emprego está moi presente no programa de goberno da Marea Atlántica. Neste eido contemplan a ampliación de servizos de atención á conciliación e á mellora de vida das persoas que favorezan o acceso ao emprego ao tempo que crean traballo neses servizos. Tamén se propón un programa de formación e creación directa de emprego sostible nas áreas de xestión sostible de residuos, apoio do pequeno comercio e hostalería, atención á dependencia, cooperativismo e rehabilitación enerxética. Ademais, de cara á mocidade, proxéctase un Plan de Emprego Xuvenil con acceso aos fondos europeos que enfatice áreas con xacementos reais de emprego e incorpore os criterios sociais e de innovación.

  27. Memoria e culturas
  28. Na súa aposta pola humanización e a concepción comunitaria do Concello da Coruña, a Marea Atlántica dedica tamén no seu programa un espazo privilexiado ao patrimonio inmaterial da veciñanza. Nese sentido, a candidatura popular propón a activación do proxecto Caixa da memoria como ferramenta de recuperación e posta en valor do legado persoal e colectivo na construción dunha cidade de progreso social. Tampouco deixan de lado no programa de goberno o fomento da lingua e cultura galegas, así como un reforzo das actividades nos centros cívicos e bibliotecas municipais. Ademais, de acordo coa lexislación sobre Memoria Histórica, comprométense á eliminación de toda simboloxía franquista presente no rueiro.

  29. Igualdade activa
  30. Na xénese da Marea Atlántica está o desexo de construír A Coruña con todo o mundo, e por iso no seu programa de goberno contemplan traballar para que o Concello sexa unha ferramenta activa de igualdade. Con ese obxectivo, a candidatura popular asume o compromiso de loitar para garantir o acceso ao uso das institucións culturais e deportivas municipais ás persoas con diversidade funcional. Tamén proxectan a creación dun Observatorio Municipal de Igualdade de Xénero que permita coñecer o escenario real do concello neste eido e tomar medidas contra a discriminación. Outra das medidas igualitarias que propoñen é a de asegurar o funcionamento efectivo da actual Oficina Municipal de Apoio á Migración.

Podes descargar o segundo número do xornal en PDF premendo aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>